COMO está traducido na túa Biblia Isaías 42:8? En A Biblia (SEPT) aparece así: “¡Eu, Iavé, este é o meu Nome! A miña gloria a outro non lla dou; nin a miña louvanza ós ídolos”. Nalgunhas traducións da Biblia aparece de xeito similar. Non obstante, en moitas outras atopamos que se substitúe o nome Xehová, ou Iavé, por tratamentos como “Señor” ou “Eterno”. Que debería aparecer neste versículo? Un título ou o nome Xehová?

O nome de Deus en letras hebreas

Neste versículo aparece un nome propio. En hebreo, o idioma no que se escribiu unha gran parte da Biblia, aquí tamén aparece un nome propio único; con letras hebreas escríbese יהוה (YHWH). En galego, a tradución máis común é Xehová, ou Iavé. Pero, aparece este nome tan só neste versículo? En absoluto. Nos textos orixinais das Escrituras Hebreas aparece case 7.000 veces.

Canta importancia ten o nome de Deus? Pensa en como empeza a oración que Xesús nos deu como modelo: “Vós, rezade así: Noso Pai que estás no ceo, santificado sexa o teu nome” (Mateo 6:9). Máis tarde, o mesmo Xesús oroulle así a seu Pai: “Pai, glorifica o teu Nome”. E Deus respondeulle: “Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo” (Xoán 12:28). Polo tanto, está claro que o nome de Deus é importantísimo. Entón, por que moitos tradutores quitaron este nome das súas traducións da Biblia e o substituíron por títulos?

Parece que por dúas razóns. En primeiro lugar, moitos aseguran que non se debería usar este nome porque non se coñece o xeito no que se pronunciaba orixinalmente. En hebreo antigo escribíase sen vogais. Por iso, ninguén pode saber de maneira exacta como se pronunciaba o nome YHWH en tempos bíblicos. Agora ben, é esta unha razón válida para non utilizar o nome de Deus? Ninguén pode asegurar como se pronunciaba en tempos bíblicos o nome Xesús, aínda que seguramente a pronuncia fose Yeshua ou Yehoshua. En cambio, arredor do mundo a xente usa diversas formas do nome Xesús, e pronúnciao do xeito que  é común no seu idioma. Non dubidan en utilizar o nome de Xesús só porque non saben como se pronunciaba no primeiro século. Igualmente, se viaxas a un país estranxeiro, poida que vexas que o teu nome soa un pouco diferente noutro idioma. Polo tanto, que non saibamos con exactitude cal é a pronuncia orixinal do nome de Deus non é unha razón válida para non usalo.

Unha segunda razón que moitos alegan para quitar o nome de Deus da Biblia ten que ver cunha tradición xudía moi antiga. Segundo esta tradición, nunca se debería pronunciar o nome de Deus. Evidentemente, esta crenza está baseada nunha mala interpretación da lei bíblica que di: “Non pronunciarás en van o nome do Señor o teu Deus, pois o Señor non deixa sen castigo ó que pronuncia en van o seu nome” (Éxodo 20:7).

Esta lei prohibe que se utilice o nome de Deus de maneira incorrecta. Pero, prohibe usalo se o facemos con respecto? Claro que non. Os escritores das Escrituras Hebreas (ou “Antigo Testamento”) foron homes fieis que viviron baixo a Lei que Deus dera ós israelitas, e eles usaron con frecuencia o nome de Deus. Por exemplo, incluírono en multitude de salmos que moita xente cantaba na súa adoración a Deus. Xehová ensinoulles ós seus adoradores a invocar o Seu nome, e os que foron fieis así o fixeron (Xoel 3:5; Feitos 2:21). Por todo isto, os cristiáns da actualidade non dubidan en utilizar o nome de Deus dun xeito respectuoso, tal e como fixo Xesús (Xoán 17:26).

Cando os tradutores da Biblia substitúen o nome de Deus por títulos ou tratamentos, están a cometer un erro moi grave. Fan que Deus pareza impersoal e inalcanzable, mentres que a Biblia nos anima a cultivar unha amizade íntima con El (Proverbios 3:32). Pensa nun amigo íntimo que teñas. Dirías que é un dos teus mellores amigos se nin sequera soubeses o seu nome? Do mesmo xeito, se a xente non coñece o nome de Deus, Xehová, como poderá achegarse de verdade a El? Ademais, cando a xente non usa o nome de Deus, tamén perde a oportunidade de coñecer o seu marabilloso significado. Que significa o nome divino?

Deus mesmo explicou o significado do seu nome a Moisés, o seu servo fiel. Cando Moisés lle preguntou polo seu nome, Xehová respondeulle: “EU SON O QUE SON” (Éxodo 3:14). Aínda  que moitas Biblias traducen dun xeito similar a resposta de Xehová, a tradución de Rotherham faino da seguinte maneira: “Eu Chegarei a Ser o que eu desexe”. Polo tanto, o Seu nome significa que El pode chegar a ser o que precise para cumprir todo canto se propón, e tamén pode facer que a súa creación faga ou chegue a ser o que sexa necesario para cumprir o Seu propósito.

Imaxina que puideses chegar a ser o que quixeses. Que farías polos teus amigos? Se algún deles tivese unha enfermidade moi grave, haberíaste converter nun hábil médico para poder curalo, verdade? E se outro tivese problemas económicos, non trocarías nun valedor rico e o axudarías? Pero a realidade é que ninguén de nós pode chegar a ser todo o que queira. Segundo estudes a Biblia vas quedar abraiado cando vexas como Xehová chega a ser todo o que é necesario para cumprir a súas promesas. Ademais, comprácelle moitísimo usar o seu poder para axudar a quen lle quere (2Crónicas 16:9). Os que non coñecen o nome de Xehová quedan sen saber destas marabillosas facetas da súa personalidade.

Está claro que o nome Xehová debe aparecer na Biblia. Coñecer o seu significado e usalo na nosa adoración é unha magnífica maneira de achegarnos ó noso Pai celestial, Xehová. *

^ par.2 Se desexas máis información sobre o nome de Deus, o seu significado, e por que usalo na Súa adoración, podes consultar o folleto El nombre divino que durará para siempre, publicado polas testemuñas de Xehová. Podes ler tamén a sección 1 do folleto Guía para el estudio de la Palabra de Dios.