En Filipos había unha serva que adiviñaba o futuro porque estaba posuída por un demo. Os seus amos gañaban moitos cartos coas súas predicións. Cando Paulo e Bernabé chegaron a Filipos, ela seguiunos por moitos días. O demo facía que a rapaza gritase: “Estes homes son servos do Deus Altísimo!”. Ó final, Paulo ordenoulle ó demo: “No nome de Xesús, sae dela!”. E o demo saíu.

Cando os amos da rapaza viron que xa non ían gañar máis cartos con ela, enfadáronse moito. Levaron a rastro a Paulo e mais a Silas onda os xuíces, dicindo: “Estes homes non obedecen a lei e están alborotando toda a cidade!”. Os xuíces mandaron azoutalos e botalos no cárcere. O carcereiro meteunos na parte máis escura e profunda da prisión, e prendeulles os pés nun cepo.

Paulo e Silas empezaron a cantar louvanzas a Xehová mentres os demais prisioneiros escoitaban. De súpeto, no medio da noite houbo un terremoto tan grande que fixo tremer todo o cárcere. Abríronse tódalas portas de golpe, e soltáronse as cadeas e os cepos. O carcereiro correu dentro da prisión e viu as portas abertas. Pensando que os prisioneiros escaparan, colleu unha espada para se matar.

Xusto nese momento, Paulo berrou: “Non o fagas! Estamos todos aquí!”. O carcereiro correu onda eles e inclinouse ós pés de Paulo e Silas. Despois preguntoulles: “Que teño que facer para me salvar?”. Eles dixéronlle: “Ti e maila túa familia tendes que crer en Xesús”. Paulo e Silas ensináronlles acerca de Xehová e o carcereiro e maila súa familia bautizáronse.

“Botaranse sobre vós, perseguíndovos: levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teréde-la oportunidade de dar testemuño” (Lucas 21:12, 13)