Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Aprendamos das historias da Biblia

 CAPÍTULO 84

Xesús camiña sobre a auga

Xesús camiña sobre a auga

Xesús non só podía curar enfermos e resucitar mortos, senón que tamén era capaz de controlar o vento e a chuvia. Despois de estar orando no monte, Xesús mirou cara ó mar de Galilea e viu como se achegaba un temporal. Os seus apóstolos estaban na barca, remando contra o vento con tódalas súas forzas. Xesús baixou do monte e comezou a camiñar sobre a auga cara á barca. Cando os apóstolos o viron, asustáronse moitísimo, pero Xesús díxolles: “Tranquilos, son eu. Non teñades medo!”.

Logo Pedro dixo: “Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti”. Xesús respondeulle: “Ven!”. No medio do temporal, Pedro baixou da barca e comezou a camiñar sobre a auga cara a Xesús. Pero cando xa estaba cerca, Pedro mirou para a tormenta e colleu medo. Entón, comezou a afundirse e berrou: “Señor, sálvame!”. Xesús colleuno pola man e preguntoulle: “Por que dubidaches? Onde está a túa fe?”.

Xesús e Pedro subiron á barca e, de súpeto, o temporal parou. Como pensas que se sentiron os apóstolos? Eles dixeron: “Realmente ti es o fillo de Deus”.

Esta non foi a única vez na que Xesús controlou as forzas da natureza. Noutra ocasión, el e mailos apóstolos ían nunha barca cara á outra beira do mar. Xesús quedou durmido na parte de atrás e, entón, comezou unha tormenta moi forte. As ondas batían contra a barca e enchíana de auga. Os apóstolos espertaron a Xesús a berros: “Mestre, imos morrer! Axúdanos!”. Xesús púxose de pé e gritoulle ó mar: “Silencio!”. Nese intre, o vento amainou e veu unha gran calma. Logo, Xesús preguntoulles ós apóstolos: “Onde está a vosa fe?”. Eles miráronse uns ós outros dicindo: “Ata o vento e o mar lle obedecen”. Os apóstolos aprenderon que se confiaban en Xesús, non terían por que terlle medo a nada.

“Non temas, abonda que teñas fe” (Marcos 5:36)