Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Aprendamos das historias da Biblia

 CAPÍTULO 34

Guideón vence os madianitas

Guideón vence os madianitas

Co tempo, os israelitas apartáronse de Xehová e comezaron a adorar deuses falsos. Durante sete anos, os madianitas roubáronlles os animais e estragáronlles as colleitas. Para escapar deles tiveron que agocharse en covas e nas montañas. Suplicáronlle a Xehová que os salvase, así que Xehová enviou un anxo onda un home chamado Guideón. O anxo díxolle: “Xehová escolleute para ser un gran guerreiro”. Guideón preguntou: “Como vou salvar a Israel se non son ninguén?”.

Como podería asegurarse de que Xehová o escollera? Guideón colleu un pouco de la, púxoa na terra e díxolle a Xehová: “Se mañá a la está mollada co orballo da noite pero a terra está seca, saberei que me escolliches para salvar a Israel”. Pola mañá, a la estaba empapada pero o chan estaba seco! Guideón pediulle a Xehová que ó día seguinte a la estivese seca e o chan mollado. E así foi! Guideón convenceuse de que Xehová o escollera, así que reuniu os seus soldados para loitar contra os madianitas.

 Xehová díxolle a Guideón: “Vouvos axudar a gañar a batalla. Pero sodes moitos. Para que non pensedes que gañastes por vós mesmos, dilles a tódolos que teñan medo que marchen”. Marcharon 22.000 soldados, pero 10.000 quedaron. Entón dixo Xehová: “Aínda hai moitos soldados. Lévaos a aquel regato e dilles que beban. Queda só cos que estean pendentes do inimigo mentres beben”. Só trescentos homes estiveron alerta. Xehová prometeu que con aqueles poucos homes derrotarían os 135.000 soldados madianitas.

Pola noite, Xehová díxolle a Guideón: “Agora é o momento de atacar os madianitas!”. Guideón repartiu entre os soldados cornos e unhas xerras grandes cuns fachos dentro. Díxolles: “Ollade para min, e facede o que eu faga”. Guideón tocou o seu corno, rompeu a xerra e, abaneando o facho, berrou: “A espada de Xehová e de Guideón!”. Os trescentos homes fixeron o mesmo. Os madianitas asustáronse tanto que empezaron a correr coma tolos de aquí para aló. No medio do barullo, puxéronse a pelexar entre eles. De novo, Xehová axudou ós israelitas a derrotar os seus inimigos.

“E así esa forza tan extraordinaria aparece coma forza de Deus, e non nosa” (2 Corintios 4:7)