Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Como empezou a vida?

Quen deseñou o orixinal?

Quen deseñou o orixinal?

Nos últimos anos, científicos e enxeñeiros levan aprendido moito dos animais e das plantas (Xob 12:7, 8). De feito, existe unha disciplina chamada biomimética que estuda e copia algunhas das características dos seres vivos. O seu obxectivo é crear novos produtos e mellorar os xa existentes. Mentres les os seguintes exemplos, pensa: “De quen é realmente o mérito destes deseños?”.

 As aletas do xibardo

Que poden aprender os enxeñeiros aeronáuticos do xibardo, ou balea xibardo? Parece que moito. Un exemplar adulto mide uns doce metros de longo e pesa unhas trinta toneladas (o equivalente a un camión grande cargado). O seu corpo é relativamente ríxido e dispón dunhas grandes aletas que semellan alas. Así e todo, o xibardo móvese na auga dun xeito sorprendentemente áxil.

Algo que intrigaba ós científicos era a gran capacidade deste animal para moverse facendo o que parecían xiros imposibles, pese a ter un corpo tan ríxido. Descubriron que a clave está na forma das súas aletas. O borde dianteiro das mesmas non é liso coma as alas dun avión, senón que é dentado grazas a unha serie de protuberancias dispostas en fila.

Cando a balea se despraza, estas protuberancias facilítanlle o avance, porque aumentan o seu empuxe e disminúen a resistencia á auga. Como? A revista Natural History explica que as protuberancias aceleran o paso da auga pola aleta, xerando así un fluxo rotatorio regular, incluso cando a balea ascende facendo xiros moi pronunciados.10

A quen pertence a patente da natureza?

Que aplicacións prácticas ofrece este descubrimento? Se as alas das aeronaves se baseasen neste deseño, precisarían dun menor número de aleróns e outros dispositivos mecánicos para alterar o fluxo de aire. Ademais, serían máis seguras e fáciles de manter. O experto en biomecánica John Long opina que, nun futuro próximo, “quizais sexa posible que os avións comerciais conten con protuberancias semellantes ás das aletas da balea xibardo”.11

As alas da gaivota

Se ben as alas dos avións xa imitan a forma das alas dos paxaros, os enxeñeiros están levando esta técnica de imitación a un novo nivel. A revista New Scientist comenta que “uns investigadores da Universidade de Florida construíron un prototipo de dron dirixido por control remoto que, como as gaivotas, pode manterse suspendido no aire, lanzarse en picado e remontar o voo a gran velocidade”.12

 Para facer as súas acrobacias, as gaivotas dobran as alas á altura do cóbado e do ombreiro. Imitando este deseño, “este dron de 61 cm leva un pequeno motor conectado a unhas variñas metálicas que moven as alas”, explica a revista. Grazas a este deseño tan enxeñoso, a pequena aeronave pode manterse suspendida no aire e voar entre edificios. O persoal militar está moi interesado en desenvolver unha aeronave con esta facilidade para manobrar, pois sería útil para buscar armas químicas e biolóxicas nas grandes cidades.

As patas da gaivota

Aínda que estea de pé no xeo, a gaivota non se conxela. Como mantén a súa temperatura corporal? En parte, o segredo reside nun abraiante proceso de intercambio de calor, presente en moitos dos animais que habitan nas zonas máis frías do planeta.

A calor transfírese e queda dentro do corpo. O frío queda nos pés

En que consiste este mecanismo? Para entendelo, imaxina que hai dous tubos de auga pegados un ó outro. Un leva auga quente e o outro, auga fría. Se a auga corre no mesmo sentido nos dous, a temperatura da quente disminúe case á metade ó transferir parte da calor ó tubo que leva a auga fría. En cambio, se en cada tubo a auga corre no sentido contrario ó outro, case toda a calor pasa do tubo da auga quente ó da auga fría.

Cando a gaivota se pousa no xeo, este proceso fai que se quente o sangue que retorna dos pés fríos. Deste xeito, o corpo da gaivota conserva a temperatura corporal, en lugar de que se lle escape polos pés. O enxeñeiro mecánico e aeronáutico Arthur P. Fraas describe tal mecanismo como “un dos máis efectivos procesos de transferencia de calor do mundo”.13 Este deseño é tan bo que os enxeñeiros o copiaron.

 De quen é o mérito?

Un prototipo de automóbil imita a aerodinámica e a estabilidade do peixe cofre

A NASA construíu un robot con múltiples patas que camiña coma un alacrán, e unha empresa tecnolóxica de Finlandia fabricou un tractor con seis patas que sube por riba dos obstáculos coma se fose un insecto xigante. Imitando as piñas dos piñeiros, creouse un tecido con pequenas membranas que abren e pechan, conseguindo que as prendas deste material se adapten á temperatura corporal. Un fabricante de coches está a desenvolver un vehículo inspirado no peixe cofre, de aerodinámica excepcional. Tamén se está estudando a capacidade de absorción dos golpes da cuncha da orella de mar, ou peneira, para aplicalas á fabricación de dispositivos de blindaxe corporal máis fortes e lixeiros.

O sonar dos golfiños é mellor cá copia feita polo home

Hai tantas boas ideas inspiradas na natureza que se elaborou unha base de datos que xa leva miles de mecanismos biolóxicos catalogados. Os investigadores poden consultala a fin de “atopar solucións naturais ós seus problemas de deseño”, di a revista The Economist. Os sistemas naturais que están catalogados son coñecidos como “patentes biolóxicas”. Normalmente, o titular dunha patente é a persoa ou entidade que rexistra como propia unha idea orixinal ou un invento. Ó respecto desta base de datos, a mesma revista comenta: “Ó chamar ‘patentes biolóxicas’ a estes enxeñosos deseños, os investigadores están recoñecendo que a natureza é, efectivamente, a titular da patente”.14

Os científicos están estudando a capacidade de absorción de impactos da cuncha da peneira

De onde quitaría a natureza tantas ideas brillantes? Moitos investigadores atribúen estes aparentemente enxeñosos deseños presentes na natureza a un proceso evolutivo de ensaio e erro que tivo lugar durante millóns de anos. Outros, en cambio, chegan a conclusións ben distintas. Nun artigo publicado no New York Times o 7 de febreiro de 2005, o microbiólogo Michael J. Behe afirmou: “A clara presenza de deseño [na natureza] ofrece un poderoso  argumento: se semella un parrulo, anda coma un parrulo, e fai o son dun parrulo, non hai dúbida de que é un parrulo”. E concluíu: “Non debemos descartar a idea do deseño simplemente porque resulte obvia”.15

Os xecónidos poden adherirse ás superficies máis lisas mediante forzas moleculares

Sen dúbida, calquera enxeñeiro que deseñe unha ala de avión máis segura e eficiente merece todo o recoñecemento, ó igual que o inventor dun tecido máis cómodo ou dun motor de coche cun mellor rendemento. De feito, cando alguén fabrica un produto copiando un deseño alleo sen permiso, pode ser acusado dun delito.

Agora pensa no seguinte. Para resolver complexos problemas de enxeñaría, os expertos imitan os sistemas presentes na natureza sen chegar ó mesmo nivel de perfección. Aínda así, hai quen atribúe tales marabillas naturais do deseño a procesos evolutivos casuais. Ata que punto che parece lóxico? Se a copia precisa dun deseñador, que se pode dicir do orixinal? Quen terá máis mérito: o mestre enxeñeiro, ou o aprendiz que imita os seus deseños?

Unha conclusión lóxica

Tras analizar as probas de deseño presentes na natureza, moitos comparten os sentimentos dun escritor da Biblia chamado Paulo, quen dixo: “Porque o que de Deus é invisible, é dicir, a súa potencia eterna e a súa divinidade, resúltalle visible, desde que o mundo é mundo, a quen reflexiona sobre as súas obras” (Romanos 1:19, 20).