Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Que ensina realmente a Biblia?

 CAPÍTULO 16

Ponte do lado da adoración verdadeira

Ponte do lado da adoración verdadeira
  • Que ensina a Biblia acerca do uso de imaxes?

  • Como ven os cristiáns certas festas relixiosas?

  • Como podes explicar a outros as túas crenzas sen ofender?

1, 2. Tras saír da relixión falsa, que pregunta deberías facerte, e por que é importante que a fagas?

IMAXINA que descobres que unha fábrica local estivo a contaminar a rede de abastecemento de auga da zona onde vives. A túa vida corre un grave perigo. Que farías? Seguro que deixarías de bebela, verdade? Pero aínda así terías que afrontar unha importante cuestión: “Estarei envelenado?”.

2 Algo moi parecido ocorre coas diversas relixións falsas que hai no mundo. A Biblia ensina que están contaminadas con ensinanzas falsas e tradicións pagás (2a Corintios 6:17). Por iso é tan importante que saias da Gran Babilonia, o nome que a Biblia dá ó conxunto das relixións falsas deste mundo (Apocalipse 18:2, 4). Xa o fixeches? Se así é, mereces parabéns. Pero saír da relixión falsa implica algo máis que renunciar a ela. De feito, farías ben en preguntarte: “Aínda me quedan restos da adoración falsa, ou xa estou totalmente liberado das súas ensinanzas?”. Analicemos algúns exemplos.

 AS IMAXES E O CULTO ÓS ANTEPASADOS

3. a) Que di a Biblia acerca do uso de imaxes, e por que lles pode ser difícil a algúns adoptar o punto de vista de Deus a este respecto? b) Que deberías facer cos obxectos que teñas que estean relacionados coa relixión falsa?

3 Algunhas persoas teñen imaxes, estampas e outros obxectos utilizados para rezar. É o teu caso? Se é así, poida que te sintas estraño ou mal se oras a Deus sen estes obxectos. Incluso poida que lles teñas cariño. Pero é Deus quen decide como debemos adoralo, e na Súa Palabra, a Biblia, explícanos que non quere que usemos imaxes (le Éxodo 20:4, 5; Salmo 115:4-8; Isaías 42:8; 1Xoán 5:21). Se destrúes tódolos obxectos que estean relacionados dalgún xeito coa relixión falsa estarás a apoiar a adoración verdadeira. Intenta velos do mesmo xeito que Xehová, como unha “abominación”, é dicir, algo noxento (Deuteronomio 27:15).

4. a) Por que render culto ós antepasados non serve de nada? b) Por que prohibiu Xehová ós seus servos que practicasen o espiritismo?

4 En moitas relixións falsas é normal adorar os  antepasados. Antes de estudar a Biblia, algúns crían que os mortos seguían vivos nalgún lugar e que podían axudalos ou mesmo facerlles mal. Poida que ti mesmo participases no estendido costume de celebrar os cabodanos. Pero, como xa aprendiches no capítulo 6, os mortos non seguen a vivir noutro sitio. Así que tódolos intentos por comunicarse con eles non serven. Incluso as mensaxes que parezan vir dun ser querido defunto, realmente proveñen dos demos. Por esta razón, Xehová prohibiulles ós israelitas que intentasen poñerse en contacto cos mortos, ou que participasen nalgunha práctica espiritista (le Deuteronomio 18:10-12).

5. Que podes facer se tiñas o costume de usar imaxes ou render culto ós antepasados?

5 Se era o teu costume usar imaxes ou render culto ós antepasados, que podes facer? Podes analizar pasaxes da Biblia que indiquen como ve Deus esas cousas. Ora a Xehová diariamente para que che axude a apoiar a adoración verdadeira e a pensar como el pensa (Isaías 55:9).

OS PRIMEIROS CRISTIÁNS NON CELEBRABAN O NADAL

6, 7. a) Que se supón que conmemora o Nadal, e por que sabemos que os discípulos de Xesús non o celebraban? b) Naquel tempo, a que se asociaba a celebración do aniversario de nacemento?

6 A adoración dalgúns tamén pode estar “contaminada” en relación coas festas. Pensa, por exemplo, no Nadal. Suponse que esta festa é o aniversario do nacemento de Cristo, e a maioría das relixións que din ser cristiás celébrano. Non obstante, nada indica que os discípulos de Xesús do primeiro século o celebrasen. O libro Los orígenes sagrados de las cosas profundas di: “Nos dous séculos que seguiron ó nacemento de Cristo ninguén sabía, e a poucos lles importaba, cando nacera exactamente”.

7 Mesmo se os discípulos de Xesús soubesen a data  exacta en que nacera, non o celebrarían. Por que? Porque os primeiros cristiáns “consideraban a celebración de calquera aniversario de nacemento un costume pagán” (The World Book Encyclopedia). Os únicos aniversarios de nacemento que aparecen rexistrados na Biblia son de gobernantes que non adoraban a Xehová (Xénese 40:20; Marcos 6:21). Tamén se celebraban en honor a deuses pagáns. Por exemplo, o 24 de maio os romanos celebraban o nacemento da deusa Diana. E o día seguinte celebraban o nacemento do deus sol, Apolo. Polo tanto, a celebración do aniversario de nacemento relaciónase co paganismo, non co cristianismo.

8. Que relación existe entre a celebración do aniversario de nacemento e a superstición?

8 Aínda hai outro motivo polo que os cristiáns do primeiro século non celebraban o aniversario do nacemento de Xesús: sabían que estas celebracións estaban relacionadas coa superstición. Por exemplo, moitos gregos e romanos da antigüidade crían que un espírito protexía a cada ser humano dende que nacía. “Este espírito tiña unha relación mística co deus que cumpría anos o mesmo día que a persoa” (The Lore of Birthdays). A Xehová non lle agrada que se relacione o nacemento de Xesús con superstición ningunha (Isaías 65:11, 12, nota). Entón, como chegou o Nadal a ser unha festa tan celebrada?

A ORIXE DO NADAL

9. Como chegou a celebrarse o nacemento de Xesús o 25 de decembro?

9 A xente comezou a celebrar o nacemento de Xesús o 25 de decembro centos de anos despois da súa morte. Pero, se esa non era a data na que nacera, por que o 25 de decembro? * Algúns que dicían ser cristiáns “querían  que a data coincidise coa festa romana pagá do ‘nacemento do deus sol invencible’” (The New Encyclopædia Britannica). No momento do inverno no que o sol semellaba máis feble, os pagáns organizaban cerimonias para que esta fonte de calor e luz volvese da súa viaxe. Eles crían que xusto o día 25 de decembro comezaba este retorno. Para conseguir que os pagáns se convertesen, os guías relixiosos adoptaron esta celebración e disfrazárona de “cristiá”. *

10. Por que algúns non celebraban o Nadal no pasado?

10 A orixe pagá do Nadal hai moito tempo que se coñece. De feito, ó non ter ningunha base bíblica, no século XVII prohibiuse a celebración desta festa en Inglaterra e nalgunhas colonias de América. Quen non fose traballar no Nadal era multado. Non obstante, pronto volveron os vellos costumes e engadíronse algúns novos. O Nadal tornou de novo nunha gran celebración, e segue a selo en moitos sitios. Pero, pola evidente relación que existe entre o Nadal e a relixión falsa, os que queren agradar a Deus non celebran nin esta nin ningunha outra festa de orixe pagá. *

 DE VERDADE IMPORTA A ORIXE?

11. Por que hai persoas que celebran certas festas, pero que debería ser o máis importante para nós?

11 Aínda sabendo que o Nadal e outras festas teñen unha orixe pagá, hai quen pensa que non ten nada de malo celebralas. Despois de todo, a maioría da xente non as relaciona coa relixión falsa cando participa nelas. De feito, é unha ocasión que moitos aproveitan para que a familia estea xunta. Ti tamén pensas deste xeito? Se así é, poida que sexa o amor á túa familia, e non á relixión falsa, o que che faga difícil poñerte do lado da adoración verdadeira. Podes estar seguro de que Xehová, o Creador da familia, quere que teñas unha moi boa relación cos teus parentes (Efesios 3:14, 15). Pero podes fortalecer os lazos familiares de maneiras que Deus aproba. Respecto ó que debería ser o máis importante para nós, o apóstolo Paulo escribiu que debemos ter “en conta o que agrada ó Señor” (Efesios 5:10).

Collerías o caramelo do sumidoiro e comeríalo?

12. Que exemplo ilustra por que deberiamos evitar as festas que teñan unha orixe que desagrada a Deus?

12 Quizais penses que hoxe en día esas festas non se celebran polos mesmos motivos que na antigüidade. Realmente importa a orixe? Si. Pensa no seguinte exemplo. Imaxina que ves un caramelo nun sumidoiro. Comeríalo? Nin se che pasaría pola cabeza porque está cheo de lixo. Pois igual ca un caramelo, poida que algunhas festas te atraian, pero proveñen de sitios sucios. Para poñerte do lado da adoración verdadeira tes que adoptar o punto de vista do profeta Isaías, cando dixo: “Non toquedes cousa impura” (Isaías 52:11).

COMO EXPLICAR AS NOSAS CRENZAS CON TACTO

13. Que desafíos poden presentarse ó non participar nalgunhas festas?

13 Se decides non participar neste tipo de celebracións  pódenseche presentar algúns desafíos. Poida que os teus compañeiros de traballo non entendan por que non participas nalgunha actividade relacionada coas festas. Por exemplo, se alguén che ofrece un regalo de Nadal, estaría mal aceptalo? E se o teu cónxuxe non comparte as túas crenzas? Que poderías facer para que os nenos non pensen que se están a perder algo por non celebrar estas festas?

14, 15. Que podes facer se alguén che desexa que pases unhas felices festas ou quere darche un regalo?

14 Precisamos sentido común para valorar que facer en cada situación. Se alguén che desexa que pases unhas boas festas, podería ser suficiente con dar as grazas. Pero imaxina que o fai alguén con quen tes trato frecuente, como por exemplo alguén do teu traballo; nese caso poderías dicir algo máis, pero sempre con tacto. A Biblia aconsella: “Que a vosa conversa sexa sempre agradable, cun chisquiño de sal, de xeito que saibades darlle a cadaquén a resposta axeitada” (Colosenses 4:6). É importante ser respectuosos e expresar as nosas opinións con tacto. Deixa claro que non estás en contra de facer e recibir regalos ou xuntarte cos amigos e coa familia, pero que prefires facelo noutra época do ano.

15 E se alguén quere darche un regalo? Depende, poida que quen cho ofreza diga: “Sei que non celebras esta festa, pero aínda así quero darche isto”. Nese caso quizais decidas que aceptar o agasallo non é participar na festa. E se quen che fai o regalo non coñece as túas crenzas, pódeslle explicar por que non celebras certas festas. Así será máis sinxelo que entenda por que nesa ocasión aceptas un regalo pero non dás outro a cambio. Pola contra, o máis sensato sería non aceptar o obsequio se quen cho dá ten o obxectivo de demostrar que non te manterás fiel ás túas crenzas ou transixirás se sacas algo a cambio.

 COMO TRATAR COS MEMBROS DA FAMILIA

16. Como podes actuar con tacto en cuestións relacionadas coas festas?

16 Que podes facer cando alguén da túa familia non comparte as túas crenzas? De novo, é fundamental que actúes con moito tacto. Non hai que facer un problema de cada costume ou de cada festa que algún dos teus decida celebrar. Máis ben, esfórzate por respectar o seu punto de vista, tal e como che gustaría que respectasen o teu (le Mateo 7:12). Evita todo o que poida dar a entender que estás a participar na celebración. Ó mesmo tempo debes procurar ser razoable cando se trate de asuntos que non estean relacionados directamente coa festa. Actúa sempre de xeito que che quede a conciencia tranquila (le 1Timoteo 1:18, 19).

17. Como podes axudar ós teus fillos para que non sintan que se perden algo por non celebrar certas festas?

17 Que podes facer para que ós teus fillos non lles pareza que se perden algo bo por non celebrar festas impropias? Todo depende do que fagades o resto do ano. Por exemplo, hai pais que buscan outras ocasións para darlles regalos ós seus fillos. De todas formas, non esquezas que o mellor regalo que lles podes dar é o teu tempo e atención.

PRACTICA A ADORACIÓN VERDADEIRA

Se practicas a adoración verdadeira serás moi feliz

18. Como te axudarán as reunións cristiás a apoiar a adoración verdadeira?

18 Para lle agradar a Xehová, é fundamental que rexeites a relixión falsa e que apoies a verdadeira. Que implica isto? A Biblia indica: “Considerémonos uns ós outros de xeito que nos sirvamos de estímulo para o amor e para as boas obras. E non faltedes endexamais á nosa reunión,  como fan algúns, senón que nos animemos uns ós outros e tanto máis canto que ollades que está a chegar aquel día” (Hebreos 10:24, 25). As reunións cristiás son ocasións felices onde poderás adorar a Deus do xeito que a el lle agrada (Salmo 22:23 [22:22NM]; 122:1). Nestas reunións os cristiáns anímanse mutuamente (Romanos 1:12).

19. Por que é importante que fales con outros das cousas que aprendes da Biblia?

19 Outro xeito de apoiar a adoración verdadeira é falar con outros do que vas aprendendo no teu estudo da Biblia coas testemuñas de Xehová. Moitos están a suspirar pola maldade que hai no mundo. Quizais coñezas a alguén que se sinta así. Por que non lle falas da esperanza que dá a Biblia para o futuro? Segundo sigas a relacionarte cos cristiáns verdadeiros e fales con outros das marabillosas verdades que aprendes na Biblia, verás como calquera costume da relixión falsa que aínda teñas desaparecerá pouco a pouco. Podes estar seguro de que serás moi feliz e recibirás unha gran cantidade de bendicións se te pos do lado da adoración verdadeira (Malaquías 3:10).

^ par.9 Se desexas máis información podes consultar o apéndice titulado “Naceu Xesús en decembro?”.

^ par.9 As saturnais tamén teñen relación coa elección do 25 de decembro. Nesta festa, celebrada do 17 ó 24 de decembro, honrábase o deus romano da agricultura. Durante as saturnais eran comúns os banquetes, as festas desenfreadas e a entrega de regalos.

^ par.10 Atoparás máis información acerca de como ven os verdadeiros cristiáns as festas populares no apéndice titulado “Deberiamos celebrar certas festividades?”.