Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Que ensina realmente a Biblia?

 APÉNDICE

Que é o Día do Xuízo?

Que é o Día do Xuízo?

COMO cres que será o Día do Xuízo? Moitos imaxinan a miles de millóns de almas reunidas diante do trono de Deus para ser xulgadas polos seus feitos. Uns serán recompensados coa vida nos ceos e outros serán condenados ó tormento eterno. Pero a escena do Día do Xuízo descrita na Biblia é ben distinta. Non será un tempo aterrador, senón cheo de esperanza, e no que a humanidade volverá ó seu estado de perfección orixinal.

En Apocalipse 20:11, 12 o apóstolo Xoán ofrece a seguinte visión deste momento: “Logo vin un gran trono branco e vin quen estaba nel sentado: da súa presencia fuxiron o ceo e a terra e deles non quedou nin rastro. Logo vin os mortos, grandes e pequenos, de pé diante do trono; e abríronse uns libros. Abriuse tamén outro libro, o libro da vida, e ós mortos xulgáronos polo escrito nos libros, conforme as súas obras”. Quen é este xuíz sentado no trono?

Se ben é certo que o Xuíz Supremo da humanidade é Xehová, delegou esta tarefa noutra persoa. En Feitos 17:31 o apóstolo Paulo afirma que Deus “estableceu un día no que ha xulga-lo mundo con xustiza por medio do home que El determinou”. A Biblia indica que este xuíz é Xesucristo resucitado (Xoán 5:22). Pero xorden outras preguntas: Cando comezará o Día do Xuízo? E canto durará?

 O libro de Apocalipse mostra que o Día do Xuízo empezará despois da guerra de Harmaguedón, a cal acabará con este malvado mundo de Satán (Apocalipse 16:14, 16; 19:19–20:3). * Despois de Harmaguedón, Satán e mailos seus demos serán botados nun abismo onde estarán encerrados por mil anos. Durante ese tempo os 144.000 coherdeiros xulgarán e comezarán a reinar con Cristo mil anos desde o ceo (Apocalipse 14:1-3; 20:1-4; Romanos 8:17). Polo tanto, o Día do Xuízo non será un período de 24 horas no que todo pasará moi rápido, senón que durará mil anos.

Durante estes mil anos, Xesucristo vai “xulgar a vivos e mortos” (2Timoteo 4:1). O colectivo formado polos “vivos” é o que Apocalipse 7:9-17 describe como “un mundo de xente” que sobrevivirá a Harmaguedón. O apóstolo Xoán tamén presenciou na súa visión os “mortos [...] de pé diante do trono” para ser xulgados. Tal e como Xesús prometera, “tódolos que están nos sepulcros” e que estean na memoria de Xehová escoitarán a voz de Xesús e serán resucitados (Xoán 5:28, 29; Feitos 24:15). Pero, cal será a base para xulgalos?

Segundo a visión do apóstolo Xoán, “abríronse uns libros” e “ós mortos xulgáronos polo escrito nos libros, conforme as súas obras” (Apocalipse 20:12). Serán estes libros un rexistro de todo o que fixeron estas persoas no pasado? Non, o xuízo non se centrará no que fixeron antes de morrer. Como o sabemos? A propia Biblia afirma: “Porque o que morre queda liberado do pecado” (Romanos 6:7). Segundo estas palabras, os resucitados volverán á vida co seu historial limpo, por así dicilo. Polo tanto, estes libros teñen que representar novas instrucións de Deus. Se queren vivir para sempre, tanto os que sobrevivan a Harmaguedón coma os resucitados deberán obedecer os mandamentos de Deus, incluídos os que El dea durante os mil anos. Así que cada persoa será xulgada en base ó que faga durante o Día do Xuízo.

 Durante o Día do Xuízo miles de millóns de persoas poderán ter por primeira vez a oportunidade de aprender a vontade de Deus e facela. Terá lugar unha labor educativa a gran escala (Isaías 26:9). Pero haberá quen non queira cumprir a vontade de Deus. En Isaías 26:10 lemos: “Aínda que o malvado se vexa favorecido, non aprende a xustiza, no país da rectitude obra mal e non recoñece a grandeza do Señor”. Estas persoas ruíns serán destruídas para sempre durante o Día do Xuízo.

Contra a fin do Día do Xuízo, os que sobrevivan volverán á vida no pleno sentido da palabra, como humanos perfectos (Apocalipse 20:5). Neste período a humanidade recuperará a perfección (1Corintios 15:24-28). Entón, terá lugar unha proba final. Soltarase a Satán da súa prisión e terá permiso para intentar enganar a humanidade unha última vez (Apocalipse 20:3, 7-10). Os que resistan o Demo verán cumprida esta fermosa promesa: “Os xustos herdarán a terra e habitarán nela para sempre” (Salmo 37:29). O Día do Xuízo será unha bendición para toda a humanidade obediente.

^ par.1 Atoparás máis información sobre o Harmaguedón na obra Perspicacia para comprender las Escrituras, volume 1, páxinas 680, 681, 1086, 1087, e no capítulo 20 do libro Adoremos al único Dios verdadero, ambos publicados polas testemuñas de Xehová.