Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Aprendamos das historias da Biblia

 CAPÍTULO 90

A morte de Xesús

A morte de Xesús

Os sacerdotes principais levaron a Xesús ó pazo do gobernador Pilato. Alí el preguntoulles: “De que acusades a este home?”. Eles responderon: “Di que é rei!”. Así que Pilato preguntoulle a Xesús: “Es ti o rei dos xudeus?”. Xesús contestou: “O meu reino non é deste mundo”.

Entón, Pilato mandou a Xesús onda Herodes, o gobernador de Galilea, por se vía algo do que acusalo. Pero Herodes non atopou nada contra el e devolveuno a Pilato. Logo, Pilato díxolle á xente: “Nin Herodes nin eu atopamos este home culpable de delito ningún. Vouno deixar libre”. Pero a xente empezou a berrar: “Mátao! Mátao!”. Os soldados zoupáronlle cun látego, cuspíronlle e déronlle golpes. Tamén lle puxeron unha coroa de espiños na cabeza e burláronse del dicindo: “Bos días, rei dos xudeus!”. Pilato volveulle dicir á xente: “Eu non atopo nel culpa ningunha”. Pero a xente seguiu berrando: “Ó madeiro con el!”. Ó final, Pilato entregoulles a Xesús para que o matasen.

Despois, levaron a Xesús a un sitio chamado Gólgota. Cravárono nun madeiro e deixárono quedar alí colgado. Xesús orou: “Pai, perdóaos porque non saben o que fan”. A xente ríase del e dicíalle: “Se es o fillo de Deus, sálvate a ti mesmo e baixa do madeiro!”.

Un dos criminais que estaban colgados ó lado de Xesús díxolle: “Lémbrate de min cando entres no Reino”. E Xesús prometeulle: “Estarás comigo no Paraíso”. A primeira hora da tarde, unha escuridade cubriu a terra durante tres horas. Algúns dos discípulos de Xesús quedaron onda o madeiro, entre eles a súa nai, María. Xesús díxolle a Xoán que coidase dela como se fose a súa propia nai.

Finalmente, Xesús exclamou: “Cumpriuse!”. Despois, inclinou a cabeza e deu o seu último alento. Nese momento, houbo un  terremoto moi grande. No templo, a cortina que separaba o Santo do Santísimo rachou en dous. Entón, un oficial do exército dixo: “Abofé que este era o Fillo de Deus”.

“Tódalas promesas de Deus encontraron nel o si” (2 Corintios 1:20)