Ó leste de Israel había un país onde se pensaba que as estrelas podían guiar as persoas. Unha noite, uns homes de Oriente viron moverse no ceo algo brillante que parecía unha estrela e decidiron seguila. A “estrela” levounos ata Xerusalén. Ó chegar, aqueles homes puxéronse a preguntarlle á xente: “Onde está o neno que chegará a ser rei dos xudeus? Viñemos para renderlle homenaxe”.

Cando Herodes, o rei de Xerusalén, soubo deste novo rei, preocupouse moito e preguntoulles ós sacerdotes principais: “Onde tiña que nacer ese rei?”. Eles contestáronlle: “Os profetas din que en Belén”. Entón Herodes chamou os homes de Oriente e díxolles: “Ide a Belén e atopade ese neno. Logo, volvede e contádeme onde está, que eu tamén quero renderlle homenaxe”. Pero era mentira!

Despois, a “estrela” volveuse mover e aqueles homes seguírona ata Belén. Cando parou enriba dunha casa, eles entraron e alí estaba Xesús coa súa nai, María. Inclináronse diante del e regaláronlle ouro, incenso e mirra. Pero fora Xehová quen guiara aqueles homes para atopar a Xesús? Non!

Aquela mesma noite, Xehová díxolle a Xosé nun soño: “Herodes quere matar a Xesús. Colle a túa muller e mailo neno, e fuxe a Exipto. Queda alí ata que pase o perigo”. Deseguida, Xosé e a súa familia marcharon para Exipto.

Xehová dixéralles ós homes de Oriente que non volvesen onda Herodes. Cando Herodes se decatou de que non ían volver, enfadouse moitísimo. Como non deu atopado a Xesús,  mandou matar tódolos nenos da idade de Xesús que houbese en Belén. Pero Xesús estaba a salvo moi lonxe de alí, en Exipto.

Cando morreu Herodes, Xehová díxolle a Xosé: “Pasou o perigo. Xa podedes volver”. Así que Xosé, María e Xesús volveron para Xerusalén e foron vivir á cidade de Nazaret.

“Así tamén será a miña palabra que sae da miña boca: [...] conseguirá aquilo para o que a mandei” (Isaías 55:11)