1. Como te axudará seguir aprendendo da Biblia?

Seguro que este resumo das ensinanzas básicas da Biblia fixo que crecese o teu amor por Deus. Pero é moi importante coidalo para que siga medrando (1Pedro 2:2). De feito, a túa esperanza de vivir para sempre depende de que te achegues cada vez máis a Xehová; para logralo é necesario que estudes a Súa Palabra. Le Xoán 17:3; Xudas 21.

Segundo vaias coñecendo mellor a Deus, has ter máis fe, o que te axudará a agradarlle (Hebreos 11:1, 6). A fe anímanos a arrepentirnos e a facer cambios positivos na nosa vida. Le Feitos 3:19.

2. Como pode facer ben a outros o que aprendes de Deus?

Podes chegar a ter unha relación moi especial con Xehová

Seguramente desexes compartir con outros o que vas aprendendo, pois a todos nos gusta dar boas noticias. A medida que sigas a estudar a Biblia, aprenderás a utilizala para explicar a túa fe e falar das boas noticias que Deus ten para todos nós. Le Romanos 10:13-15.

A maioría da xente empeza por compartilas cos amigos e a familia. Pero é moito máis aconsellable falarlles con tacto e centrarse nas promesas de Deus, que criticar as súas crenzas relixiosas. E non esquezas que na maioría da xente causa máis efecto o que facemos que o que dicimos. Le 2Timoteo 2:24, 25.

3. Que clase de relación podes chegar a ter con Deus?

Canto máis estudes a Biblia, máis medrará a túa espiritualidade. Co tempo podes chegar a ter unha relación moi  especial con Deus. Incluso podes ser un dos membros da súa familia. Le 2Corintios 6:18.

4. Como podes seguir progresando?

A túa espiritualidade crecerá se non deixas de estudar a Palabra de Deus (Hebreos 5:13, 14). Pídelle a unha testemuña de Xehová que estude a Biblia contigo utilizando o manual Que ensina realmente a Biblia?. E canto máis aprendas, mellor che vai ir na vida. Le Salmo 1:1-3; 73:27, 28.

Xehová, que é un Deus feliz, é quen nos dá todas estas boas noticias. Achégate ó seu pobo e achegaraste a El (Hebreos 10:24, 25). Se non deixas de esforzarte por facer o que lle agrada, acadarás a verdadeira vida, unha vida que durará para sempre. Non hai dúbida, achegarte a Deus é a mellor cousa que podes facer. Le 1Timoteo 1:11; 6:19.