Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Que ensina realmente a Biblia?

 CAPÍTULO 2

A Biblia, un libro que provén de Deus

A Biblia, un libro que provén de Deus
  • En que sentido é a Biblia diferente de calquera outro libro?

  • Como pode a Biblia axudarche a facer fronte ós teus problemas?

  • Por que podes confiar nas profecías que aparecen na Biblia?

1, 2. En que sentido é a Biblia un marabilloso regalo de Deus?

RECORDAS algunha ocasión na que recibises un regalo especial dalgún bo amigo? O máis seguro é que fose un momento moi emocionante e conmovedor. Con ese regalo o teu amigo demostrou que valora a túa amizade. E, sen dúbida, agradecíchesllo moito, verdade?

2 A Biblia é un regalo de Deus, un regalo especial polo que estamos moi agradecidos. É un libro único porque revela cousas que non poderiamos saber de ningunha outra maneira. Por exemplo, fala da creación dos ceos, das estrelas, da Terra, e do primeiro home e a primeira muller. Ademais, a Biblia contén principios nos que podemos confiar que nos axudan a facer fronte ós problemas e preocupacións da vida. Tamén explica como Deus cumprirá o seu propósito e como mellorará as condicións que hai na Terra. Que regalo tan marabilloso!

3. Que nos di de Xehová o feito de que nos dese a Biblia, e por que é isto tan conmovedor?

3 A Biblia tamén é un regalo conmovedor porque nos revela algo de quen nolo dá, Xehová. O feito de que  nos dea semellante libro é proba de que quere que o coñezamos ben. De feito, a Biblia pódeche axudar a achegarte máis a Xehová.

4. Que é o que máis te impresiona da distribución da Biblia?

4 Se tes un exemplar da Biblia, non penses que es o único. A Biblia está traducida nuns 2600 idiomas enteira ou en parte; desta maneira, está dispoñible a máis do noventa por cento da poboación mundial. De media, cada semana distribúense máis de un millón de Biblias! E, en total, lévanse publicado miles de millóns de copias da Biblia ou partes dela. Non hai dúbida de que a Biblia é un libro sen igual.

A Traducción del Nuevo Mundo de las Santas Escrituras está dispoñible en moitos idiomas

5. Que quere dicir que a Biblia é “inspirada por Deus”?

5 Ademais, a Biblia é “inspirada por Deus” (le 2Timoteo 3:16). Que quere dicir isto? A Biblia responde: “Sendo homes, falaron de parte de Deus, levados por Espírito Santo” (2Pedro 1:21). Para entendelo, imaxina que un ministro dítalle unha carta á súa secretaria. A carta ten as ideas e instrucións do ministro. De quen dirías que é a carta? Do ministro, non é? De maneira parecida, a Biblia  contén a mensaxe de Deus, non a dos homes que a escribiron. Por iso, podemos ter a certeza de que a Biblia é a “palabra de Deus” (1Tesalonicenses 2:13).

HARMONIOSA E EXACTA

6, 7. Por que é abraiante a harmonía da Biblia?

6 A Biblia foi escrita durante algo máis de 1600 anos. Os seus escritores viviron en épocas diferentes, e eran de distintas clases sociais. Algúns eran agricultores, pescadores ou pastores. Outros foron profetas, xuíces e mesmo reis. Por exemplo, Lucas, o escritor dun dos Evanxeos, era médico. A pesar das diferentes orixes dos seus escritores, a Biblia non se contradí: é harmoniosa de principio a fin. *

7 O primeiro libro da Biblia relata como empezaron os problemas da humanidade. O último mostra que toda a Terra se converterá nun paraíso, ou xardín. O contido da Biblia abrangue milleiros de anos de historia, e sempre está relacionado dalgunha maneira co propósito de Deus. A harmonía da Biblia é abraiante, como esperariamos dun libro que provén de Deus.

8. Menciona algún exemplo que demostre que a Biblia é cientificamente exacta.

8 A Biblia é cientificamente exacta. De feito, contén información que se adiantou ó seu tempo. Por exemplo, o libro de Levítico menciona leis que tiña o antigo Israel sobre a corentena e a hixiene, normas que as nacións veciñas daquel tempo descoñecían por completo. Ademais, no tempo en que había ideas equivocadas sobre a forma da Terra, a Biblia descríbea como un orbe, ou esfera (Isaías 40:22). A Biblia tamén di que a Terra pendura “sobre a nada” (Xob 26:7). Por suposto, a Biblia non é un libro  científico, pero cando fala de ciencia é exacta. Non é iso o que esperariamos dun libro que provén de Deus?

9. a) Por que dirías que a Biblia é historicamente exacta e fiable? b) Que che di da Biblia a honradez dos seus escritores?

9 A Biblia tamén é historicamente fiable e exacta. Os seus relatos son específicos, e inclúen non só os nomes dos seus protagonistas, senón tamén as súas xenealoxías. * Os escritores da Biblia foron honrados, pois deixaron rexistro dos seus propios erros e dos da súa nación. Non foron coma outros historiadores, que a miúdo non mencionan as derrotas da súa propia xente. Por exemplo, cando Moisés escribiu o libro bíblico de Números, admitiu un grave erro que cometera polo que foi reprendido con severidade (Números 20:2-12). Esta honradez, tan pouco frecuente noutros relatos históricos, si que a atopamos na Biblia porque é un libro que provén de Deus.

UN LIBRO PRÁCTICO E CHEO DE BOS CONSELLOS

10. Por que podemos dicir que a Biblia é un libro práctico?

10 Como a Biblia é inspirada por Deus, é “útil para ensinar, para corrixir, para enmendar” (2Timoteo 3:16). Sen dúbida, a Biblia é un libro moi práctico. Revela un profundo coñecemento da natureza humana. Non sorprende que o seu Autor sexa o noso Creador, Xehová. El entende a nosa forma de pensar e as nosas emocións moito mellor ca nós mesmos. Ademais, Xehová sabe o que necesitamos para ser felices, e que camiños na vida deberiamos evitar.

11, 12. a) Que temas tratou Xesús no Sermón do Monte? b) De que outras cousas moi prácticas se fala na Biblia, e por que os seus consellos seguen sendo válidos hoxe?

11 Pensa, por exemplo, no discurso que deu Xesús, coñecido como o Sermón do Monte, e que se rexistra nos  capítulos 5 a 7 do Evanxeo de Mateo. Nesta obra mestra da ensinanza, Xesús falou dalgúns temas moi importantes; por exemplo, como atopar a verdadeira felicidade, como resolver disputas, como orar, e como ter unha visión apropiada dos bens materiais. As palabras de Xesús son hoxe tan poderosas e prácticas coma foron daquela.

12 Algúns dos principios da Biblia teñen que ver coa vida de familia, o traballo, ou como relacionarnos con outros.  Estes principios valen para todo o mundo, e poñelos en práctica é sempre beneficioso. A sabedoría que atopamos na Biblia resúmese moi ben nas palabras que Xehová dixo por medio do profeta Isaías: “Eu son o Señor, o teu Deus, o que te ensina para que saques proveito” (Isaías 48:17).

UN LIBRO DE PROFECÍAS

O escritor da Biblia chamado Isaías predixo a caída de Babilonia

13. Que información acerca de Babilonia lle inspirou Xehová a Isaías para que deixase por escrito?

13 A Biblia contén numerosas profecías, moitas das cales xa se cumpriron. Pensa no seguinte exemplo. Por medio do profeta Isaías, quen viviu máis de setecentos anos antes da nosa era, Xehová predixo que a cidade de Babilonia sería destruída (Isaías 13:19; 14:22, 23). Describiu en detalle como sería conquistada: os exércitos invasores secarían o río de Babilonia e entrarían na cidade sen pelexar. E non só iso, senón que a profecía de Isaías tamén revelou o nome do rei que conquistaría Babilonia: Ciro (le Isaías 44:27-45:2).

14, 15. Como se cumpriron algúns dos detalles da profecía de Isaías sobre Babilonia?

14 Uns douscentos anos máis tarde, na noite do 5 ó 6 de outubro do ano 539 antes da nosa era, un exército acampou cerca de Babilonia. Quen o comandaba? Un rei persa chamado Ciro. Deste xeito, todo estaba preparado para que a profecía se cumprise. Pero, conquistaría o exército de Ciro a cidade de Babilonia sen pelexar, tal e como se profetizara?

15 Esa noite os babilonios estaban de festa, sentíanse seguros tralas enormes murallas da cidade. Mentres tanto, con moita habilidade Ciro desviou as augas do río que pasaba polo medio de Babilonia. O nivel da auga empezou a baixar deseguida, o suficiente para que os homes de Ciro cruzasen polo leito do río e chegasen ás murallas. Como  as atravesarían? Por algunha razón, os babilonios descoidáranse: aquela noite as portas da cidade estaban abertas!

16. a) Que predixo Isaías sobre o final de Babilonia? b) Como se cumpriu a profecía de Isaías sobre Babilonia?

16 Con respecto a Babilonia, díxose o seguinte: “Non será habitada con esplendor, nin repoboada por xeracións e xeracións; ningún nómada plantará alí a súa tenda, nin os pastores deixarán descansa-los seus rabaños” (Isaías 13:20). Esta profecía fixo máis que predicir a caída da cidade. Indicou que Babilonia quedaría desolada de maneira permanente. De feito, pódese comprobar o cumprimento destas palabras. A uns 80 km ó sur de Bagdad (Iraq), atópanse os restos da antiga Babilonia. O lugar está deshabitado, sen dúbida unha proba de que a predición de Xehová rexistrada polo profeta Isaías se cumpriu: “E varrereina con vasoira de destrucción” (Isaías 14:22, 23). *

Ruínas de Babilonia

17. Como fortalece a nosa fe o cumprimento das profecías da Biblia?

17 Sen dúbida, a nosa fe faise máis forte cando analizamos  como a Biblia é un libro de profecías fiables, verdade? Á fin e ó cabo, se Xehová cumpriu todo o que prometeu no pasado, non debería ser iso razón suficiente para confiar en que tamén cumprirá a súa promesa de facer da Terra un paraíso? (Le Números 23:19) Por iso, podemos ter a esperanza da vida eterna que “Deus, que non mente, prometera xa antes de tódolos tempos” (Tito 1:2). *

“A PALABRA DE DEUS É VIVA”

18. Que impresionante afirmación fai o apóstolo cristián Paulo sobre “a palabra de Deus”?

18 Despois do analizado neste capítulo, está claro que a Biblia é un libro único. Pero a súa valía vai máis alá da súa harmonía interna, exactitude científica e histórica,  consellos prácticos, e profecías fiables. O apóstolo cristián Paulo escribiu: “A palabra de Deus é viva e dinámica, máis cortante do que unha espada de dobre fío e que penetra mesmo alí onde se diferencian a alma e o espírito, as xuntas e a médula. Ela xulga os proxectos e os pensamentos” (Hebreos 4:12).

19, 20. a) Como pode axudarche a Biblia a coñecerte mellor? b) Como podes demostrar que agradeces o regalo que Deus nos deu, a Biblia?

19 Ler a “palabra” ou a mensaxe de Deus que se atopa na Biblia pode cambiar a nosa vida. Pode axudarnos a coñecernos mellor a nós mesmos, máis que nunca antes. Quizais digamos que amamos a Deus, pero o que de verdade revelará os nosos pensamentos e intencións de corazón será a forma en que reaccionemos ás ensinanzas da Palabra de Xehová, que están na Biblia.

20 Non hai dúbida: a Biblia é un libro que provén de Deus. É un libro que deberiamos ler, estudar e amar. Se segues a afondar no seu contido, demostrarás a túa gratitude por este regalo divino. Desta maneira, chegarás a entender o propósito de Deus para a humanidade. No próximo capítulo analizarase cal é ese propósito e como se realizará.

^ par.6 Algúns afirman que a Biblia se contradí; tal afirmación non ten base. Podes consultar o capítulo 7 do libro La Biblia... ¿la Palabra de Dios, o palabra del hombre?, publicado polas Testemuñas de Xehová.

^ par.9 Por exemplo, fíxate na minuciosa lista de antepasados de Xesús que aparece en Lucas 3:23-38.

^ par.16 Para máis información, consulta as páxinas 27 a 29 do folleto Un libro para todo el mundo, publicado polas Testemuñas de Xehová.

^ par.17 A desolación de Babilonia é só un dos exemplos de como as profecías da Biblia sempre se cumpren. A devastación das cidades de Tiro e Nínive son outros exemplos (Ezequiel 26:1-5; Sofonías 2:13-15). Ademais, o profeta Daniel predixo cales serían as potencias mundiais que xurdirían despois de Babilonia, entre elas Medopersia e Grecia (Daniel 8:5-7, 20-22). Podes consultar o apéndice titulado “Xesucristo, o Mesías prometido”, onde aparecen moitas das profecías respecto ó Mesías que se cumpriron en Xesucristo.