Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Que ensina realmente a Biblia?

 CAPÍTULO 17

Acheguémonos a Xehová mediante a oración

Acheguémonos a Xehová mediante a oración
  • Por que deberiamos orarlle a Xehová?

  • Que debemos facer para que Deus nos escoite?

  • Como responde Deus ás nosas oracións?

Quen “fixo o ceo e maila terra” desexa escoitar as nosas oracións

1, 2. Por que deberiamos ver a oración como un honor e un privilexio, e por que necesitamos saber o que ensina Biblia ó respecto?

COMPARADA co inmenso Universo, a Terra é ben pequena. De feito, para Xehová, “que fixo o ceo e maila terra”, tódalas nacións xuntas son coma unha pinguiña de auga nun caldeiro (Salmo 115:15; Isaías 40:15). Aínda así, a Biblia afirma: “O Señor está cerca dos que o chaman, dos que sinceramente o invocan. El cumpre a vontade dos que o temen, escoita o seu pranto e socórreos” (Salmo 145:18, 19). Pensa no que iso significa: o Creador Todopoderoso está preto de nós e escóitanos sempre que nos dirixamos a el con sinceridade. Que gran honor e privilexio poder achegarnos a Deus coas nosas oracións!

2 Pero para que Xehová nos escoite, debemos orarlle do xeito que el acepta. Como poderemos facelo se non sabemos o que ensina a Biblia acerca da oración? É moi importante que saibamos o que di a Biblia ó respecto, pois a oración é un xeito de achegarnos a Deus.

POR QUE DEBERIAMOS ORARLLE A XEHOVÁ?

3. Por que importante razón deberiamos orarlle a Xehová?

3 Unha importante razón pola que deberiamos orarlle a Xehová é que el mesmo nos convida a facelo. A Súa Palabra  anímanos: “Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de gracias. E a paz de Deus, que supera toda intelixencia, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús” (Filipenses 4:6, 7). Desde logo, non quereriamos rexeitar esta amable invitación que o Gobernante Supremo do Universo nos fai a cada un de nós.

4. Por que se estreita a nosa relación con Xehová cando lle oramos con regularidade?

4 Outra das razóns polas que deberiamos orarlle a Xehová é que, se o facemos con regularidade, poderemos estreitar a nosa relación persoal con el. Os amigos verdadeiros non se limitan a falarse só cando lles convén, senón que se interesan un polo outro, e a súa amizade vaise facendo máis forte a medida que intercambian opinións e expresan os seus sentimentos e inquedanzas con total confianza. Na relación que temos con Xehová pasa algo similar. Coa axuda deste libro, xa levas aprendido moitas das ensinanzas da Biblia sobre Xehová, a súa personalidade, e os seus propósitos. Seguro que xa o ves  como unha persoa real. A oración ofréceche a oportunidade de falar co noso Pai celestial dos teus pensamentos e sentimentos máis íntimos. Sempre que a aproveites, seguirás achegándote a El (Santiago 4:8).

QUE DEBEMOS FACER PARA QUE XEHOVÁ NOS ESCOITE?

5. Como sabemos que Xehová non escoita tódalas oracións?

5 Escoita Xehová tódalas oracións? Vexamos o que lles dixo ós israelitas rebeldes nos tempos do profeta Isaías: “Cando, a forza de berros, aumentáde-la vosa oración, non son eu quen vos escoita. As vosas mans están cheas de sangue” (Isaías 1:15). Polo tanto, dependendo de como nos comportemos, poida que Deus non atenda as nosas oracións. Se queremos que Xehová nos escoite debemos cumprir algunhas condicións básicas.

6. Que condición fundamental debemos cumprir para que Deus escoite as nosas oracións, e que debemos facer para cumprila?

6 Unha condición fundamental é que teñamos fe (le Marcos 11:24). O apóstolo Paulo escribiu: “Pero sen fe é imposible que un lle agrade a Deus, pois quen quere achegarse a Deus precisa crer que El existe e que recompensa os que o buscan” (Hebreos 11:6). Para ter fe verdadeira non abonda con saber que Deus existe e que escoita e responde ás nosas oracións. A fe demóstrase con feitos. É necesario que no noso modo de vida se vexa ben clariño que temos fe (Santiago 2:26).

7. a) Por que deberiamos ser respectuosos cando lle oramos a Xehová? b) Como podemos demostrar humildade e sinceridade nas nosas oracións?

7 Xehová tamén nos pide que lle oremos con humildade e sinceridade. De feito, temos unha chea de motivos para ser humildes cando falamos con Xehová. Cando alguén ten a oportunidade de dirixirse a un rei ou a un presidente, sempre o fai dun xeito respectuoso porque recoñece  a posición que tal persoa ocupa. Con canta máis razón deberiamos dirixirnos a Xehová de forma respectuosa! (Salmo 138:6) Despois de todo, El é o “Deus todopoderoso” (Xénese 35:11). Cando falamos con Xehová mediante a oración, o noso xeito de facelo debería demostrar que recoñecemos con humildade a nosa posición con respecto a El. Esta humildade tamén nos axuda a orarlle de corazón, e a non deixarnos levar pola rutina, repetindo sempre as mesmas palabras dun xeito mecánico (Mateo 6:7, 8).

8. Que implica actuar conforme ás nosas oracións?

8 Outra condición necesaria para que Xehová nos escoite é que actuemos en consecuencia co que lle pedimos. El espera que fagamos todo o que poidamos para actuar conforme ás nosas oracións. Por exemplo, se lle pedimos que nos dea “o noso pan de cada día”, debemos estar dispostos a aceptar calquera traballo que atopemos, sempre que poidamos desempeñalo (Mateo 6:11; 2Tesalonicenses 3:10). E se lle pedimos que nos axude con algunha debilidade persoal, evitemos calquera situación ou circunstancia que nos poida tentar (Colosenses 3:5). Ademais destas tres condicións que Xehová nos pon, debemos coñecer as respostas a algunhas preguntas sobre a oración.

RESPOSTAS A ALGUNHAS PREGUNTAS SOBRE A ORACIÓN

9. A quen deberiamos dirixir as nosas oracións, e no nome de quen?

9 A quen deberiamos dirixirnos cando oramos? Xesús explicoulles ós seus discípulos que debían dirixirse ó noso Pai que está no ceo (Mateo 6:9). Polo tanto, debemos orarlle só a Xehová. Aínda así, Deus pídenos que recoñezamos a posición que ocupa o seu Fillo unixénito, Xesucristo. Como xa vimos no capítulo 5, Xesús veu á Terra para  rescatarnos, e así quedar liberados do pecado e a morte (Xoán 3:16; Romanos 5:12). De feito, ocupa a posición de Sumo Sacerdote e Xuíz (Xoán 5:22; Hebreos 6:20). Por iso as Escrituras indican que debemos facer as nosas oracións no nome de Xesús. El mesmo dixo: “Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min” (Xoán 14:6). Para que as nosas oracións sexan escoitadas, debemos orarlle só Xehová, recoñecendo que grazas ó sacrificio de Xesús podemos dirixirnos a El.

10. Por que cando oramos non é necesario que adoptemos unha postura concreta?

10 Debemos adoptar algunha postura especial cando oramos? Non; Xehová non nos pide que poñamos as mans ou o corpo dunha determinada maneira. De feito, a Biblia ensina que podemos orar en moitas posturas diferentes, como por exemplo sentados, abaixados, de xeonllos ou de pé (Nehemías 8:6; Daniel 6:11 [6:10NM]; Marcos 11:25). O que de verdade importa non é adoptar certa postura para que outros nos vexan, senón que teñamos a actitude apropiada. De feito, podemos facer oracións en silencio e en calquera lugar, mentres atendemos as nosas cousas ou ante calquera imprevisto. Aínda que ninguén se dea de conta de que estamos orando, Xehová escóitanos (Nehemías 2:1-6).

11. Sobre que asuntos persoais podemos orarlle a Xehová?

11 Que asuntos podemos incluír nas nosas oracións? A Biblia explica que Xehová “nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade” (1Xoán 5:14). Así que podemos falarlle de calquera asunto que estea de acordo coa Súa vontade. Quererá Deus que lle falemos das nosas cousas? Sen dúbida. Comunicarse con Xehová seméllase moito a falar cun bo amigo: podemos facelo con confianza, co corazón na man (Salmo 62:9 [62:8NM]). É moi apropiado pedirlle o seu espírito santo para que nos axude  a facer o correcto (Lucas 11:13). Tamén podemos pedirlle guía para tomar boas decisións, e fortaleza para afrontar os problemas da vida (Santiago 1:5). E cando pecamos deberiamos suplicarlle o Seu perdón tendo presente o sacrificio de Xesucristo (Efesios 1:3, 7). Non oremos só por nós; lembrémonos tamén dos demais, como a nosa familia ou os nosos compañeiros de crenza (Feitos 12:5; Colosenses 4:12).

12. Como demostramos que os asuntos relacionados co noso Pai celestial son o máis importante nas nosas oracións?

12 Os asuntos relacionados con Xehová deben ser o máis importante nas nosas oracións. Temos motivos dabondo para facer oracións sentidas e agradecerlle a Súa bondade (1Crónicas 29:10-13). En Mateo 6:9-13 (le) atopamos a oración que Xesús deu como modelo. Nesta oración ensínasenos a pedir que o nome de Deus sexa santificado, é dicir, tratado como sagrado ou santo. A continuación, Xesús pide que veña o Reino de Deus, que se faga a vontade divina no ceo e mais na Terra, e deixa os asuntos persoais para o final. Cando Xehová ocupa o lugar máis importante nas nosas oracións demostramos que non miramos só pola nosa comenencia.

13. Que ensina a Biblia sobre a duración das oracións que Xehová aproba?

13 Canto deben durar as oracións? A Biblia non establece límites sobre a duración das mesmas, sexan feitas en público ou en privado. Poden ser curtas, como as que facemos antes de comer, ou longas, como as que facemos cando lle abrimos o noso corazón a Xehová (1Samuel 1:12, 15). Xesús criticou a algúns santóns que facían oracións moi longas só por chamar a atención (Lucas 20:46, 47). A Xehová estas oracións non lle impresionan nadiña; o importante é que lle oremos desde o corazón. En todo caso, a duración das oracións dependerá das necesidades e circunstancias de cada momento.

Xehová escoita as nosas oracións en calquera momento

14. Que significa a expresión bíblica “orar sempre”, e de que bendición desfrutamos?

 14 Con canta frecuencia deberiamos orar? A Biblia anímanos a “orar sempre, sen cansar”, a que esteamos “afincados na oración” e a que oremos “constantemente” (Lucas 18:1; Romanos 12:12; 1Tesalonicenses 5:17). Isto non significa que debamos botar o día enteiro orando. O que a Biblia ensina é que debemos orar con regularidade, agradecéndolle a Xehová a súa bondade, e rogándolle que nos guíe, nos dea forzas e nos console. Sen dúbida, tranquilízanos moito saber que Xehová quere que falemos con el sempre que o precisemos, e sen límite de tempo. Se de verdade agradecemos este honor, habemos buscar oportunidades para orarlle ó noso Pai celestial.

15. Por que deberiamos dicir “amén” ó final das oracións persoais e públicas?

15 Por que deberiamos dicir “amén” ó final das oracións? A palabra amén significa “de seguro” ou “así sexa”. Hai exemplos na Biblia que demostran que é apropiado dicilo cando rematamos unha oración, ben sexa persoal ou feita en público (1Crónicas 16:36; Salmo 41:14 [41:13NM]). Cando dicimos “amén” en privado, confirmamos que as nosas palabras son sinceras. Cando dicimos “amén”, en silencio ou en voz alta, ó final dunha oración que acabamos de escoitar, expresamos que estamos de acordo co que se dixo (1Corintios 14:16).

COMO RESPONDE DEUS ÁS NOSAS ORACIÓNS?

16. Que confianza podemos ter con respecto á oración?

16 De verdade responde Xehová ás nosas oracións? Sen dúbida. Temos razóns de peso para confiar en que Deus escoita as oracións sinceras que lle ofrecen millóns de persoas (Salmo 65:3 [65:2NM]). Xehová pode respondernos de xeitos moi variados.

17. Como sabemos que Xehová usa os seus anxos e os seus servos na Terra para responder ás oracións?

 17 Para responder ás oracións, Xehová usa os seus anxos e os que o serven na Terra (Hebreos 1:13, 14). Hai moitos casos de persoas que lle rogaron axuda a Deus para entender a Biblia e de alí a un pouco unha testemuña de Xehová púxose en contacto con elas. Tales experiencias demostran que os anxos colaboran na labor de predicar as boas novas do Reino (Apocalipse 14:6). Xehová tamén pode responder ás nosas oracións en momentos de verdadeira  necesidade facendo que un compañeiro cristián nos axude (Proverbios 12:25; Santiago 2:16).

Xehová pode responder ás nosas oracións facendo que un compañeiro cristián nos axude

18. De que xeitos usa Xehová a súa Palabra e o seu espírito santo para contestar as oracións dos seus servos?

18 Outros medios que Xehová usa para responder ás oracións dos seus servos son o seu espírito santo e a Biblia. Por exemplo, cando lle rogamos que nos axude con algún problema, pode guiarnos e darnos forzas mediante o seu espírito santo (2Corintios 4:7). Moitas veces contéstanos mediante a Biblia, a mellor guía que Xehová nos dá para tomar boas decisións. Poida que atopemos algunhas pasaxes que nos axuden durante o noso estudo persoal das Escrituras ou cando lemos algunha publicación baseada na Biblia, como por exemplo este libro. Tamén é posible que, durante algunha reunión cristiá, ou mediante o consello dun ancián da congregación que se preocupa polo noso ben, se nos faga pensar nalgún texto bíblico que debamos ter en conta (Gálatas 6:1).

19. Que deberiamos ter presente no caso de que nos pareza que Xehová non contesta as nosas oracións?

19 O feito de que nos pareza que Xehová tarda en contestar as nosas oracións non significa que non poida facelo. Lembremos que sempre as responde de acordo coa Súa vontade e no seu debido momento. Sabe mellor ca nós mesmos cales son as nosas necesidades e como  atendelas. Moitas veces deixa que sigamos pedindo, buscando, e petando (Lucas 11:5-10). Cando persistimos, demostramos que de verdade desexamos que nos responda, e que a nosa fe é auténtica. De feito, quizais non vexamos claramente a Súa resposta. Por exemplo, poida que cando afrontemos algunha situación difícil na vida, Xehová non faga que desapareza, pero nos dea as forzas que precisamos para seguir adiante (le Filipenses 4:13).

20. Por que deberiamos aproveitar o fermoso don da oración?

20 Canto agradecemos que o Creador do inmenso Universo estea preto de tódolos que lle oran do xeito que El quere! (Le Salmo 145:18) Sempre que aproveitemos ben este fermoso regalo orándolle con regularidade, poderemos desfrutar de achegarnos cada día máis a Xehová, seguros de que escoita as oracións dos Seus servos.