Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Que ensina realmente a Biblia?

 APÉNDICE

O ano 1914: clave nas profecías bíblicas

O ano 1914: clave nas profecías bíblicas

HOUBO un pequeno grupo de estudantes da Biblia que botou décadas anunciando que no ano 1914 terían lugar acontecementos moi importantes. En que consistirían? Que probas había de que 1914 sería un ano tan relevante?

Leamos as seguintes palabras de Xesús: “E os pagáns [xentís] esmagarán cos pés a Xerusalén, ata que se lles cumpra tamén o tempo ós pagáns [xentís]” (Lucas 21:24, nota). Xerusalén era a capital da nación xudía, e estivera gobernada pola casa real de David (Salmo 48:2, 3 [48:1, 2NM]). Estes reis eran distintos de tódolos demais: estaban sentados no “trono de Xehová”, é dicir, eran os Seus representantes (1Crónicas 29:23). Xerusalén era un símbolo da soberanía de Xehová.

 Cando e como comezarían os xentís, ou non xudeus, a esmagar cós pés o goberno de Xehová? No ano 607 a. n. e., cando Xerusalén foi conquistada por Babilonia. A dinastía de David foi interrompida, e o “trono de Xehová” quedou baleiro (2Reis 25:1-26). Duraría este esmagar para sempre? Non; unha profecía de Ezequiel que fala do derradeiro rei de Xerusalén, Sedecías, mostra que só duraría ata a chegada daquel que tería “o poder de xulgar”, é dicir, o dereito a recibir a “coroa” (Ezequiel 21:32, 33 [21:26, 27NM]). A Biblia explica que Xesucristo mesmo é este sucesor legal á coroa de David (Lucas 1:32, 33). Polo tanto, Xerusalén deixaría de ser esmagada no momento en que Xesús se convertese en rei.

Cando tería lugar este importante acontecemento? Xesús explicou que os xentís gobernarían durante un período de tempo determinado, e a profecía do capítulo 4 de Daniel contén as  claves necesarias para calcular a duración do mesmo. Este capítulo relata un soño profético que tivo o rei Nabucodonosor de Babilonia. No soño viu que cortaban unha árbore de altura enorme, deixábanlle quedar a cepa e poñíanlle unhas cinchas de ferro e cobre para que non medrase. Logo, un anxo berraba: “Pasen por ela sete anos [sete tempos]” (Daniel 4:7-13, nota [4:10-16NM]).

Ás veces, na Biblia as árbores representan gobernos (Ezequiel 17:22-24; 31:2-5). Polo tanto, o feito de que se cortase a árbore do soño significa que o goberno de Deus que os reis de Xerusalén representaban sería interrompido. Non obstante, a visión indicaba que Xerusalén sería esmagada temporalmente por un período de “sete anos”. Estes anos están usados nun sentido profético, é dicir, non se refiren a anos naturais. Entón, canto duraría este período?

Atopamos a explicación en Apocalipse 12:6, 14, onde di que tres tempos e medio equivalen a “mil douscentos sesenta días”. Polo tanto, estes sete tempos proféticos durarían o dobre, é dicir, 2520 días. Pero o certo é que as nacións xentís non deixaron de esmagar o goberno de Deus 2520 días despois da destrución de Xerusalén. Así que a profecía de Daniel ten que abarcar un período moito máis longo. Se lemos Números 14:34 e Ezequiel 4:6 atoparemos esta regra: “Por cada día un ano”. Polo tanto, os sete tempos abarcan un período de 2520 anos naturais.

Este período de 2520 anos comezou en outubro do ano 607 a. n. e., cando Xerusalén foi conquistada polos babilonios e quitaron do trono o rei da casa real de David, e rematou en outubro de 1914. Nese momento os tempos dos xentís chegaron ó seu fin e Deus fixo rei a Xesús no ceo (Salmo 2:1-6; Daniel 7:13, 14). *

 Os dramáticos acontecementos actuais, tales como guerras, fame, terremotos ou o aumento de enfermidades graves, marcarían o momento no que Xesús sería nomeado rei nos ceos, tal e como el mesmo predixo. E así foi (Mateo 24:3-8; Lucas 21:11). Tales acontecementos proban dun xeito irrefutable que en 1914 naceu o Reino de Deus nos ceos e comezaron os “días derradeiros” deste mundo malvado no que vivimos (2Timoteo 3:1-5).

^ par.3 De outubro do ano 607 a. n. e. a outubro do ano 1 a. n. e. van 606 anos. Como o ano cero non existe, desde outubro do ano 1 a. n. e. ata outubro do ano 1914 n. e. van 1914 anos. A suma dos 606 anos mailos 1914 anos dá 2520 anos. Se desexas máis información sobre a data da caída de Xerusalén no ano 607 a. n. e. podes consultar o artigo “Cronología” na obra Perspicacia para comprender las Escrituras, publicada polas Testemuñas de Xehová.