Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Aprendamos das historias da Biblia

 CAPÍTULO 32

Un novo líder e dúas mulleres valentes

Un novo líder e dúas mulleres valentes

Despois de guiar o pobo de Xehová durante moito tempo, Xosué morreu ós 110 anos. Mentres viviu, os israelitas adoraron a Xehová, pero despois de morrer empezaron a adorar ídolos, igual que facían os cananeos. Xa que os israelitas deixaran de adoralo, Xehová permitiu que un rei cananeo chamado Iabín lles causase moitos problemas. Entón, o pobo suplicoulle a Xehová que os axudase. Así que Xehová fixo que tivesen un novo líder, Barac, quen lles axudaría a volver adorar a Xehová.

Unha profetisa chamada Déborah mandou buscar a Barac para darlle esta mensaxe de Xehová: “Colle 10.000 homes e vai ó encontro do exército de Iabín no torrente de Quixón. Alí derrotarás a Sísera, o xefe do exército de Iabín”. Barac díxolle a Déborah: “Irei, pero só se vés comigo”. Ela respondeulle: “Irei contigo, pero que saibas que non serás ti quen mate a Sísera. Xehová dixo que será unha muller quen o faga”.

Déborah foi xunto con Barac e o seu exército ó monte Tabor para prepararse para a batalla. Tan pronto como o soubo,  Sísera reuniu os seus carros de guerra e as tropas no val preto da montaña. Déborah díxolle a Barac: “Xehová fará que hoxe gañes a batalla”. Barac e os seus 10.000 homes baixaron da montaña para enfrontarse ó poderoso exército de Sísera.

Nese momento, Xehová fixo que o torrente de Quixón se inundase. Os carros de guerra de Sísera quedaron atascados na lama. Sísera baixou do seu carro e botou a correr. Barac e os seus soldados derrotaron o exército inimigo, pero Sísera escapou! Foise esconder na tenda dunha muller chamada Iael. Ela deulle un pouco leite, tapouno cunha manta e, como estaba moi cansado, quedou durmido. Logo, Iael achegouse a el ás caladiñas e chantoulle unha estaca na cabeza, así que morreu.

Despois Barac chegou buscando a Sísera. Entón Iael saíu da tenda e díxolle: “Entra e amosareiche o home que andas a buscar”. Barac entrou na tenda e viu a Sísera morto no chan. Barac e Déborah cantaron a Xehová para darlle grazas pola vitoria dos israelitas sobre os seus inimigos. Durante os seguintes corenta anos houbo paz en Israel.

“Os vosos fillos e mailas vosas fillas converteranse en profetas” (Xoel 3:1 [2:28NM])