Índice

 

Parágrafo

Comentarios de introdución

 2

Tesouros da Biblia

 3

Sexamos mellores mestres

 4

A nosa vida cristiá

 5

Comentarios de conclusión

 6

Melloremos na lectura e no ensino

 7

Consello

 8

Tempo

 9

Visita do responsable de circuíto

 10

Semana do congreso rexional ou de circuíto

 11

Semana da Conmemoración

 12

Responsable de Vida e Actividades

 13

Presidente de Vida e Actividades

 14

Coordinador dos anciáns

 15

Conselleiro da congregación

 16

Salas adicionais

 17

Vídeos

 18

1. A reunión Vida e Actividades Cristiás celebrarase seguindo os contidos do Caderno de Estudo Vida e Actividades Cristiás e mailas seguintes instrucións. Débese invitar a tódolos predicadores a participar mediante presentar as súas intervencións estudantís. Aqueles que se relacionen activamente coa congregación tamén poden participar se aceptan as ensinanzas da Biblia e viven de acordo cos principios cristiáns (be-S páx. 282).

 2. Comentarios de introdución (máximo 3 minutos). Tódalas semanas, despois da canción e a oración de apertura, o presidente da reunión comentará o programa para espertar o interese dos presentes, o que inclúe destacar a pregunta correspondente de Vida e Actividades Cristiás. Folla de respostas (lma).

 3. Tesouros da Biblia

  • Discurso (10 minutos). No Caderno de Estudo aparecen o tema e os puntos a considerar. Esta intervención estará a cargo dun ancián ou dun servo ministerial cualificado. Cando se comece un novo libro da Biblia, poñerase o vídeo correspondente a modo de introdución. A continuación, o orador resaltará as ideas do vídeo relacionadas co tema do discurso. Non obstante, debe asegurarse de considerar tódolos puntos que aparecen no Caderno de Estudo. Ademais, segundo o tempo o permita, debe aproveitar o material gráfico e os puntos bíblicos destacados, pois están pensados para complementar a información a analizar.

  •   Afondemos nas Escrituras (8 minutos). Preguntas e respostas, sen introdución nin conclusión, a cargo dun ancián ou dun servo ministerial cualificado. O orador pode determinar canto tempo dedicará a cada un dos puntos segundo as necesidades da congregación. Non obstante, debe facer tódalas preguntas ó auditorio. Ademais, debe decidir se é necesario ler os textos citados nas dúas primeiras preguntas. Cada comentario dos presentes non debe durar máis de trinta segundos.

  • Lectura da Biblia (máximo 4 minutos). Esta intervención estudantil asignarase a un irmán. Debe ler sen facer introdución nin conclusión. O presidente da reunión deberá centrarse especialmente en axudar os estudantes para que lean con precisión, fluidez, modulación, naturalidade, bo uso de pausas, énfase axeitado, e que a súa lectura reflicta que entenden o que len.

  4. Sexamos mellores mestres (máximo 15 minutos). Esta sección da reunión está deseñada para darlles a todos a oportunidade de practicar para a predicación e mellorar as súas habilidades de predicar e ensinar. Os estudantes deben basear as intervencións da primeira e das seguintes visitas nas conversas de mostra da páxina 1 do Caderno de Estudo. Os predicadores poden escoller se utilizarán ou non algunha das publicacións ou vídeos que forman parte das nosas ferramentas básicas de ensino. O Caderno de Estudo especifica a duración de cada intervención estudantil e, ás veces, incluirá instrucións concretas que os estudantes deberán seguir. Non é necesario que os estudantes inclúan información adicional simplemente para encher o tempo. Algunhas intervencións ben preparadas poden terminar un minuto antes ou máis. Se é necesario, tamén se lles poden asignar intervencións estudantís ós anciáns.

  • Vídeos con conversas de mostra. Intervención a cargo do presidente da reunión Vida e Actividades. Durante varias semanas do mes poñerá e analizará coa axuda do auditorio unha das conversas de mostra en vídeo. Cada un dos vídeos contén a primeira visita, a segunda visita e a terceira visita respectivamente.

  • Primeira visita. Intervención a cargo dun estudante. Poderá asignarse a un irmán ou a unha irmá. O axudante debe ser unha persoa do mesmo sexo, ou ben un membro da súa familia. O estudante debe usar un saúdo habitual na zona. Poden estar sentados ou de pé. Para esta intervención, debe usarse como base a conversa de mostra.

  • Segunda visita. Intervención a cargo dun estudante. Poderá asignarse a un irmán ou a unha irmá. O axudante debe ser unha persoa do mesmo sexo (km-S 5/97 páx. 2). Poden estar sentados ou de pé. O estudante demostrará que dicir cando visitamos alguén que mostrou interese na primeira visita. Para esta intervención, debe usarse como base a conversa de mostra que aparece no Caderno de Estudo.

  • Terceira visita. Intervención a cargo dun estudante. Poderá asignarse a un irmán ou a unha irmá. O axudante debe ser unha persoa do mesmo sexo (km-S 5/97 páx. 2). Poden estar sentados ou de pé. O estudante demostrará que dicir cando visitamos alguén que mostrou interese na segunda visita. Para esta intervención, debe usarse como base a conversa de mostra.

  • Curso da Biblia. Intervención a cargo dun estudante. Poderá asignarse a un irmán ou a unha irmá. O axudante debe ser unha persoa do mesmo sexo (km-S 5/97 páx. 2). Poden estar sentados ou de pé. Nesta intervención debe demostrarse unha clase da Biblia que xa está empezada. Non fai falta introdución nin conclusión, a non ser que o estudante estea traballando nalgún destes aspectos da oratoria. Non é necesario ler toda  a información asignada durante a intervención, aínda que se pode facer. O máis importante desta intervención deben ser as habilidades para ensinar.

  • Discurso. Intervención estudantil a cargo dun irmán en forma de discurso á congregación.

  5. A nosa vida cristiá (15 minutos). Despois da canción, esta sección da reunión consta de unha ou dúas partes. O obxectivo desta sección é axudar ós presentes a aplicar as ensinanzas da Biblia. Agás se indique o contrario, cada unha das partes desta sección asignarase a un ancián ou a un servo ministerial cualificado, a excepción dos “Asuntos locais”, que deberán estar a cargo dun ancián.

  • Estudo bíblico de congregación (30 minutos). Intervención a cargo dun ancián cualificado (en congregacións con poucos anciáns pódese asignar esta intervención a un servo ministerial cualificado, se é necesario). Os anciáns da congregación decidirán quen está cualificado para dirixir o estudo bíblico de congregación. Os aprobados deben poder manterse dentro do tempo, resaltar os textos bíblicos importantes, e axudar ós presentes a ver o valor práctico das ideas analizadas. Poden atopar principios útiles nas pautas publicadas sobre como dirixir o “Estudo de La Atalaya”. Sempre que sexa posible, débense asignar diferentes condutores e lectores cada semana. Se o presidente da reunión Vida e Actividades indica que a duración do estudo debe acurtarse, o irmán que o dirixe debe decidir como facelo. Unha opción é deixar algúns parágrafos sen ler.

  6. Comentarios de conclusión (máximo 3 minutos). O presidente da reunión repasará as ideas da reunión que sexan especialmente útiles e a pregunta correspondente de Vida e Actividades Cristiás. Folla de Respostas (lma). Tamén comentará os contidos da semana seguinte, por exemplo formulando unha pregunta que se contestará na seguinte reunión. Ademais, se queda tempo, pode mencionar os nomes dos estudantes que terán intervencións na seguinte reunión. Agás se indique o contrario, nesta sección o presidente debe ler calquera anuncio ou carta que sexa necesario. Dende a plataforma non se farán anuncios que conteñan información habitual, como por exemplo os horarios das reunións para predicar ou a limpeza; este tipo de información debe poñerse no taboleiro de anuncios. Se o tempo asignado para esta intervención non dá para facer tódolos anuncios e ler tódalas cartas, o presidente deberá pedirlles ós irmáns que participen na sección “A nosa vida cristiá” que reduzan as súas intervencións se é necesario (ver  parágrafos 5 e  9). A reunión concluirá cunha canción e unha oración.

 7. Melloremos na lectura e no ensino. Comezando na semana do 7 de xaneiro de 2019, o presidente da reunión Vida e Actividades baseará os seus consellos e recomendacións no folleto Melloremos. Cada estudante deberá traballar no aspecto da oratoria que aparece entre paréntese ó carón da súa intervención no Caderno de Estudo. Durante a primeira semana de cada mes, o presidente debe comentar co auditorio un aspecto da oratoria do folleto Melloremos. A sección “Rexistro persoal” deste folleto é para uso do estudante e non para que faga anotacións o presidente da reunión.

  8. Consello. Despois de cada unha das intervencións dos estudantes, o presidente terá aproximadamente un minuto para destacar puntos positivos das mesmas, ademais de ofrecer algún consello baseado no folleto Melloremos. Ó presentar cada unha das intervencións, o presidente non mencionará por adiantado o aspecto da oratoria no que se lle aconsellará ó estudante.  Non obstante, cando o estudante remate a súa intervención, e despois de agradecer e destacar aspectos positivos da mesma, o presidente mencionará o aspecto da oratoria no que traballaba. Explicará por que o fixo ben, ou por que debe tratar de seguir mellorando nese aspecto, sempre de xeito amable. Segundo as necesidades de cada estudante, pódese ofrecer algún outro consello construtivo en privado baseado no folleto Melloremos ou no libro Benefíciese, despois da reunión ou noutro momento axeitado. Esta orientación pode estar relacionada co aspecto da oratoria no que tiña que traballar o estudante ou con calquera outro (para máis información, véxanse os  parágrafos 13 e  16 sobre as funcións do responsable da reunión Vida e Actividades e do conselleiro da congregación).

    9. Tempo. Ningunha intervención debe excederse do tempo que teña asignado, incluídos os comentarios do presidente de Vida e Actividades. Cando a un estudante se lle acabe o tempo, o presidente interromperao con discreción. Se outros participantes se exceden no seu tempo asignado, o conselleiro da congregación deberá aconsellalos en privado a este respecto. Toda a reunión, incluíndo as cancións e as oracións, debe durar unha hora e corenta e cinco minutos.

 10. Visita do responsable de circuíto. Durante a visita do responsable de circuíto á congregación, a reunión celebrarase seguindo o programa do Caderno de Estudo coas excepcións descritas a continuación. No canto do “Estudo bíblico de congregación” da sección “A nosa vida cristiá”, o responsable de circuíto presentará a súa primeira conferencia, que durará trinta minutos. Antes de dar paso á conferencia do responsable de circuíto, o presidente fará o repaso da reunión, un avance do programa da semana seguinte, fará calquera anuncio que sexa preciso e lerá as cartas que sexan necesarias. Despois da súa conferencia, o responsable de circuíto concluirá a reunión cunha canción que el mesmo escolla. Non haberá intervencións estudantís nas salas adicionais durante a súa visita. Os grupos de lingua estranxeira poden facer as súas reunións incluso cando o responsable de circuíto está visitando a congregación anfitrioa. Non obstante, os seus integrantes deben volver á sala principal para escoitar a conferencia do responsable de circuíto á congregación.

 11. Semana do congreso rexional ou de circuíto. Durante a semana do congreso, a congregación non celebrará ningunha reunión. A información programada para esa semana deberá ser considerada persoalmente ou en familia.

 12. Semana da Conmemoración. Cando a Conmemoración coincida entre luns e venres, esa semana non haberá reunión Vida e Actividades. Non obstante, manteranse tódalas reunións para predicar desa semana, incluída a do día da Conmemoración.

  13. Responsable de Vida e Actividades. Os anciáns designarán un deles para que sexa o responsable da reunión Vida e Actividades. O responsable asegurarase de que a reunión estea ben organizada e se leve a cabo segundo estas instrucións. Tamén debe manter boa comunicación co conselleiro da congregación. Tan pronto como estea dispoñible cada Caderno de Estudo, este responsable asignará tódalas intervencións dos estudantes para ese mes (ver  parágrafo 4). Débese notificar a tódolos estudantes a súa intervención con tres semanas de antelación polo menos, usando o formulario Asignación para la reunión Vida y Ministerio Cristianos (S-89-S).

 14. Presidente de Vida e Actividades. Cada semana, un ancián será o presidente da reunión Vida e Actividades (nas congregacións con poucos anciáns pódese asignar esta intervención a un servo ministerial cualificado, se é necesario). El será o encargado de preparar  e presentar os comentarios de apertura e conclusión da reunión, e de analizar co auditorio os vídeos das conversas de mostra e os que explican os aspectos da oratoria do folleto Melloremos. Tamén dará paso a cada unha das intervencións da reunión. Dependendo da cantidade de anciáns, poderá ter outras intervencións na reunión. Os comentarios entre intervencións deben ser moi breves. O conxunto de anciáns da congregación determinará os que están cualificados para ser presidentes da reunión, e estes serán designados para facelo de maneira periódica. Dependendo das circunstancias, poida que o responsable de Vida e Actividades sexa o presidente da reunión máis a miúdo que os demais anciáns cualificados. En xeral, se un ancián é apto para dirixir o “Estudo bíblico de congregación”, probablemente tamén o sexa para ser o presidente da reunión Vida e Actividades. Agora ben, débese ter en conta que o ancián que sexa o presidente da reunión terá que destacar puntos positivos das intervencións dos estudantes de maneira agarimosa, ademais de ofrecer consellos útiles. O presidente tamén é o responsable de que a reunión conclúa a tempo (ver  parágrafos 6 e  9). Se o presidente o desexa e hai espazo abondo, pódese colocar un pé de micrófono na plataforma dende o cal poida dar paso á seguinte intervención, mentres o irmán que a vai presentar se coloca no atril. Ademais, se o presidente o desexa, poderá estar sentado nunha mesa durante a “Lectura da Biblia” e a sección “Sexamos mellores mestres”. Facer isto pode aforrar tempo.

 15. Coordinador dos anciáns. O coordinador dos anciáns asignará as intervencións de toda a reunión, exceptuando as dos estudantes. Isto inclúe designar que ancián dos que estean aprobados será o presidente da reunión cada semana. Xunto co responsable da reunión Vida e Actividades, o coordinador dos anciáns asegurarase de que se coloque o programa con tódalas intervencións da reunión no taboleiro de anuncios.

  16. Conselleiro da congregación. Sempre que sexa posible, o conselleiro da congregación deberá ser un ancián con experiencia como orador. A súa tarefa será a de ofrecer, se fose necesario, algúns consellos en privado a anciáns e servos ministeriais. Estes consellos estarán relacionados coas súas intervencións en Vida e Actividades, conferencias públicas, ou coa súa participación como lector ou condutor no “Estudo de La Atalaya” ou no “Estudo bíblico de congregación” (ver  parágrafo 9). Se hai varios anciáns que sexan bos oradores e mestres, cada ano pódese asignar un deles como conselleiro. Non é necesario que o conselleiro da congregación ofreza consellos despois de cada unha das intervencións mencionadas.

 17. Salas adicionais. Segundo o número de estudantes que haxa, as congregacións poden ter salas adicionais para as intervencións dos estudantes. En cada sala adicional debe haber un responsable, preferentemente un ancián. Se non é posible, pódese asignar un servo ministerial cualificado. Os anciáns decidirán quen será o responsable de cada unha das salas adicionais e se esta función debería rotar. As instrucións para este responsable aparecen no  parágrafo 8. Despois da intervención “Afondemos nas Escrituras” da sección “Tesouros da Biblia”, pedirase ós estudantes que se dirixan ás salas adicionais se as hai, e uniranse á sala principal co resto da congregación despois da sección “Sexamos mellores mestres”. Cando se analice un vídeo, os que estean nas salas adicionais poden ver o vídeo e escoitar os comentarios posteriores dende a sala adicional se é posible. Se non é posible, o irmán responsable do consello desta sala poñerá o vídeo nun dispositivo móbil e analizarao coa axuda dos presentes.

 18. Vídeos. Durante a reunión poñeranse algúns vídeos. Estarán dispoñibles na aplicación JW Library, accesible dende diferentes dispositivos. Os vídeos das conversas de mostra poden usarse de vez en cando nas reunións para predicar se xa se viron na reunión Vida e Actividades.