Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Aprendamos das historias da Biblia

 CAPÍTULO 77

Xesús fala cunha muller samaritana

Xesús fala cunha muller samaritana

Algún tempo despois da Pascua, Xesús e os seus discípulos pasaron por Samaría camiño de Galilea. Preto da cidade de Sicar, Xesús detívose onda o pozo de Xacob, e quedou alí descansando mentres os seus discípulos ían mercar comida á cidade.

Entón, achegouse unha muller para sacar auga do pozo e Xesús díxolle: “Dáme de beber”. Ela respondeu: “Que fas falando comigo? Os xudeus non se levan cos samaritanos, e eu son samaritana”. Xesús contestoulle: “Se soubeses quen son, pediríasme de beber e eu daríache a auga que dá vida”. A muller preguntoulle: “Que queres dicir? Nin sequera tes un caldeiro!”. Xesús explicoulle: “Calquera que beba da auga que eu lle dea non volverá ter sede”. Entón ela suplicoulle: “Señor, pois dáme desa auga”.

Logo, Xesús díxolle: “Vai buscar o teu marido”. Ela respondeulle: “Non teño marido”. Xesús contestou: “É certo. Casaches cinco veces e agora vives cun home co que non estás casada”. A muller díxolle: “Xa vexo que es un profeta. Os samaritanos cremos que debemos adorar a Deus neste monte, pero os xudeus din que só podemos adoralo en Xerusalén. Eu penso que cando veña o Mesías, vainos explicar como adorar a Deus”. Entón, Xesús contoulle algo que non lle contara a ninguén: “Eu son o Mesías”.

 A muller foi correndo á cidade e díxolles ós veciños: “Creo que atopei o Mesías! Coñece toda a miña vida. Xa veredes, vide comigo!”. Así que foron con ela ata o pozo para escoitar as ensinanzas de Xesús.

Os samaritanos invitaron a Xesús a quedar na cidade. Botou alí dous días ensinándolles e moitos comezaron a crer nel. Dicíanlle á muller: “Logo de escoitar a este home, sabemos que é o salvador do mundo”.

“‘Ven’. Quen teña sede, que veña; o que queira, que colla de balde auga da vida” (Apocalipse 22:17)