Ir ó contido

Ir ó índice

Esperanza: Exerce verdadeira influencia na vida?

Esperanza: Exerce verdadeira influencia na vida?

Esperanza: Exerce verdadeira influencia na vida?

DANIEL só tiña 10 anos e xa levaba un loitando contra o cancro. Os médicos e os seus seres queridos xa perderan a esperanza, pero el non. Cría que chegaría a adulto, que se dedicaría á investigación e que axudaría a atopar a cura do cancro. Agardaba con especial optimismo a visita dun médico especializado no tipo de cancro que el padecía. Pero cando chegou o día, o doutor tivo que cancelar a visita debido ás inclemencias do tempo. Daniel desmoralizouse e, por primeira vez, mostrouse apático. Uns días despois faleceu.

Este caso relatouno un profesional médico que estudaba os efectos da esperanza e a desesperanza na saúde. Poida que ti tamén escoitases de casos semellantes. Por exemplo, unha persoa maior que está a piques de morrer e que arela a chegada de algo moi esperado e apreciado, quizais a visita dun ser querido ou algún aniversario. E ó pouco de que pase ese momento, a persoa morre. Que foi o que a mantivo con vida? É posible que a esperanza sexa unha forza tan poderosa como algúns cren?

Un número cada vez máis grande de investigadores médicos afirman que o optimismo, a esperanza e outras emocións positivas exercen unha poderosa influencia na vida e na saúde dunha persoa. Pero esta opinión non é unánime. Algúns descartan esas afirmacións tachándoas de teorías populares sen ningún rigor científico. Prefiren pensar que as causas das doenzas físicas son estritamente físicas.

Esta actitude escéptica cara á importancia da esperanza non é nova. Hai máis de dous mil anos, cando se lle pediu ao filósofo grego Aristóteles que definise a esperanza, el respondeu: “É un soño dun home esperto”. E máis recentemente, o estadista norteamericano Benjamin Franklin dixo en ton agre: “Quen vive esperando, morrerá xaxuando”.

Entón, cal é a verdade sobre a esperanza? Trátase sempre de simple ilusión, dunha maneira de buscar consolo en soños baleiros? Ou existe algunha razón válida para vela como algo máis, algo que todos precisamos para a nosa saúde e felicidade, que ten un fundamento verdadeiro e beneficios tanxibles?