Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Aprendamos das historias da Biblia

 CAPÍTULO 91

A resurrección de Xesús

A resurrección de Xesús

Despois da morte de Xesús, un home rico chamado Xosé pediulle permiso a Pilato para baixar o corpo de Xesús do madeiro. Envolveuno cunhas teas de liño, púxoo nunha tumba nova e colocou unha pedra moi grande na entrada. Os sacerdotes principais dixéronlle a Pilato: “Preocúpanos que veña algún discípulo de Xesús, colla o seu corpo e diga que resucitou”. Así que Pilato ordenou: “Selade a tumba e poñede gardas para vixiala”.

Tres días despois, algunhas mulleres foron á tumba pola mañá cedo e viron que alguén apartara a pedra da entrada. Dentro había un anxo que lles dixo: “Non teñades medo. Xesús resucitou. Ide dicirlles ós seus discípulos que se atopará con eles en Galilea”.

María Magdalena deseguida foi onda Pedro e Xoán e díxolles: “Alguén levou o corpo de Xesús!”. Entón, eles botaron a correr cara á tumba. Pero cando chegaron estaba baleira, así que marcharon para a casa.

Cando María volveu á tumba, viu dous anxos dentro e díxolles: “Non sei onde levaron o meu Señor”. Despois, viu un home e, pensando que era o xardineiro, preguntoulle: “Pódesme dicir onde levaches o corpo de Xesús?”. O home respondeulle: “María!”. Ela decatouse de que era Xesús, e exclamou: “Mestre!”. Entón abrazouse a el. Xesús díxolle: “Vai e cóntalles a meus irmáns que me viches”. María correu onda os discípulos e contoulles que vira a Xesús.

Máis tarde ese mesmo día, dous discípulos ían andando de Xerusalén a Emaús. Un home uniuse a eles e preguntoulles de que estaban a falar. Eles contestaron: “Non o sabes? Hai tres días, os sacerdotes principais mataron a Xesús e agora unhas mulleres andan dicindo que está vivo!”. O home preguntoulles: “Credes nos profetas? Eles predixeron que  o Cristo morrería e resucitaría”. Despois seguiu explicándolles as Escrituras todo o camiño. Cando chegaron a Emaús, os discípulos pedíronlle que non marchase. Quedou a cear con eles e, cando orou polo pan, decatáronse de que era Xesús! Entón, desapareceu.

Os dous discípulos correron ata Xerusalén. Foron á casa onde estaban reunidos os apóstolos e contáronlles todo o que pasara. Estando alí, Xesús aparecéuselles a todos. Ó principio, os apóstolos non podían crer que fose Xesús. Pero el díxolles: “Mirade as miñas mans e tocádeme. Estaba escrito que o Cristo resucitaría”.

“Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min” (Xoán 14:6)