É isto o que Deus quería?
CANDO les o periódico, ves a televisión ou escoitas a radio, non hai máis que noticias de crimes, guerras e terrorismo. Agora pensa nos teus propios problemas. Quizais unha enfermidade ou a morte dun ser querido estache a causar moito desacougo. Seguramente te sentes coma Xob, un bo home que dixo que non tiña “sosego nin acougo” (Xob 3:26).
Poida que te preguntes:
Era isto o que Deus quería para min e o resto da humanidade?
Onde podo atopar axuda para afrontar os meus problemas?
Hai algunha esperanza de que vexamos paz na Terra?
A Biblia ofrece respostas satisfactorias a todas estas preguntas.
A BIBLIA ENSINA QUE DEUS FARÁ TODOS ESTES CAMBIOS NA TERRA
“Enxugará tódalas bágoas dos seus ollos, e a morte xa non existirá máis. Nin haberá máis loito nin pranto nin dor” (Apocalipse 21:4)
“O coxo saltará coma un corzo” (Isaías 35:6)
“Abriranse os ollos dos cegos” (Isaías 35:5)
“Tódolos que están nos sepulcros [...] sairán” (Xoán 5:28, 29)
“Quen alí reside non dirá: ‘Estou impedido’” (Isaías 33:24)
“Abundará o trigo nos campos” (Salmo 72:16)
BENEFÍCIATE DO QUE ENSINA A BIBLIA
Non chegues á conclusión de que o mencionado nas páxinas anteriores é un conto. Deus asegúranos que cumprirá estas promesas, e a Biblia explica como o fará.
Pero a Biblia tamén é beneficiosa noutro sentido. Dános a axuda que precisamos para desfrutar dunha vida satisfactoria xa dende agora. Pensa un momento en tódalas túas preocupacións e problemas. Poida que che falten os cartos, teñas problemas familiares, padezas algunha enfermidade, ou morrese algún dos teus. A Biblia pode axudarte con todos estes problemas, e darche acougo contestando preguntas coma estas:
Por que sufrimos?
Como podemos facer fronte ós problemas da vida?
Como podemos ter unha vida familiar máis feliz?
Que ocorre cando morremos?
Veremos de novo os nosos seres queridos que morreron?
Como podemos estar seguros de que Deus cumprirá as súas promesas?
O feito de que esteas a ler este manual é proba de que che gustaría saber o que ensina a Biblia. Este libro axudarache a conseguilo. Fíxate en que cada un dos parágrafos ten cadansúas preguntas. Millóns de persoas por todo o mundo desfrutan de estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová grazas a este método de preguntas e respostas, e esperamos que ese tamén sexa o teu caso. Que Deus te bendiga na emocionante e gratificante experiencia de aprender o que realmente ensina a Biblia.