Había unha cidade en Asiria chamada Nínive, na que a xente era moi mala. Por iso Xehová lle mandou ó seu profeta Xonás que fose alí. Tiña que avisar á xente de que deixasen de facer cousas malas. Pero Xonás foi en dirección contraria e liscou nun barco que ía cara a Tárxix.

Xa no mar, comezou un temporal moi grande e os mariñeiros estaban mortos de medo. Pregábanlles ós seus deuses: “Por que esta pasando isto?”. Xonás confesoulles: “Todo é culpa miña. Estou fuxindo do lugar onde Xehová me mandou ir. Collédeme e botádeme ó mar. Xa veredes como amaina”. Os mariñeiros non querían tiralo pola borda, pero Xonás seguiu insistíndolles. Ó final tirárono ó mar e o temporal parou.

Xonás pensaba que ía morrer, e oráballe a Xehová mentres se afundía máis e máis no mar. Entón, Xehová fixo que un peixe enorme o tragase, pero Xonás non morreu! Alí dentro, Xonás orou: “Prométoche que sempre te vou obedecer”. Xehová mantivo con vida a Xonás dentro do peixe por tres días, e despois fixo que o vomitase en terra firme.

Xehová salvara a Xonás. Quería dicir iso que xa non tiña que ir a Nínive? Non. Xehová volveulle mandar que fose alí.  Desta vez, Xonás obedeceu. Foi a Nínive e díxolle á xente mala que vivía alí: “Dentro de corenta días Nínive será destruída”. Entón pasou algo inesperado. O rei díxolle ó pobo. “Pregádelle a Deus e arrepentídevos. Quen sabe? Poida que así non acabe con nós”. Os ninivitas fixeron caso e deixaron de facer cousas malas. Cando Xehová viu que se arrepentiran, decidiu non destruír aquela cidade.

A Xonás pareceulle moi mal que Xehová non destruíra Nínive. Pensa nisto. Xehová tivera paciencia e compaixón de Xonás, pero Xonás non tivo compaixón dos ninivitas. Puxo mala cara e sentouse ás aforas da cidade á sombra dunha planta grande. Pero a planta morreu, e Xonás enfadouse moito. Entón Xehová díxolle: “Impórtache máis esta planta que a xente de Nínive. Eu compadecinme deles e deixeinos vivir”. Cal foi a lección? Aquelas persoas eran máis importantes que calquera planta.

Xehová “ten paciencia convosco, porque non quere que ninguén pereza senón que a todos lles dea tempo a se converteren” (2 Pedro 3:9)