A vida na Terra nunca tería existido de non ser por unha serie de circunstancias que algúns consideran casuais. Algunhas delas eran descoñecidas ou non chegaron a entenderse ben ata o século XX. Por exemplo:

  • A situación do noso planeta dentro da Vía Láctea e no sistema solar, así como a súa órbita, inclinación, velocidade de rotación, e unha lúa excepcional.

  • O escudo dobre formado por un campo magnético e unha atmosfera.

  • Ciclos naturais que reabastecen e purifican as reservas de auga e aire.

A medida que pensas nestas cuestións, podes preguntarte: “Será o noso planeta produto do azar, ou foi deseñado cun propósito determinado?”.

 O “enderezo” perfecto

Podería estar o noso planeta nun lugar máis idóneo para albergar vida?

Cando indicamos o noso enderezo, normalmente incluímos o país, a cidade e a rúa na que vivimos, verdade? Pois, a modo de exemplo, digamos que a nosa galaxia é o “país” onde está a Terra; o sistema solar (o Sol e os seus planetas) é a “cidade”; e a órbita que o noso planeta describe dentro do sistema solar é a “rúa”. Grazas ós descubrimentos realizados na física e na astronomía, hoxe en día os científicos comprenden mellor o que ten de especial a nosa situación no Universo.

Para comezar, a nosa “cidade”, o sistema solar, está situada nunha zona ideal da galaxia: nin demasiado lonxe do centro, nin demasiado preto del. Os astrónomos chámanlle “zona de habitabilidade” porque ten a concentración adecuada de elementos químicos necesarios para a vida. Máis lonxe, tales elementos escasean; e máis preto, perigos tales como a radiación letal e outros factores ameazan a existencia da vida. En palabras da revista Investigación y Ciencia, “vivimos nunha zona de primeira”.1

A “rúa” ideal. Tamén é de primeira a “rúa” na que vivimos, é dicir, a órbita que describe a Terra dentro da nosa “cidade”, o sistema solar. Está a uns 150 millóns de quilómetros do Sol, dentro dos límites axeitados para que as formas de vida nin se conxelen nin se queimen. Ademais, a órbita do noso planeta é case circular, polo que nos mantemos practicamente á mesma distancia do Sol todo o ano.

Este astro, pola súa parte, é a “central eléctrica” perfecta: é estable, ten o tamaño xusto, e emite a cantidade exacta de enerxía. Con razón dise del que é “unha estrela moi especial”.2

O “veciño” perfecto. Se tivésemos que escoller o “veciño do lado” para a Terra, non habería un mellor que a Lúa. Ten algo máis da cuarta parte de diámetro que  o noso planeta. En comparación con outras lúas do noso sistema solar, a nosa é excepcionalmente grande en relación co seu planeta anfitrión. Casualidade? Non o parece.

Por exemplo, a Lúa é a principal causa das mareas, que xogan un papel vital no equilibrio ecolóxico da Terra. Ademais, contribúe á estabilidade do eixo de rotación do planeta. Sen este satélite feito a medida, a Terra abanearíase descontrolada coma unha buxaina, chegando quizais a xirar coma se estivese deitada. Os efectos no clima e nas mareas, entre outros, serían catastróficos.

A inclinación e rotación perfectas. Os aproximadamente 23,4 graos de inclinación da Terra dan lugar ás estacións do ano, regulan as temperaturas, e permiten unha gran variedade de zonas climáticas. A este respecto, un libro que fala das condicións necesarias para a vida no Universo comenta: “Parece que a inclinación do eixo do noso planeta é ‘a ideal’” (Rare Earth—Why Complex Life Is Uncommon in the Universe).3

Grazas á velocidade de rotación da Terra, a duración do día e da noite tamén é “a idónea”. Se xirase moito máis amodo, os días serían máis longos e a cara do planeta exposta ó Sol abrasaríase, mentres que a outra se conxelaría. Pola contra, se a Terra xirase moito máis rápido os días durarían menos, quizais só unhas horas, e non deixaría de haber furacáns e outros perigosos fenómenos.

Os escudos protectores

O espazo é un lugar perigoso debido á radiación letal e a constante presenza de meteoroides. En cambio, o noso planeta azul paséase por esta especie de “campo de tiro” da galaxia sen sufrir danos importantes. Como é isto posible? Grazas ós seus abraiantes escudos: un potente campo magnético e mais unha atmosfera feita a medida.

O escudo magnético invisible da terra

O campo magnético. O núcleo da Terra é unha esfera xiratoria de ferro fundido que produce un potente e inmenso campo magnético que se estende no espazo. Este escudo protéxenos do impacto directo da radiación cósmica, e doutros fenómenos potencialmente letais que emanan do Sol. Algúns destes son: os ventos solares, que consisten nun fluxo constante de partículas de enerxía; as erupcións solares, que nuns minutos liberan unha cantidade de enerxía equivalente á detonación de miles de millóns de bombas de hidróxeno; e as explosións na coroa solar, que expulsan miles de millóns de toneladas de materia ó espazo. As auroras polares fannos lembrar a protección que nos dá o campo  magnético do noso planeta. Estes fermosos xogos de luz e cor, visibles na atmosfera superior preto dos polos magnéticos da Terra, son provocados polas erupcións solares e as explosións na coroa, ou capa máis externa, do Sol.

Aurora boreal

A atmosfera. Esta envoltura de gases non só nos permite respirar, senón que tamén nos protexe. Unha das súas capas externas, a estratosfera, contén unha forma de osíxeno chamada ozono, que absorbe ata o 99% da radiación ultravioleta. A capa de ozono protexe da radiación prexudicial a moitas formas de vida: dende o plancto, do que dependemos para a produción de gran parte do osíxeno, ata os seres humanos. O nivel de ozono estratosférico non é sempre o mesmo, senón que varía en función da intensidade da radiación ultravioleta. Sen dúbida, a capa de ozono é un escudo eficiente e flexible.

A atmosfera protéxenos dos meteoros

A atmosfera tamén nos protexe do bombardeo diario de distintos materiais procedentes do espazo, dende pequenas partículas ata xigantescos pedrolos. A inmensa maioría deste lixo espacial arde ó entrar en contacto coa atmosfera, provocando feixes luminosos chamados meteoros. Ó mesmo tempo, este escudo non bloquea a radiación necesaria para a vida, como a calor e a luz visible. Ademais, a atmosfera contribúe á distribución térmica arredor da superficie terrestre, e pola noite fainos de manta, contendo a fuga de calor cara ó espazo.

A atmosfera e mailo campo magnético son dúas marabillas do deseño que aínda non comprendemos totalmente. E o mesmo se pode dicir dos ciclos que sosteñen a vida no noso planeta.

Será casualidade que a Terra conte con dous escudos protectores?

 Ciclos naturais necesarios para a vida

Se a unha cidade lle cortásemos o subministro de aire e auga limpos, e lle tapásemos as saídas dos sumidoiros, os seus habitantes logo enfermarían e morrerían. Pois o noso planeta non ten subministros externos, coma se fose un restaurante onde as mercadorías se traen de fóra e alguén saca o lixo. A auga e o aire puros necesarios para a vida non veñen do espazo exterior, e tampouco enviamos aló os residuos producidos. Entón, como se mantén a Terra limpa e habitable? Grazas ós ciclos naturais, como os da auga, o carbono, o osíxeno e o nitróxeno. Vexamos unha sinxela explicación dos mesmos.

O ciclo da auga. A auga é esencial para a vida: sen ela morreriamos en poucos días. Este ciclo distribúe auga limpa arredor do planeta, e consta de tres fases. 1) Polo efecto da calor do Sol, a auga evapórase e sube á atmosfera. 2) Esta auga limpa condénsase formando nubes. 3) Entón, a auga das nubes cae sobre o chan en forma de chuvia, auganeve, neve ou pedrazo; e así o ciclo queda completado, listo para comezar de novo. Canta auga se recicla ó ano? Calcúlase que a suficiente como para cubrir a superficie de toda a Terra a unha altura de case un metro.4

O ciclo do carbono e do osíxeno. Para vivir é imprescindible respirar, é dicir, coller osíxeno e botar dióxido de carbono. Con miles de millóns de persoas e animais facendo o mesmo, como é posible que na atmosfera nin falte osíxeno nin sobre dióxido de carbono? A resposta está no ciclo do osíxeno. 1) Mediante o abraiante proceso da fotosíntese, as plantas toman o dióxido de carbono que exhalamos, e empregan enerxía da luz solar para transformalo en hidratos de carbono e osíxeno. 2) O ciclo complétase cando respiramos ese osíxeno. As plantas realizan este proceso de forma limpa, eficiente e silenciosa.

 O ciclo do nitróxeno. A vida neste planeta tamén depende da produción de moléculas orgánicas, como as proteínas. A) O nitróxeno é necesario para a formación de tales moléculas. Afortunadamente, este gas constitúe aproximadamente o 78% da atmosfera. Os raios das treboadas e mailas bacterias converten o nitróxeno en compostos que poden ser absorbidos polas plantas. B) As plantas incorporan estes compostos en forma de moléculas orgánicas; deste xeito, cando os animais comen estas plantas, inxiren o nitróxeno. C) Por último, cando as plantas e os animais morren, as bacterias descompoñen estes compostos de nitróxeno. Durante este proceso libérase nitróxeno, que volve ó solo e á atmosfera, completándose así o ciclo.

Reciclaxe perfecta

O home, con toda a súa avanzada tecnoloxía, produce cada ano innumerables toneladas de residuos tóxicos non reciclables. En cambio, o noso planeta recicla tódolos seus residuos á perfección mediante enxeñosos procesos químicos.

Como xurdiron estes sistemas de reciclaxe? A este respecto, o escritor de relixión e ciencia M. A. Corey comenta: “Se o ecosistema terrestre tivese evolucionado por pura casualidade, non tería acadado un equilibrio medioambiental tan perfecto”.5 Compartes o seu punto de vista?