Un día Eva estaba soa e unha serpe púxose a falar con ela. Díxolle: “É certo que Deus non vos deixa comer das árbores do xardín?”. Eva contestou: “Podemos comer de tódalas árbores menos dunha. Se comemos daquela árbore, morreremos”. Entón a serpe díxolle: “Non morreredes. De feito, se comedes dela seredes coma Deus”. Sería iso verdade? Non, era unha mentira; pero Eva creuna. Canto máis miraba para aquela froita, máis gana tiña de comela. Así que comeu dela e deulle unha pouca a Adam. El sabía que se desobedecían a Deus morrerían, pero comeu igual.

Ese mesmo día, Xehová falou con Adam e Eva. Preguntoulles por que desobedeceran. Eva botoulle a culpa á serpe, e Adam botoulle a culpa a Eva. Como Adam e Eva desobedeceran, Xehová botounos fóra do xardín de Edén. E para que non volvesen alí nunca máis, puxo na entrada uns anxos e unha espada de lume dando voltas.

Xehová dixo que tamén ía castigar a quen lle contara a mentira a Eva. En realidade, a serpe non foi quen falara. Xehová non fixo serpes que puidesen falar. Foi un anxo malo quen usou a serpe para enganar a Eva. Este anxo chámase Satán, o Demo. No futuro, Xehová vai destruír a Satán. Así xa non enganará a ninguén para que faga cousas malas.

Satán “foi asasino desde o comezo e non afincou na verdade, que nel non hai verdade” (Xoán 8:44)