Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Como empezou a vida?

A ciencia e o relato da Xénese

A ciencia e o relato da Xénese

Moitos afirman que a ciencia desminte o relato da Biblia acerca da creación. Agora ben, o caso é que a contradición non se atopa entre a ciencia e a Biblia, senón entre o que di a ciencia e o que opinan algúns grupos relixiosos creacionistas. Algúns destes grupos aseguran que, segundo a Biblia, todo o que existe foi creado hai uns dez mil anos en seis días de 24 horas.

Agora ben, a Biblia non apoia esta afirmación. Se fose así, moitos dos descubrimentos científicos dos últimos cen anos efectivamente poñerían en dúbida o relato da Biblia. Un estudo detallado do texto bíblico revela que non existe tal conflito cos feitos científicos demostrados. Por iso as testemuñas de Xehová non pensamos o mesmo que estes grupos relixiosos creacionistas. Vexamos o que di a Biblia ó respecto.

A Xénese non ensina quea Terra e mailo Universo fosen creados hai uns poucos miles de anos en seis días de 24 horas

Cando foi o “principio”?

O relato da Xénese empeza con esta sinxela pero poderosa declaración: “No principio creou Deus o ceo e a terra” (Xénese 1:1). Moitos expertos na Biblia opinan que esta afirmación describe unha acción distinta ós seis días de creación relatados a partir do versículo 3. Tal idea ten profundas implicacións. De acordo coas palabras iniciais da Biblia, o Universo, incluída a Terra, xa existía antes de que comezasen os seis días da creación.

Os xeólogos estiman que a Terra ten uns catro mil millóns de anos, e os astrónomos calculan que hai uns quince mil millóns que existe o Universo. Contradín estes cálculos, ou as súas posibles actualizacións, as palabras de Xénese 1:1? O certo é que non, xa que a Biblia non especifica a idade real do “ceo e a terra”. A ciencia non está en conflito co texto bíblico.

Canto duraron os seis días da creación?

Foron estes días da creación períodos de 24 horas literais? Algúns afirman que si, porque Moisés (o escritor da Xénese) relacionou o sábado co día de descanso posterior ós seis días da creación (Éxodo 20:11). Confirman esta conclusión as palabras da Xénese?

O certo é que non, pois o termo hebreo orixinal traducido “día” pode referirse a períodos de tempo de diversa duración, non só de 24 horas. Por exemplo, cando Moisés englobou os seis días de actividade creativa de Deus nun, empregou a palabra hebrea para “día”, que en A Biblia (SEPT) se traduce “cando” (Xénese 2:4). Noutras pasaxes aparece o termo hebreo “día” para referirse a un período inferior a 24 horas, como por exemplo en Xénese 1:5, que di: “A luz chamouna día e ás tebras  chamounas noite”. Polo tanto, non hai razón ningunha para afirmar que a Biblia apoia a idea de que cada día da creación durou 24 horas.

Entón, canto duraron os días da creación? Aínda que a Biblia non o especifica, a redacción dos capítulos 1 e 2 da Xénese indica que se tratou de longos períodos de tempo.

As seis etapas da creación

Moisés escribiu o seu relato en hebreo, e fíxoo desde a perspectiva de alguén que vive na Terra. Estes dous factores, unidos ó coñecemento de que o Universo xa existía antes de que empezaran os días, ou períodos, da creación, contribúen a disipar boa parte da polémica arredor do relato bíblico. Por que?

Algúns sucesos que comezaron nun “día“ prolongáronse durante un ou máis dos seguintes “días“

Un estudo máis detallado do relato da Xénese revela que o que comezou nun “día” continuou por un ou máis “días”. Por exemplo, antes de que comezase o primeiro “día” xa existía o Sol. Pero había algo, quizais densas nubes, impedindo que a súa luz acadase a superficie terrestre (Xob 38:9). Durante o primeiro “día”, esta barreira empezou a disiparse, permitindo así que a luz do Sol atravesase a atmosfera do noso planeta. *

O segundo “día”, a atmosfera seguiu clarexando, o que provocou unha separación entre a densa capa de nubes e o océano. O cuarto “día”, a atmosfera continuou despexando de xeito gradual ata o punto de que o Sol e maila Lúa chegaron a ser visibles “no espacio” (Xénese 1:14-16). Noutras palabras, un observador que estivese situado na Terra xa podería albiscar o Sol e maila Lúa. Estes acontecementos tiveron lugar pouco a pouco.

O relato da Xénese explica que o quinto “día”, a medida que a atmosfera foi quedando despexada, empezaron a aparecer criaturas voadoras, entre elas animais con alas membranosas e insectos.

 As palabras rexistradas na Biblia deixan aberta a posibilidade de que os principais acontecementos de cada “día”, ou etapa, da creación tivesen lugar dun xeito gradual e non de súpeto. Mesmo poida que algúns destes acontecementos se prolongasen ata os seguintes “días”. *

“Conforme á súa especie”

Significa a aparición progresiva das plantas e dos animais que Deus utilizou a evolución para producir a enorme variedade de seres vivos que existen no noso planeta? Non. O rexistro bíblico deixa ben claro que Deus creou tódalas especies principais de plantas e animais (Xénese 1:11, 12, 20-25). Estaban deseñadas estas “especies” coa capacidade de adaptarse ós cambios do seu entorno? Que define os límites dunha “especie”? A Biblia non o especifica. En troques explica  que tódolos seres vivos criaron cada un de acordo ás súas especies, ou “xéneros” (Xénese 1:21). Esta afirmación implica que hai límites ás variacións que poden darse dentro dunha mesma especie. Tanto o rexistro fósil coma as últimas investigacións apoian a idea de que as categorías principais de plantas e animais pouco cambiaron tras longos períodos de tempo.

Investigacións recentes confirman que tódolos seres vivos se reproducen “conforme á súa especie“

Ó contrario do que afirman algúns grupos relixiosos creacionistas, o libro bíblico da Xénese non ensina que o Universo, incluída a Terra e todo o que contén, fose creado hai relativamente pouco nun curto período de tempo. Máis ben, a descrición que a Biblia dá sobre como chegou a existir o Universo e como apareceu a vida no noso planeta concorda cos descubrimentos científicos máis recentes.

Debido ás súas crenzas persoais, hai moitos científicos que rexeitan o relato da creación rexistrado no libro da Xénese, que afirma que Deus fixo todo o que existe. A este respecto é moi interesante o feito de que, neste antigo libro da Biblia, Moisés escribiu que o Universo tivo un principio, e que a vida apareceu por etapas, dun xeito progresivo, durante períodos de tempo indeterminados. Como puido Moisés ter acceso a esta información cientificamente exacta hai uns 3500 anos? Só pode haber unha explicación lóxica: deulla Aquel coa sabedoría e o poder necesarios para crear os ceos e maila Terra. Este argumento engade peso á afirmación que a Biblia fai acerca de si mesma, cando di que “está inspirada por Deus” (2Timoteo 3:16). *

A estas alturas, quizais te preguntes se importa ou non que creas o relato bíblico da creación. Vexamos que razóns hai para afirmar que a resposta a esta pregunta si é importante.

^ par.13 Na descrición do que aconteceu o primeiro “día”, a palabra hebrea para luz é ’ohr, un termo para referirse á luz en xeral; en cambio, a palabra utilizada para o cuarto “día” é ma·’ohrʹ, que fai referencia á fonte da luz.

^ par.16 Por exemplo, durante o sexto “día” da creación, Deus díxolles ós humanos que se reproducisen e enchesen a Terra (Xénese 1:28, 31). Pero esta orde non comezou a cumprirse ata o seguinte “día” (Xénese 2:2).

^ par.20 Se desexas máis información, podes ver o breve vídeo Podemos confiar no que di a Biblia? en jw.org/gl