Normalmente as persoas responden mellor á mensaxe do Reino se o escoitan na súa lingua materna. Esa é a posible razón pola que, no Pentencostés do ano 33 n. e., Xehová fixo que os “xudeus piadosos de tódalas nacións da terra” escoitasen as boas novas no seu “propio idioma nativo”, inda que soubesen falar unha lingua común, coma o hebreo ou o grego (Feit. 2:5, 8). Na actualidade, hai congregacións de diferentes idiomas que predican todas nos mesmos barrios. Como poden os predicadores destas congregacións predicarlles a tódalas persoas sen duplicar traballo innecesariamente e evitar que os veciños se cheguen a molestar?

  • Comunicación (Pr. 15:22). Os anciáns responsables da predicación deben falar para acordar un sistema que funcione ben para tódalas congregacións implicadas. Se teñen poucas vivendas para predicar, as congregacións que predican noutros idiomas poden pedirnos que non prediquemos nas casas das persoas que falan o idioma que atenden. Porén, se non dan feito regularmente a zona que predican porque é moi extensa, quizais prefiran que non pasemos por alto ningunha casa, e que os avisemos cando atopemos alguén interesado que fale o idioma que atenden (od-S páx. 93 par. 37). Tamén pode ser que lle pidan axuda á nosa congregación para atopar persoas que falan o idioma da súa congregación e pasarlles os enderezos. Lembremos que nunha mesma casa pode falarse máis dun idioma. O sistema que se use debe respectar as leis de protección de datos vixentes.

  • Cooperación (Ef. 4:16). Sigamos calquera instrución que nos dea o responsable da predicación. Dámoslle clases da Biblia a alguén cuxo primeiro idioma non é o da nosa congregación? Nese caso, é probable que faga máis progresos se estuda cun predicador da congregación ou grupo da zona que fale o seu idioma.

  • Preparación (Pr. 15:28; 16:1). Se quen nos sae á porta fala noutro idioma, debemos facer o que poidamos para darlle testemuño. Para estar preparados, podemos pensar en que idiomas se falan na zona e descargar traducións da Biblia e vídeos neses idiomas. Tamén podemos usar a aplicación JW Language para aprender algúns saúdos en varios idiomas.