Había unha nena israelita que vivía en Siria, ou Aram, moi lonxe da súa casa. O exército sirio separáraa da súa familia para que fose servir de criada da muller de Naamán, un xefe do exército. Ela adoraba a Xehová aínda que ó seu arredor ninguén o facía.

Naamán tiña unha enfermidade horrible na pel que doía moito. A nena quería axudalo, así que díxolle á muller de Naamán: “Eu sei de alguén que pode axudar o teu home. En Israel hai un profeta de Xehová que se chama Eliseo. El pode curalo”.

A muller foille dicir a Naamán o que a nena lle contara. Con tal de curar, estaba disposto a calquera cousa. Así que foi á casa de Eliseo en Israel. Naamán esperaba un gran recibimento, pero Eliseo nin sequera foi falar con el persoalmente. Mandou o seu criado para recibilo e darlle esta  mensaxe: “Vai e lávate sete veces no Xordán. Así curarás”.

Naamán estaba moi decepcionado. Dixo: “Eu pensei que este profeta me ía curar chamando polo seu Deus e pasando a súa man polas miñas feridas. Pero vai e dime que me bañe nese río de Israel. Seica non valen máis os ríos de Siria? Por que non podo bañarme neles?”. Así que Naamán marchou enfadado da casa de Eliseo.

Os criados de Naamán axudáronlle a pensalo mellor. Dixéronlle: “Non farías calquera cousa con tal de curar? O profeta estache mandando algo ben fácil. Por que non probas?”. Naamán fíxolles caso, así que foi ó río Xordán e meteuse na auga sete veces. A sétima vez saíu da auga completamente san! Naamán estaba moi agradecido e foille dar as grazas a Eliseo. Díxolle: “Agora sei que Xehová é o Deus verdadeiro”. Naamán volveu curado para a casa. Como pensas que se sentiría a nena israelita ó velo?

“Da boca dos meniños de peito fixeches saír unha louvanza” (Mateo 21:16)