Abraham ensinoulle ó seu fillo Isaac a querer a Xehová e a confiar nas Súas promesas. Cando Isaac tiña uns 25 anos, Xehová mandoulle facer algo moi difícil a Abraham. Que foi o que lle mandou?

Deus díxolle a Abraham: “Por favor, ofréceme o teu único fillo como sacrificio nunha montaña da terra de Moriah”. Abraham obedeceu a Xehová aínda que non sabía por que lle pedira unha cousa así.

A mañá seguinte, Abraham marchou para Moriah con Isaac e dous criados. Tres días despois, viron as montañas ó lonxe. Abraham díxolles ós criados que agardasen mentres el e mais Isaac ían ofrecer un sacrificio. Abraham levaba un coitelo e díxolle a Isaac que cargase coa leña. Entón Isaac preguntoulle a seu pai: “E onde está o animal que imos sacrificar?”. Abraham contestoulle: “Meu fillo, Xehová nolo dará”.

Cando chegaron á montaña, construíron un altar. Despois, Abraham atoulle as mans e os pés a Isaac e púxoo enriba do altar.

Logo colleu o coitelo e, nese intre, un anxo de Xehová díxolle dende o ceo: “Abraham! Non lle fagas mal ningún ó rapaz!  Agora sei que tes fe en Deus, porque estabas disposto a sacrificar o teu fillo”. Entón, Abraham viu un carneiro que quedara atrapado nunha silveira. Desatou a Isaac e sacrificou o carneiro no seu lugar.

Dende aquel mesmo día, Xehová considerou a Abraham seu amigo. Sabes por que? Porque Abraham sempre facía o que Xehová lle mandaba, mesmo cando non entendía o motivo.

Xehová repetiulle a súa promesa: “Bendicireite e farei que teñas moitos descendentes”. Isto significaba que Xehová bendiciría a todo o mundo mediante a familia de Abraham.

“Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna” (Xoán 3:16)