Ir ó contido

Ir ó índice

 CAPÍTULO 4

Quen é Xesucristo?

Quen é Xesucristo?
  • Cal é o seu papel no propósito de Deus?

  • De onde veu?

  • Que clase de persoa era?

1, 2. a) Por que ter oído falar de alguén famoso non significa que o coñezamos de verdade? b) Que confusión existe sobre Xesús?

HAI moita xente famosa no mundo. Algúns son coñecidos na súa cidade, no seu país, ou mesmo no mundo enteiro. Non obstante, saber o nome de alguén famoso non quere dicir que o coñezamos de verdade. Non significa que saibamos nada do seu pasado ou como é en realidade como persoa.

2 Moita xente arredor do mundo sentiu algunha vez falar sobre Xesucristo, a pesar de que viviu na Terra hai uns dous mil anos. Pero moitos non saben quen foi Xesús en realidade. Algúns din que non foi máis que un bo home. Outros afirman que foi un profeta máis. E aínda outros cren que Xesús é Deus, e que debería ser adorado. Será certo iso?

3. Por que é importante que coñezas a Xehová e a Xesucristo?

3 É moi importante para ti que chegues a coñecer a verdade acerca de Xesús. Por que? Porque a Biblia di: “E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo” (Xoán 17:3). Así é, coñecer de verdade a Xehová e a Xesucristo pon ante ti a posibilidade de ter vida eterna nun paraíso aquí na Terra (Xoán 14:6). Ademais, Xesús puxo o mellor exemplo que podemos ter sobre como vivir e tratar a  outros (Xoán 13:34, 35). No primeiro capítulo deste libro falamos acerca da verdade sobre Deus. Vexamos agora o que a Biblia realmente ensina sobre Xesucristo.

O MESÍAS PROMETIDO

4. Que significan os termos “Mesías” e “Cristo”?

4 Moito tempo antes de que Xesús nacese, a Biblia predixo que Deus enviaría á Terra a alguén chamado Mesías, ou Cristo. As palabras “Mesías” (de orixe hebrea) e “Cristo” (de orixe grega) significan “Unxido”. Este enviado  prometido sería unxido, é dicir, designado por Deus para ocupar unha posición especial. En capítulos posteriores aprenderemos máis acerca da importancia do Mesías no cumprimento das promesas de Deus. Tamén veremos que bendicións podemos desfrutar grazas a Xesús agora e no futuro. Non obstante, antes de que Xesús nacese seguro que alguén se preguntou: “Como saberemos quen é o Mesías?”.

5. De que estaban convencidos os discípulos de Xesús?

5 No primeiro século da nosa era, os discípulos de Xesús de Nazaret estaban completamente convencidos de que el era o Mesías que se predixera (Xoán 1:41). Un dos discípulos, chamado Simón Pedro, díxolle a Xesús: “Ti e-lo Mesías” (Mateo 16:16). Por que puideron aqueles discípulos estar seguros de que Xesús era o Mesías predito? E como podemos estalo nosoutros?

6. Poderías ilustrar cun exemplo como Xehová axudou ós seus servos a identificar ó Mesías?

6 Houbo profetas de Deus que viviron antes de Xesús que predixeron moitos detalles sobre o Mesías. Estes detalles axudarían a outros a identificalo. Ilustrémolo da seguinte maneira. Imaxina que che piden que vaias recoller a alguén que nunca viches a un aeroporto ou a unha estación de tren. Non che sería más fácil recoñecelo se alguén cho describise? De maneira parecida, por medio dos profetas da Biblia Xehová deu unha descrición detallada do que faría o Mesías e do que lle ocorrería. Así, o cumprimento de todas estas profecías axudaría ás persoas fieis a identificalo claramente.

7. Menciona dúas das profecías que cumpriu Xesús.

7 Pensa nos seguintes dous exemplos. En primeiro lugar, con máis de setecentos anos de antelación, o profeta Miqueas predixo que o Mesías prometido nacería en Belén, unha pequena vila que se atopaba na zona de Xudea  (Miqueas 5:1 [5:2, NM]). E onde naceu Xesús? Xusto alí, en Belén! (Mateo 2:1, 3-9) En segundo lugar, tamén con centos de anos de adianto, a profecía rexistrada en Daniel 9:25 sinalou o momento exacto no que aparecería o Mesías: o ano 29 da nosa era. * O cumprimento destas e outras moitas profecías proba que Xesús era o Mesías prometido.

No momento de se bautizar, Xesús chegou a ser o Mesías, ou Cristo

8, 9. Como sabemos que Xesús se converteu no Mesías prometido cando se bautizou?

8 Ó achegarse o ano 29 da nosa era, aínda houbo máis probas de que Xesús era o Mesías. Naquel ano, Xesús foi onda Xoán Bautista para que o bautizase no río Xordán. Xehová prometéralle a Xoán un sinal para que puidese identificar ó Mesías. E iso foi o que viu cando bautizou a Xesús. A Biblia relata o que aconteceu naquela ocasión: “Tan pronto como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu o Espírito de Deus baixar como unha pomba ata se pousar enriba del. E oíuse desde o ceo unha voz que dicía: ‘Este é o meu fillo benquerido, o predilecto’” (Mateo 3:16, 17). Despois de ver e escoitar todo aquilo, Xoán non tivo dúbida ningunha de que Xesús fora enviado por Deus (Xoán 1:32-34). No momento no que o espírito de Deus, ou a súa poderosa forza en acción, se verteu sobre el naquel día, Xesús converteuse no Mesías, ou Cristo, o designado por Deus para ser Líder e Rei (Isaías 55:4).

9 O cumprimento das profecías da Biblia e a propia palabra de Xehová confirman de certo que Xesús foi o Mesías prometido. Pero a Biblia tamén contesta outras dúas importantes cuestións sobre Xesucristo: de onde veu, e que clase de persoa era.

 DE ONDE VEU XESÚS?

10. Que ensina a Biblia sobre a existencia de Xesús antes de vir á Terra?

10 A Biblia ensina que Xesús vivía no ceo antes de vir á Terra. Miqueas profetizara que o Mesías nacería en Belén, pero tamén dixo que a súa orixe fora “desde antigo” (Miqueas 5:1 [5:2, NM]). De feito, en moitas ocasións Xesús mesmo dixo que vivira no ceo antes de nacer como humano (le Xoán 3:13; 6:38, 62; 17:4, 5). Como criatura espiritual no ceo, Xesús tiña unha relación moi especial con Xehová.

11. Como mostra a Biblia que Xesús é o fillo que Xehová máis quere?

11 Xesús é o fillo que Xehová máis quere; e non lle faltan razóns. A Biblia di que “de toda criatura el é o primeiro nacido”, xa que foi a primeira creación de Xehová (Colosenses 1:15). * Pero hai algo máis que fai que Xesús sexa especial para Xehová: é o seu “Fillo Unixénito” (Xoán 3:16). Isto significa que Xesús foi o único que Deus creou de maneira directa. Ademais, foi o único que colaborou con Xehová na creación de todo o demais (Colosenses 1:16). Tamén se lle chama “a Palabra” (Xoán 1:14). Por que? Porque Xesús era quen falaba por Deus, levando mensaxes e instrucións a outros fillos do seu Pai, tanto espirituais coma humanos.

12. Como sabemos que o Fillo primoxénito de Deus non é igual a El?

12 Pero, é o Fillo primoxénito de Deus igual a El, como moitos cren? Iso non é o que a Biblia ensina. Como vimos no parágrafo anterior, o Fillo foi creado. Entón, loxicamente, tivo un principio, mentres que Xehová non ten nin principio nin fin (Salmo 90:2). O Fillo unixénito xamais  pretendeu ser igual ca seu Pai. A Biblia ensina de forma clara que o Pai é superior ó Fillo (le Xoán 14:28; 1Corintios 11:3). Só Xehová é “o Deus todopoderoso” (Xénese 35:11). Polo tanto, non hai ninguén coma Xehová. *

13. Que quere dicir a Biblia cando se refire ó Fillo como “a imaxe do Deus invisible”?

13 Xehová e o seu Fillo primoxénito desfrutaron de estar xuntos por miles de millóns de anos, moito antes de que as estrelas, a Terra e os ceos fosen creados. Seguro que se querían moitísimo! (Xoán 3:35; 14:31) Este Fillo querido era a viva imaxe de seu Pai. De feito, a Biblia refírese ó Fillo como “a imaxe do Deus invisible” (Colosenses 1:15). Tal como un fillo humano imítalle a seu pai de diferentes maneiras, este Fillo celestial tiña as mesmas calidades e personalidade que seu Pai.

14. Como fixo Xehová para que o seu Fillo unixénito nacese como humano?

14 O Fillo unixénito de Xehová deixou de boa gana o ceo, e baixou á Terra para vivir coma un humano. Pero, quizais te preguntes: “Como foi posible que un ser espiritual nacese como humano?”. Para conseguilo, Xehová fixo un milagre. Transferiu a vida do seu Fillo primoxénito dende o ceo á matriz dunha virxe xudía chamada María. Non houbo intervención dun pai humano. Deste xeito, María puido dar a luz un fillo perfecto, e chamoulle Xesús (Lucas 1:30-35).

QUE CLASE DE PERSOA ERA XESÚS?

15. Por que podemos dicir que por medio de Xesús chegamos a coñecer mellor a Xehová?

15 Podemos coñecer moi ben a Xesús grazas ó que dixo e fixo mentres estivo na Terra. Máis aínda, por medio de Xesús podemos chegar a coñecer mellor a Xehová. Por que  dicimos isto? Recorda que o Fillo é un reflexo perfecto de seu Pai. Por iso, Xesús puido dicirlle a un dos seus discípulos: “Quen me viu a min, viu o Pai” (Xoán 14:9). Na Biblia hai catro libros coñecidos como os Evanxeos, Mateo, Marcos, Lucas e Xoán, nos que podemos atopar moitos detalles sobre a vida e a personalidade de Xesucristo.

16. Cal foi a principal mensaxe de Xesús, e de onde viñan as súas ensinanzas?

16 A Xesús tamén se lle coñecía como “Mestre” (Xoán 1:38; 13:13). Que ensinaba? Principalmente, a súa mensaxe foi “a Boa Nova do Reino” de Deus. Este Reino é un goberno celestial que reinará sobre toda a Terra e traerá bendicións eternas ós humanos obedientes (Mateo 4:23). De quen era esa mensaxe? Xesús mesmo contestou cando dixo das súas ensinanzas: “A miña doutrina non é miña, senón daquel que me mandou”, é dicir, de Xehová (Xoán 7:16). Xesús sabía que seu Pai quería que os humanos escoitasen as boas noticias do Reino. No capítulo 8 aprenderemos máis acerca do Reino de Deus e do que conseguirá.

17. Onde ensinaba Xesús, e por que se esforzou tanto por facelo?

17 Onde ensinaba Xesús? En calquera lugar onde houbese xente. Xesús predicaba tanto nas aldeas coma nas cidades, nos mercados e nas casas da xente. Non agardaba a que a xente fose a el, senón que el ía á xente (Marcos 6:56; Lucas 19:5, 6). Por que dedicou Xesús tanto tempo e enerxías a predicar e ensinar? Porque era o que Deus quería que fixese. Xesús sempre facía o que seu Pai quería (Xoán 8:28, 29). Pero aínda hai outra razón pola que predicaba: sentía compaixón pola xente que ía velo (le Mateo 9:35, 36). Os líderes relixiosos desprezaban á xente, cando o seu deber era ensinarlles a verdade acerca de Deus e o Seu propósito. Xesús sabía canto necesitaban escoitar a mensaxe do Reino de Deus.

18. Que calidades de Xesús che gustan máis?

 18 Xesús foi un home sensible, agarimoso e de gran corazón. De feito, moitos atoparon nel a alguén abordable e amable. Mesmo os nenos se sentían a gusto con el (Marcos 10:13-16). Ademais, foi imparcial. Odiaba a corrupción e as inxustizas (Mateo 21:12, 13). Nunha época na que as mulleres tiñan poucos privilexios e non se lles respectaba moito, Xesús tratounas con dignidade (Xoán 4:9, 27). Xesús foi humilde de corazón. Nunha ocasión, lavoulles os pés ós seus apóstolos, algo que normalmente faría un servente de baixa categoría.

Xesús predicaba alí onde houbese xente

19. Que exemplo demostra que Xesús non era insensible ás necesidades dos demais?

19 Xesús non era insensible ou indiferente ás necesidades dos demais. Isto quedou especialmente demostrado cando, grazas ó poder do espírito santo de Deus, fixo milagres de curación (Mateo 14:14). Por exemplo, nunha ocasión un home enfermo de lepra acercouse a Xesús e  díxolle: “Ti, se queres, pódesme limpar”. Nese momento, Xesús sentiu o sufrimento e a dor deste home. Movido pola súa compaixón, estendeu a man, tocou ó home e díxolle: “Pois quero, queda limpo”. E o leproso curou ó instante! (Marcos 1:40-42) Podes imaxinar como se sentiu este home?

FIEL ATA O FINAL

20, 21. Por que podemos dicir que Xesús é o mellor exemplo de lealdade e obediencia a Deus?

20 Xesús deixounos o mellor exemplo de lealdade e obediencia a Deus. Mantívose fiel a seu Pai celestial baixo toda clase de circunstancias, a pesar da oposición e os sufrimentos que padeceu. Resistiu as tentacións de Satán con firmeza e venceunas (Mateo 4:1-11). Nunha ocasión, incluso algúns familiares de Xesús que non crían nel, chegaron a dicir que “perdera o sentido” (Marcos 3:21). Pero el non se deixou influenciar por todo isto; máis  ben, seguiu a facer o traballo que Deus lle encargara. A pesar dos insultos e abusos dos que foi obxecto, Xesús mantívose baixo control e nunca intentou facer dano ós seus inimigos (1a Pedro 2:21-23).

21 Xesús foi fiel ata a morte, unha morte cruel e dolorosa a mans dos seus inimigos (le Filipenses 2:8; Feitos 5:30). Pensa no que tivo que pasar o último día da súa vida como humano. Foi arrestado, acusado falsamente, condenado por xuíces corruptos, torturado por soldados, e tivo que soportar as burlas da xente. Cravado nun madeiro, dixo co seu último alento: “Está cumprido” (Xoán 19:30). Pero ó terceiro día despois de morrer, seu Pai celestial resucitouno cun corpo espiritual (1a Pedro 3:18). E unhas semanas máis tarde, volveu ó ceo. Alí, sentou á dereita de Deus, onde agardaría ata recibir o poder para reinar (Hebreos 10:12, 13).

22. Que logrou Xesús ó permanecer fiel ata a morte?

22 Que logrou Xesús ó permanecer fiel ata a morte? A morte de Xesús dános a oportunidade de vivir eternamente nun paraíso na Terra, de acordo co propósito orixinal de Deus. Como pode ser isto posible? Aprenderémolo no seguinte capítulo.

^ par.7 Para unha explicación do cumprimento da profecía de Daniel referente a Xesús, podes consultar o apéndice titulado “A profecía de Daniel predí a chegada do Mesías”.

^ par.11 A Xehová chámaselle “Pai” porque é o Creador (Isaías 64:7 [64:8, NM]). Como Xesús foi creado por Deus, chámaselle Fillo de Deus. Pola mesma razón, a outras criaturas espirituais, e incluso ó primeiro home, Adam, tamén se lles chama fillos de Deus (Lucas 3:38).

^ par.12 Se desexas máis información de por que o Fillo non é igual a Deus, podes consultar o apéndice titulado “A verdade acerca do Pai, do Fillo e do espírito santo”.