• Como se leva a cabo o bautismo cristián?

  • Que pasos hai que dar para poder bautizarse?

  • Como se dedica un a Deus?

  • Que importante razón hai para bautizarse?

1. Que levou a un oficial da corte etíope a querer bautizarse?

“AQUÍ hai auga, ¿por que non me podo bautizar eu?”, preguntou un oficial da corte de Etiopía do primeiro século. Un cristián chamado Felipe acababa de demostrarlle que Xesús era o Mesías prometido. Quedou tan impresionado polo que lle aprendera que decidiu actuar  en consecuencia. Díxolle a Felipe que quería bautizarse (Feitos 8:26-36).

2. Por que deberías pensar seriamente na posibilidade de bautizarte?

2 Se xa estudaches con atención os capítulos anteriores deste manual con algunha testemuña de Xehová, poida que te sintas preparado para preguntar: “Por que non me podo bautizar eu?”. Agora xa sabes que a Biblia promete vida eterna nun paraíso na Terra (Salmo 37:29; Apocalipse 21:3, 4). Tamén coñeces en que estado se atopan os mortos, e a esperanza da resurrección (Eclesiastés 9:5; Xoán 5:28, 29). Seguramente leves algún tempo asistindo ás reunións das testemuñas de Xehová e comprobases por ti mesmo que practican a relixión verdadeira (Xoán 13:35). E, máis importante aínda, probablemente esteas cultivando unha relación estreita e persoal con Xehová.

3. a) Que lles mandou Xesús ós seus discípulos? b) Como se leva a cabo o bautismo cristián?

3 Como podes demostrar que queres servir a Xehová? Xesús díxolles ós seus seguidores: “Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos” (Mateo 28:19). Xesús mesmo puxo o exemplo cando foi bautizado. Pero nin o salpicaron con auga nin lla botaron por riba da cabeza sen máis (Mateo 3:16). O termo grego para bautizar significa “mergullar na auga”. Polo tanto, o bautismo cristián faise mergullando, ou somerxendo, a persoa na auga.

4. Que demostramos cando nos bautizamos?

4 Para ter unha relación estreita co noso Pai celestial, Xehová, é imprescindible que nos bauticemos. O acto público do bautismo demostra que desexas servir a Deus e que desfrutas facendo a Súa vontade (Salmo 40:8, 9 [40:7, 8NM]). Non obstante, para te poder bautizar debes dar certos pasos.

 É NECESARIO TER COÑECEMENTO E FE

5. a) Cal é o primeiro paso para poder bautizarse? b) Por que é importante asistir ás reunións cristiás?

5 O primeiro paso xa o deches cando empezaches a coñecer o único Deus verdadeiro e o seu Fillo, Xesucristo, quizais mediante un curso da Biblia (le Xoán 17:3). Pero aínda queda moito por aprender. Os cristiáns verdadeiros queremos que se nos “encha do coñecemento” da vontade de Deus (Colosenses 1:9). Algo que che axudará a conseguilo é asistir ás reunións de congregación das testemuñas de Xehová. É importante que non perdamos ningunha (Hebreos 10:24, 25). Se asistes con regularidade poderás chegar a coñecer a Xehová.

Para poder dar o paso do bautismo é imprescindible aprender as verdades que contén a Palabra de Deus

6. Canto coñecemento sobre a Biblia debes ter para te poder bautizar?

6 Para poder bautizarte non é necesario que coñezas a Biblia enteira. O oficial da corte de Etiopía algo sabía, pero faltábanlle por comprender certas pasaxes das Escrituras (Feitos 8:30, 31). Do mesmo xeito, aínda che queda moito que aprender. De feito, nunca acabaremos por coñecer de todo a Xehová (Eclesiastés 3:11). Non obstante, se queres bautizarte é imprescindible que coñezas e aceptes as ensinanzas básicas da Biblia (Hebreos 6:1). Algunhas destas están relacionadas coa verdade sobre o estado en que se atopan os mortos, e coa importancia do nome de Deus e o seu Reino.

7. Que efecto debería ter en ti o estudo da Biblia?

7 Non abonda con coñecer as ensinanzas bíblicas, xa que “sen fe é imposible que un lle agrade a Deus” (Hebreos 11:6). A Biblia relata como algúns habitantes da antiga cidade de Corinto, cando escoitaron a mensaxe que os cristiáns predicaban, “abrazaron a fe e bautizáronse” (Feitos 18:8). Do mesmo xeito, se estudas a Biblia poderás ter fe en que é a Palabra inspirada de Deus. E tamén  deberías chegar a ter fe nas promesas de Deus e no sacrificio de Xesús como o único medio para a salvación (Xosué 23:14; Feitos 4:12; 2Timoteo 3:16, 17).

COMPARTE AS VERDADES DA BIBLIA CON OUTROS

8. Que te motivará a compartir con outros o que aprendiches?

8 Segundo a túa fe vaia medrando, verás como non vas poder calar todo canto aprendiches (Xeremías 20:9). Sentirás a necesidade de compartir con outros as ensinanzas sobre Deus e os Seus propósitos (le 2Corintios 4:13).

A túa fe moverate a compartir o que aprendes con outros

9, 10. a) Con quen poderías empezar a compartir as verdades que aprendes na Biblia? b) Que deberías facer se desexas participar na predicación organizada das testemuñas de Xehová?

9 Poderías empezar por explicarlles con tacto as verdades bíblicas a algúns parentes, amigos, veciños e compañeiros de traballo. Co tempo has querer participar na predicación que levan a cabo dun xeito organizado as testemuñas de Xehová. Cando chegue ese momento, podes comentarllo con toda a confianza a quen che estea ensinando a Biblia. Se en principio cumpres os requisitos para predicar publicamente, ambos teredes que reunirvos con dous anciáns da congregación.

10 Deste xeito poderás coñecer mellor a algúns dos anciáns que coidan do rabaño de Deus (Feitos 20:28; 1Pedro 5:2, 3). Se estes ven que entendes as ensinanzas básicas da Biblia, vives de acordo coas leis e principios de Deus, e desexas ser unha testemuña de Xehová, comunicaranche que podes participar na predicación pública das boas noticias do Reino como evanxelizador, ou predicador, sen bautizar.

11. Que cambios poderías ter que facer na túa vida se quixeses ir predicar?

11 Por outra parte, para que poidas ir predicar, quizais sexa necesario que fagas algún cambio máis nos teus  hábitos ou estilo de vida. Iso podería incluír deixar algún hábito persoal que mantiveses en segredo. Polo tanto, para poderes solicitar ser evanxelizador, ou predicador, sen bautizar, é imprescindible que a túa vida estea libre de pecados graves, como a inmoralidade sexual, o abuso do alcohol e o consumo de drogas (le 1Corintios 6:9, 10; Gálatas 5:19-21).

O ARREPENTIMENTO E A CONVERSIÓN

12. Por que debemos arrepentirnos?

12 Para poderte bautizar hai que dar algúns pasos máis. O apóstolo Pedro escribiu: “Arrepentídevos, logo, e convertédevos, para que se borren os vosos pecados” (Feitos 3:19). Arrepentirse implica lamentar con sinceridade o que un fixo. Se ben é evidente que o arrepentimento é imprescindible para calquera que leve unha vida inmoral, tamén é necesario para quen leva unha vida relativamente limpa en sentido moral. Por que? Porque tódolos humanos somos pecadores e precisamos o perdón de Deus (Romanos 3:23; 5:12). Antes de empezar a estudar a Biblia non sabías cal era a vontade de Deus, polo que non podías vivir totalmente de acordo con ela. Por iso o arrepentimento é necesario.

13. Que é a conversión?

13 Despois do arrepentimento vén a conversión, que implica máis que simplemente lamentarse dos pecados. Supón rexeitar o teu estilo de vida anterior, e que te determines a facer o correcto. Antes de bautizarte, debes dar os pasos do arrepentimento e da conversión.

A DEDICACIÓN PERSOAL A XEHOVÁ

14. Que importante paso debes dar antes de poder bautizarte?

14 Aínda debes dar un paso máis antes de bautizarte. É imprescindible que te dediques a Xehová.

Xa lle fixeches unha oración a Xehová para dedicarte a El?

15, 16. Que implica dedicarse a Xehová, e que nos impulsará a facelo?

 15 Cando un se dedica a Xehová, fai unha oración sincera prometéndolle que sempre lle dará toda a súa devoción. Por que alguén querería adquirir un compromiso así? Imaxina que un home quere coñecer mellor a unha muller e comezan a saír xuntos. Canto mellor a coñece, máis lle gusta e máis quere estar con ela. Co tempo é natural que lle pida para casar. Se ben é certo que o matrimonio implica adquirir novas responsabilidades, o amor que sente por ela moverao a dar este importante paso.

16 Cando chegamos a coñecer e amar a Xehová, sentímonos impulsados a servilo sen reservas, sen poñerlle límites á nosa adoración. De feito, quen queira seguir o Fillo de Deus, Xesucristo, debe renunciar a si mesmo (Marcos 8:34). Renunciamos a nós mesmos cando non deixamos que ningún desexo ou obxectivo persoal estea por enriba da nosa obediencia a Deus. Por iso, antes de bautizarte debes asegurarte de que non hai nada máis importante para ti que servir a Xehová (le 1Pedro 4:2).

COMO SUPERAR O MEDO A FALLAR

17. Por que algúns non se deciden a dedicarse a Xehová?

17 Algúns non se deciden a dedicarse a Xehová porque os asusta dar un paso tan serio na súa vida. Saben que, como cristiáns dedicados, terán que lle render contas a Deus. Como lles preocupa tanto fallarlle a Xehová e decepcionalo, conclúen que é mellor non dedicarse a El.

18. Que te motivará a dedicarte a Xehová?

18 A medida que coñezas mellor a Xehová, sentiraste motivado a dedicarte a El e a vivir de acordo con tal compromiso (Eclesiastés 5:3 [5:4NM]). Unha vez que esteas  dedicado, sen dúbida has querer seguir andando “para contenta-lo Señor” (1Tesalonicenses 4:1). Como lle queres, non che resultará difícil obedecelo. Seguro que pensarás coma o apóstolo Xoán, quen escribiu: “Porque o amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados” (1Xoán 5:3).

19. Por que non deberías ter medo de dedicarte a Xehová?

19 Para dedicarte a Xehová non tes que ser perfecto. El coñece as nosas limitacións e nunca nos pide máis do que lle poidamos dar (Salmo 103:14). Xehová quere que che vaia ben, e por iso sempre che dará todo o apoio que  precises (le Isaías 41:10). Podes estar seguro de que, se confías nel con todo o corazón, “achanzará os teus vieiros” (Proverbios 3:5, 6).

O BAUTISMO SIMBOLIZA A TÚA DEDICACIÓN A XEHOVÁ

20. Por que a dedicación a Xehová debe ser algo máis que un asunto privado?

20 Poida que, despois do que levamos considerado, decidas facerlle unha oración a Xehová para dedicarte a El.  Cando alguén ama de verdade a Xehová dá un paso máis, demostrando publicamente que está dedicado a El (Romanos 10:10). Como podes facelo?

O bautismo simboliza que un “morre” con respecto á súa vida anterior, e “vive” para facer a vontade de Deus

21, 22. Como podes facer unha declaración pública da túa fe?

21 Dille ó coordinador dos anciáns da túa congregación que desexas bautizarte. El encargarase de que algúns anciáns repasen contigo unha serie de preguntas sobre as ensinanzas básicas da Biblia. No caso de que vexan que reúnes os requisitos necesarios, poderás bautizarte no seguinte congreso. * Nesa ocasión escoitarás un discurso no que se explica cal é o significado do bautismo. O orador fará dúas sinxelas preguntas que tódolos que se van bautizar deberán contestar en voz alta; deste xeito demostrarán publicamente a súa fe.

22 O bautismo identifícate como unha testemuña de Xehová dedicada a Deus. Os que se bautizan son mergullados por completo en auga para demostrar publicamente que están dedicados a Xehová.

O SIGNIFICADO DO TEU BAUTISMO

23. Que significa ser bautizado “no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo”?

23 Xesús explicou que os seus discípulos terían que bautizarse “no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo” (Mateo 28:19). Isto significa que, cando un se bautiza, recoñece a autoridade de Xehová e de Xesucristo (Salmo 83:19 [83:18NM]; Mateo 28:18). Tamén demostra que recoñece a función que desempeña o espírito santo de Deus (Gálatas 5:22, 23; 2Pedro 1:21).

24, 25. a) Que simboliza o bautismo? b) Que cuestión xorde?

24 O bautismo é máis que o mero acto de ser mergullado  en auga. Simboliza algo moi importante. Representa que un “morre” no sentido de que xa non leva o estilo de vida anterior. E saír da auga simboliza que, a partir dese momento, un “vive” para facer a vontade de Deus. É importante que lembres que estarás dedicado a Xehová e a ningunha outra causa, obra, persoa ou organización. A túa dedicación e bautismo marcan o comezo dunha estreita amizade con Xehová, unha relación íntima e persoal con El (Proverbios 3:32).

25 O bautismo en si non garante que sexamos salvados. O apóstolo Paulo escribiu: “Traballade con temor e tremor pola vosa salvación” (Filipenses 2:12). Así que o bautismo non é máis que o primeiro paso cara a salvación. Xorde, entón, unha pregunta: como poderás manterte no amor de Deus? Atoparás a resposta no capítulo final deste libro.

^ par.21 Os bautismos lévanse a cabo nos congresos que as testemuñas de Xehová celebran tódolos anos.