Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Aprendamos das historias da Biblia

 CAPÍTULO 63

Unha mensaxe misteriosa na parede

Unha mensaxe misteriosa na parede

Co tempo, houbo un novo rei en Babilonia que se chamaba Baltasar. Unha noite organizou unha festa e invitou mil persoas das máis importantes do país. Mandoulles traer ós seus criados as copas de ouro que Nabucodonosor collera do templo de Xehová. Baltasar e os seus invitados beberon das copas e louvaron os seus deuses. De súpeto, apareceu unha man que escribiu unha mensaxe misteriosa na parede do comedor.

Baltasar asustouse moitísimo. Chamou os sabios e meigos, e prometeulles: “A quen saiba explicar estas palabras, convertereino no terceiro home máis poderoso de Babilonia”. Todos o intentaron pero ningún o conseguiu. Entón a raíña entrou no comedor e díxolles: “Hai un home chamado Daniel que cho pode explicar. El xa interpretaba soños e resolvía enigmas para Nabucodonosor”.

Cando chegou Daniel, o rei Baltasar díxolle: “Se consegues ler e explicar estas palabras, dareiche un colar de ouro e farei que sexas o terceiro home máis poderoso de Babilonia”. Daniel respondeulle: “Queda cos teus regalos. Eu explicareiche igualmente o que significa a mensaxe da parede. Teu pai Nabucodonosor foi unha persoa orgullosa e Xehová humillouno. Ben sabías o que lle pasou e aínda así non respectaches a Xehová. Bebiches viño nas copas de ouro do Seu templo, e por iso Deus escribiu: Mené, Mené, Tequel e Parsín. Isto significa que os medos e os persas van conquistar Babilonia e ti deixarás de ser rei”.

Parecía que ninguén podería conquistar Babilonia porque estaba protexida con muros anchos e un río profundo. Pero esa mesma noite, os medos e os persas atacaron a cidade. O rei persa Ciro desviou as  augas do río para que os seus homes puidesen ir camiñando ata as portas da cidade. Cando chegaron, atopáronas abertas! Os soldados asaltaron a cidade, conquistárona e mataron o seu rei. Entón Ciro comezou a gobernar en Babilonia.

Antes de que pasase un ano, Ciro dixo: “Xehová mandoume reconstruír o Seu templo en Xerusalén. Os xudeus que queiran axudar poden ir”. Tal e como Xehová prometera, moitos xudeus volveron a Xerusalén setenta anos despois de que fose destruída. Ciro mandou de volta as cousas que Nabucodonosor levara do templo, incluídas as copas de ouro e de prata. Viches como Xehová usou a Ciro para axudar o seu pobo?

“Caeu, caeu Babilonia, a grande, volveuse morada de demos” (Apocalipse 18:2)