Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Aprendamos das historias da Biblia

 CAPÍTULO 24

Rompen a súa promesa

Rompen a súa promesa

Xehová díxolle a Moisés: “Sube onda min á montaña. Vouche dar as miñas leis escritas nunhas táboas de pedra”. Moisés subiu e botou no monte corenta días e corenta noites. Mentres estaba alí, Xehová escribiu dez leis moi importantes en dúas táboas de pedra, e deullas a Moisés. Estas leis chámanse os Dez Mandamentos.

Os israelitas comezaron a pensar que Moisés os abandonara. Así que dixéronlle a Aharón: “Queremos que alguén nos guíe. Fainos un deus!”. El contestoulles: “Dádeme o ouro que teñades”. Entón eles déronllo, e con el Aharón fixo unha estatua dun becerro. O pobo dixo: “Este becerro é o noso Deus que nos sacou de Exipto!”. Comezaron a adoralo e fixeron unha festa, pero iso estivo mal. Por que? Porque prometeran que só adorarían a Xehová. Romperon a súa promesa.

 Xehová viu o que estaba a pasar e díxolle a Moisés: “Baixa onda o pobo. Estanme desobedecendo e adorando un deus falso”. Entón Moisés baixou coas dúas táboas de pedra.

Segundo se achegaba ó campamento, Moisés oía cantar o pobo. Ó velos bailando e adorando o becerro, enfadouse moitísimo. Así que tirou as táboas ó chan e romperon en cachiños. Deseguida desfixo a estatua e preguntoulle a Aharón: “Como te deixaches convencer para facer algo tan malo?”. Aharón contestoulle: “Non te enfades. Xa sabes como é este pobo. Como querían un deus, botei o ouro que me deron no lume e saíu este becerro!”. Aharón non debeu facer aquilo. Moisés subiu outra vez á montaña e rogoulle a Xehová que perdoase o pobo.

Xehová perdoou os que quixeron obedecelo. Que importante era que os israelitas se deixasen guiar por Moisés, verdade?

“Se fas unha promesa a Deus non te demores en cumprila. A Deus non lle compracen os badocos: o que prometiches, ¡cúmpreo!” (Eclesiastés 5:3 [5:4NM])