Unha noite, o rei Nabucodonosor tivo un soño moi raro. Quedou tan preocupado por culpa daquel soño que non durmiu máis en toda a noite. Logo chamou os meigos e os sabios, e pediulles: “Explicádeme o que soñei”. Eles dixeron: “Noso rei, cóntanos o que soñaches”. Pero Nabucodonosor respondeulles: “Non, dicídemo vós! Senón mátovos!”. Pero eles volvéronlle dicir: “Cóntanos o teu soño e despois explicarémoscho”. O rei contestou: “Estades tomándome o pelo. Explicádeme o que soñei!”. Finalmente, eles responderon: “O que pides é imposible. Non hai ninguén que poida facer iso”.

Nabucodonosor enfadouse tanto que mandou matar tódolos meigos e sabios do país, incluídos Daniel, Xadrac, Mixac e Abednegó. Daniel pediulle ó rei un pouco de tempo. Entón, el e mailos seus amigos oraron a Xehová para pedirlle axuda. Que faría Xehová?

Nunha visión mostroulle a Daniel o soño de Nabucodonosor e explicoulle o seu significado. O día seguinte, Daniel foi xunto ó criado do rei e díxolle: “Non matedes ningún dos meigos e sabios! Eu podo explicar o soño do rei”. Así que levárono onda Nabucodonosor e Daniel díxolle ó rei: “Deus mostrouche o futuro. Este foi o teu soño. Viches unha estatua enorme coa cabeza de ouro, o peito e os brazos de prata, o ventre e mailos cadrís de bronce, as pernas de ferro, e os pés de ferro mesturado con barro. Entón, arrincouse una pedra dunha montaña e foi bater contra os pés da estatua. A estatua rompeu e converteuse en  po que levou o vento. Logo, a pedra fíxose tan grande coma unha montaña e encheu toda a terra”.

Entón Daniel explicou: “Isto é o que significa o teu soño. O teu reino é a cabeza de ouro. A prata é o reino que virá despois de ti. Logo, virá outro semellante ó bronce que vai gobernar toda a terra. O seguinte reino vai ser forte coma o ferro. Por último, haberá un reino dividido, que será forte coma o ferro e débil coma o barro. A pedra que se converte nunha montaña é o Reino de Deus, que acabará con todos estes reinos e durará para sempre”.

Nabucodonosor inclinouse diante de Daniel coa cabeza cara ó chan, e díxolle: “O teu Deus mostrouche o meu soño. Non hai outro Deus coma El”. En vez de matar a Daniel, Nabucodonosor nomeouno gobernador de Babilonia e xefe de tódolos sabios. Viches como contestou Xehová a oración de Daniel?

“Xuntáronos no lugar que en hebreo se chama Harmaguedón” (Apocalipse 16:16)