A terceira xira de predicación de Paulo rematou en Xerusalén. Alí arrestárono e botárono no cárcere. Pola noite, tivo unha visión na que Xesús lle dixo: “Irás a Roma e predicarás alí”. Despois levárono dende Xerusalén a Cesarea, onde pasou dous anos no cárcere. Cando o estaban xulgando, dixo diante do gobernador Festo: “Quero que me xulgue o César en Roma”. Festo contestoulle: “Se iso é o que queres, así será”. Entón, meteron a Paulo nun barco rumbo a Roma, e Lucas e Aristarco foron con el.

Cando estaban no mar, comezou un temporal moi forte que durou moitos días. Todos pensaron que ían morrer. Pero Paulo dixo: “Compañeiros, un anxo díxome nun soño: ‘Paulo, non teñas medo. Chegarás a Roma e tódolos que van no barco se salvarán’. Ánimo! Imos saír desta!”.

Despois de catorce días de temporal, por fin divisaron terra. Era a illa de Malta. O barco encallou e rompeu en anacos, pero as 276 persoas que ían a bordo conseguiron salvarse. Todos chegaron á praia. Algúns nadando e outros agarrados a anacos do barco que flotaban. A xente de Malta coidou deles e fixo un lume para que se quentasen.

Tres meses despois, os soldados levaron a Paulo a Roma noutro barco. Ó chegar, os irmáns foron recibilo. Cando os viu, deulle grazas a Xehová e animouse moito. Aínda que estaba preso, Paulo viviu dous anos nunha casa alugada vixiado por un soldado. A xente viña visitalo, e el faláballes do Reino de Deus e ensináballes acerca de Xesús. Dende alí tamén escribiu cartas ás congregacións de Asia Menor e de Xudea. De certo Xehová usou a Paulo para espallar as boas novas ás nacións.

“Acreditámonos decote coma servidores de Deus con tanto como sufrimos: tribulacións, adversidades, angustias” (2 Corintios 6:4)