Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Que ensina realmente a Biblia?

 CAPÍTULO 14

Como ter unha vida familiar feliz?

Como ter unha vida familiar feliz?
  • Que se necesita para ser un bo marido?

  • Como pode unha muller ser unha boa esposa?

  • Que implica ser un bo pai?

  • Como poden os fillos contribuír á felicidade familiar?

1. Cal é o segredo para ter unha familia feliz?

XEHOVÁ quere que a túa familia sexa feliz. Na Súa Palabra, a Biblia, Deus explica o papel que cada membro da familia debe desempeñar. Cando todos cumpren cos seus papeis seguindo estes consellos, obteñen bos resultados. Como dixo Xesús: “Ditosos máis ben os que escoitan a Palabra de Deus e a gardan” (Lucas 11:28).

2. Que temos que recoñecer para que a nosa familia sexa feliz?

2 Para que a nosa familia sexa feliz, temos que recoñecer que Xehová, a quen Xesús chamou “Noso Pai”, é o Creador da familia (Mateo 6:9). Tódalas familias existen grazas a El, polo que estamos seguros de que sabe ben o que as fará felices (Efesios 3:14, 15). Entón, que ensina a Biblia sobre o papel que cada membro da familia debe cumprir?

DEUS CREOU A FAMILIA

3. Como describe a Biblia o comezo da familia, e por que sabemos que así foi?

3 Despois de crear os primeiros humanos, Adam e Eva, Xehová uniunos como marido e muller. Deulles un fermoso paraíso para vivir nel, o xardín de Edén, e díxolles  que tivesen fillos. Xehová mandoulles: “Reproducídevos, crecede, enchede a terra” (Xénese 1:26-28; 2:18, 21-24). Isto non é un conto, xa que o mesmo Xesús demostrou que o relato da orixe da familia que lemos en Xénese é certo (Mateo 19:4, 5). Aínda que temos moitos problemas e, de momento, a nosa vida non é tal e como Deus se propuxo, a continuación veremos por que é posible que as familias sexan felices.

4. a) Como pode contribuír cada un de nós á felicidade da súa familia? b) Por que é importante para a felicidade da familia estudar a vida de Xesús?

4 Cada un dos membros pode contribuír a que a súa familia sexa feliz imitando o xeito en que Xehová demostra amor (Efesios 5:1, 2). Pero, como podemos imitar a Deus se nunca o vimos? Podemos saber como actúa grazas a que mandou o seu Fillo unixénito á Terra (Xoán 1:14, 18). Este fillo, Xesucristo, imitou tan ben ó seu Pai que velo e escoitalo a el era coma estar con Xehová e escoitalo (Xoán 14:9). Polo tanto, cando aprendemos acerca do amor que Xesús mostrou e o imitamos, podemos contribuír á felicidade da nosa familia.

UN MODELO PARA OS MARIDOS

5, 6. a) Como é un exemplo para os maridos o xeito en que Xesús trata a congregación? b) Que temos que facer para recibir o perdón dos nosos pecados?

5 A Biblia indica que os maridos deben tratar a súa muller do mesmo xeito que Xesús trata os seus discípulos. Fíxate no mandato que dá a Biblia: “Homes, amade as vosas mulleres, coma tamén Cristo amou a Igrexa e se entregou por ela [...]. Así deben tamén os maridos ama-las súas mulleres coma os seus propios corpos. Quen ama a súa muller, ámase a si mesmo, porque ninguén odiou endexamais a súa propia carne senón que a mantén e aquece, como fai Cristo coa Igrexa” (Efesios 5:23, 25-29).

 6 O amor que Xesús demostrou ós seus discípulos é un magnífico exemplo para os maridos. Xesús “amounos ata a fin”, xa que deu a súa vida por eles aínda que os seus discípulos non eran, nin moito menos, perfectos (Xoán 13:1; 15:13). De xeito parecido, a Biblia insta ós maridos a que amen as súas mulleres e que non sexan ariscos ou bruscos con elas (Colosenses 3:19). Que axudará ó marido a aplicar este consello, incluso cando a súa muller cometa algún erro? Debería recordar os seus propios erros e o que el mesmo ten que facer para recibir o perdón de Deus. E que é? Perdoar a tódolos que lle fagan algún mal, incluída a súa muller. E ela debería facer o mesmo (le Mateo 6:12, 14, 15). Sen dúbida, un matrimonio de éxito é a unión de dúas persoas que saben perdoar.

7. Que tiña en conta Xesús, e por que é isto un bo exemplo para os maridos?

7 Os maridos fan ben en fixarse en que Xesús sempre demostraba consideración polo seus discípulos. Tiña en conta as súas limitacións e necesidades físicas. Por exemplo, nunha ocasión na que estaban cansos, díxolles: “Vide vós comigo a un lugar arredado, e descansade un pouco” (Marcos 6:30-32). As esposas merecen a mesma consideración. De feito, a Biblia descríbeas como “un ser máis feble” a quen tratar con coidado e delicadeza. Polo tanto, os maridos débenlles mostrar o “debido respecto”. Por que? Porque tanto uns coma outros recibirán o “don gratuíto da Vida” (1Pedro 3:7). Os maridos deberían recordar que Deus valora a unha persoa pola súa lealdade a El, sexa home ou muller (Salmo 101:6).

8. a) Como é que o marido que “ama a súa muller, ámase a si mesmo”? b) Que quere dicir que son “unha soa carne”?

8 A Biblia afirma que o marido que “ama a súa muller, ámase a si mesmo”. Isto é así porque, tal e como dixo Xesús, ó casar, marido e muller chegan a ser “unha  soa carne” (Mateo 19:6). Polo tanto só deben interesarse sexualmente un polo outro (Proverbios 5:15-21; Hebreos 13:4). Para conseguilo terán que ser xenerosos ó atender as necesidades do outro (1Corintios 7:3-5). “Ninguén odiou endexamais a súa propia carne senón que a mantén e aquece”, lemos na Biblia. Polo tanto, o marido ten que amar a súa muller como a si mesmo, coidando dela en sentido físico e emocional, xa que renderá contas ante o seu cabeza, Xesucristo (Efesios 5:29; 1Corintios 11:3).

9. Que calidade de Xesús se menciona en Marcos 10:21, e por que os maridos deberían tratar así as súas mulleres?

9 Xesús mostraba o cariño que sentía pola xente (Marcos 10:21). A súa tenrura resultáballe atractiva ás súas discípulas (Xoán 20:1, 11-13, 16). As esposas tamén necesitan que os seus homes sexan afectuosos e tenros con elas.

UN EXEMPLO PARA AS ESPOSAS

10. En que sentido é Xesús un exemplo para as esposas?

10 Unha familia é unha organización que, para que marche ben, necesita un cabeza. Mesmo Xesús ten un cabeza. “A cabeza de Cristo é Deus”, tal e como “a cabeza da muller é o home” (1Corintios 11:3). Como todos estamos sometidos a un cabeza, a submisión de Xesús a Deus é un magnífico exemplo para nós.

11. Que actitude debería ter a esposa respecto ó seu marido, e que resultados podería ter a súa conduta?

11 Os maridos son imperfectos e, polo tanto, moitas veces equivócanse e non son cabezas de familia ideais. Nestes casos, que debería facer a esposa? Non debería menosprezar o que fai o seu marido ou intentar pasar por riba del. A esposa fará ben en recordar que Deus valora moito que demostre un espírito agarimoso e tranquilo (1Pedro 3:4). Cando se esforza por ter esta actitude é máis doado para ela demostrar suxeición, mesmo cando haxa problemas. Ademais, a Biblia indica que a muller debe respectar  o seu marido (Efesios 5:33). Pero, que debe facer se el non acepta a Xesús como o seu cabeza? A Biblia sinala que a muller debe respectar a autoridade do seu marido porque “deste xeito, se algúns non cren na Palabra, sen necesidade de palabra ningunha poderanos gañar polo bo xeito de vida por respecto ó Señor” (1Pedro 3:1, 2).

12. Por que non está mal que a esposa exprese as súas opinións de xeito respectuoso?

12 Cando a esposa ten unha opinión diferente á do seu marido, sexa el cristián ou non, non lle estará faltando ó respecto se a expresa con tacto. Como o punto de vista dela pode ser correcto, a familia beneficiarase se o marido a escoita. Por exemplo, nunha ocasión Abraham non estaba de acordo coa solución a un problema familiar que a súa esposa, Sara, lle propuxera. Pero Deus díxolle: “Fai o que Sara che di” (le Xénese 21:9-12). Por suposto, cando o marido toma unha decisión definitiva que non vai en contra das normas de Deus e a muller dálle o seu apoio, demostra que respecta a autoridade do seu marido (Feitos 5:29; Efesios 5:24).

Que bo exemplo lles puxo Sara ás esposas?

13. a) Que lles anima a facer ás esposas Tito 2:4, 5? b) Segundo a Biblia, cal é a opinión de Deus respecto á separación e ó divorcio?

13 Cando cumpre co seu papel, a esposa faille moito ben á familia. Por exemplo, a Biblia dilles ás mulleres casadas que queiran “ós seus homes e ós seus fillos” e que sexan “asisadas, limpas, boas administradoras da casa, sumisas ós seus propios homes, para non desprestixia-la palabra de Deus” (Tito 2:4, 5). Cando unha esposa e nai actúa deste xeito, gaña o respecto e o amor da súa familia (le Proverbios 31:10, 28). Pero como o matrimonio é a unión de dúas persoas imperfectas, poida que en circunstancias extremas se chegue á separación ou ó divorcio. A Biblia permite a separación nalgúns casos, pero non debe tomarse á lixeira, xa que a Palabra de Deus di: “Que a muller non se separe do seu home” (1Corintios  7:10, 11). As Escrituras só permiten o divorcio en caso de adulterio (Mateo 19:9).

UN EXEMPLO PERFECTO PARA OS PAIS

14. Como tratou Xesús os nenos, e que necesitan os fillos dos seus pais?

14 Xesús tamén lles puxo o exemplo ós pais de como deben tratar os fillos. Nunha ocasión na que algúns intentaron evitar que uns nenos se acercasen a Xesús, el dixo: “Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades”. Entón, segundo explica a Biblia, “abrazounos e bendiciunos” (Marcos 10:13-16). Vendo que Xesús apartou tempo para estar cos máis pequenos, non cres que deberías facer o mesmo cos teus fillos? Non chega con que lles deas as miguiñas do teu tempo, senón que necesitan que lles dediques unha cantidade considerable del. É importante que apartes tempo para ensinarlles, tal e como Xehová manda a tódolos pais (le Deuteronomio 6:4-9).

15. Que poden facer os pais para protexer os seus fillos?

15 Como o mundo é cada vez máis malvado, os  fillos necesitan que seus pais os protexan daqueles que intentan facerlles dano, como os que buscan abusar sexualmente deles. Fíxate en como protexeu Xesús os seus discípulos, ós que cariñosamente chamou “meus fillos”. Cando o arrestaron, pouco antes de morrer, preocupouse de que puidesen escapar (Xoán 13:33; 18:7-9). Se es pai, necesitas estar alerta ós intentos do Demo de facerlles dano ós teus pequenos. Anticípate ós seus ataques e advírtelles dos perigos (1Pedro 5:8). * Os nenos nunca estiveron tan ameazados física, espiritual e moralmente.

Que poden aprender os pais do xeito en que Xesús tratou os nenos?

16. Que poden aprender os pais do xeito en que Xesús reaccionaba ante as imperfeccións dos seus discípulos?

 16 A noite xusto antes de que Xesús morrese, os seus discípulos discutiron sobre quen deles era o máis importante. Xesús, en vez de enfadarse con eles, corrixiunos amorosamente con palabras e co seu exemplo (Lucas 22:24-27; Xoán 13:3-8). Se es pai, como podes imitar a Xesús cando tes que corrixir os teus fillos? É certo que ás veces terás que reprendelos, pero sen excederte e nunca con rabia. Non deberías falarlles de xeito desconsiderado coma os que “falan a estocadas” (Xeremías 30:11; Proverbios 12:18). A disciplina debería impartirse de tal xeito que o rapaz vexa que era o mellor para el (Efesios 6:4; Hebreos 12:9-11).

UN MODELO PARA OS FILLOS

17. Como puxo Xesús un exemplo perfecto para os fillos?

17 Poden tamén os fillos aprender de Xesús? Por suposto que si. Co seu exemplo, mostroulles que deberían obedecer ós seus pais. Xesús mesmo dixo: “Falo do que o Pai me ensinou”. E engadiu: “Eu fago sempre o que a El lle agrada” (Xoán 8:28, 29). A Biblia mándalles ós fillos que sexan obedientes ós seus pais, tal e como tamén Xesús foi obediente ó seu Pai (le Efesios 6:1-3). Fíxate en que, sendo un neno perfecto, Xesús foi obediente ós seus pais humanos, Xosé e María, aínda que eran persoas imperfectas. Seguro que isto contribuíu á felicidade da familia (Lucas 2:4, 5, 51, 52).

18. Por que obedeceu Xesús sempre o seu Pai, e a quen fan felices os nenos que obedecen os seus pais?

18 De que maneiras poden os fillos ser coma Xesús e facer felices a seus pais? Unha maneira é obedecendo. Aínda que ás veces lles custe, é o que Xehová quere que fagan (Proverbios 1:8; 6:20). Xesús sempre obedeceu  a seu Pai, mesmo en circunstancias difíciles. Nunha ocasión en que tiña que facer algo moi difícil que o seu Pai lle mandara, Xesús dixo: “Arreda de min este cáliz [o que lle mandara facer]”. Non obstante, Xesús fixo o que Deus lle pedira porque entendía que seu Pai sabía que era o mellor (Lucas 22:42). Os fillos que aprenden a ser obedientes fan felices tanto ós seus pais coma ó seu Pai celestial, Xehová (Proverbios 23:22-25). *

En que deberían pensar os rapaces cando se enfronten a tentacións?

19. a) Como tenta Satán os máis novos? b) Como lles afecta ós pais a mala conduta dos seus fillos?

19 Satán tentou a Xesús, e seguro que tamén vai tentar os máis novos para que fagan o que está mal (Mateo 4:1-10). Por exemplo, o Demo usa a presión dos compañeiros, que pode ser moi difícil de resistir. Que importante é que os rapaces eviten as malas compañías, verdade? (1Corintios 15:33) A filla de Xacob, Dinah, pasou por moitas porque se fixo amiga daqueles que non adoraban a Xehová (Xénese 34:1, 2). Pensa, por exemplo, en canto sofre unha familia cando un dos seus membros comete inmoralidade sexual (Proverbios 17:21, 25).

 O SEGREDO DA FELICIDADE FAMILIAR

20. Que debemos facer para que a nosa familia sexa feliz?

20 É máis fácil superar os problemas cando se aplican os consellos da Biblia. Este é o segredo dunha vida familiar feliz. Polo tanto, esposos, amade as vosas mulleres e tratádeas como Xesús tratou a congregación. Esposas, respectade a autoridade dos vosos homes e seguide o exemplo da muller xeitosa de Proverbios 31:10-31. Pais, educade os vosos fillos (Proverbios 22:6). Non esquezades gobernar ben a vosa casa (1Timoteo 3:4, 5; 5:8). Fillos, obedecede os vosos pais (Colosenses 3:20). Non esquezamos que ninguén é perfecto, todos nos equivocamos. Polo tanto, sexamos humildes e pidámonos perdón uns ós outros.

21. Que marabilloso futuro temos por diante, e como podemos desfrutar dunha vida de familia feliz xa dende agora?

21 A Biblia é unha fonte de valiosos consellos e instrucións para as familias. Ademais, fálanos do novo mundo de Deus e dun paraíso na Terra que estará cheo de persoas que adoran a Xehová (Apocalipse 21:3, 4). Que marabilloso futuro temos por diante! Pero xa dende agora podemos desfrutar dunha vida de familia feliz se aplicamos os consellos de Deus que atopamos na súa Palabra, a Biblia.

^ par.15 Podes atopar axuda sobre como protexer os rapaces no capítulo 32 do libro Aprendamos del Gran Maestro, publicado polas Testemuñas de Xehová.

^ par.18 Un fillo pode desobedecer ós seus pais só no caso de que estes lle pidan que faga algo en contra do que Deus quere (Feitos 5:29).