Como moitos israelitas estaban adorando deuses falsos outra vez, Xehová deixou que os filisteos dominasen o seu territorio. Pero algúns israelitas seguían obedecendo a Xehová. Un deles era Manóah. El e maila súa muller non tiñan fillos. Un día, Xehová mandou un anxo onda a muller de Manóah. O anxo díxolle: “Vas ter un fillo que liberará a Israel dos filisteos. Será nazareno”. Sabes quen eran os nazarenos? Eran uns servos especiais de Xehová, e non podían cortar o pelo.

Co tempo, naceu o neno e chamáronlle Sansón. Cando creceu, Xehová fixo que fose moi forte. Mesmo matou un león só coas súas mans! Noutra ocasión, matou trinta filisteos sen axuda de ninguén. Os filisteos tíñanlle xenreira e sempre andaban a buscar a maneira de matalo. Unha noite, mentres Sansón estaba durmindo en Gaza, os filisteos foron ata a porta da cidade e esperaron alí por el para matalo pola mañá. Pero no medio da noite, Sansón ergueuse, foi ás portas da cidade e arrincounas da muralla. Levounas ó lombo ata o cumio dunha montaña preto de Hebrón!

Tempo despois, os filisteos foron falar coa moza de Sansón, que se chamaba Dalilah. Dixéronlle: “Se descobres por que Sansón é tan forte, pagarémosche unha morea de cartos. Queremos collelo e metelo no cárcere”. Como Dalilah quería o diñeiro, aceptou o trato. Ó principio, Sansón non lle quería contar por que era tan forte, pero ela insistiulle tanto que ó final rendeuse e contoulle o segredo da súa forza. Díxolle: “Nunca cortei o pelo porque son nazareno. Se o corto, perderei a miña forza”. Vaia erro cometeu Sansón ó dicirlle o seu segredo, verdade?

 Deseguida, Dalilah foi contárllelo ós filisteos: “Xa sei cal é o seu segredo!”. Durmiu a Sansón no colo e mandou que lle cortasen o pelo. Dalilah berrou: “Sansón, os filisteos veñen por ti!”. Entón el espertou, pero xa non tiña forzas. Os filisteos collérono, deixárono cego e botárono na cadea.

Un día, miles de filisteos xuntáronse no templo do seu deus Dagón. Berraban: “O noso deus entregounos a Sansón! Sacádeo para rirnos del!”. Puxérono entre dúas columnas e empezaron a burlarse del. Sansón suplicaba: “Oh, Xehová, por favor, dáme forzas unha vez máis!”. Daquela, Sansón xa tiña o pelo longo outra vez. Empurrou as columnas do templo con tódalas súas forzas e o edificio comezou a derrubarse e caeu enriba da xente. Todos morreron, incluído Sansón.

“Teño forzas para todo gracias a quen me fai forte” (Filipenses 4:13)