Ir ó contido

Ir ó índice

 CAPÍTULO 7

Verdadeira esperanza para os nosos seres queridos que morreron

Verdadeira esperanza para os nosos seres queridos que morreron
  • Como sabemos que a resurrección será unha realidade?

  • Que sente Xehová ante a perspectiva da resurrección?

  • Quen resucitará?

1-3. Que inimigo nos está a perseguir a todos, e que ensinanza da Biblia pode darnos acougo?

IMAXINA que estás fuxindo dun inimigo perverso. É moito máis forte e rápido ca ti. Sabes que é moi cruel porque viches como matou a algúns dos teus amigos. Sen importar canto corras, cada vez está máis preto. Pero, de súpeto, xusto cando perdes toda esperanza de escapar, alguén acode ó teu rescate. É moito máis forte có teu inimigo, e promete que che vai axudar. Que alivio, verdade?

2 Dalgún xeito, hai un inimigo que te está a perseguir, a ti e a todos. Como vimos no capítulo anterior, a Biblia di que a morte é coma un inimigo. E ningún de nós pode fuxir dela ou vencela. O certo é que a maioría xa vimos como marchou coa vida dalgún dos nosos. Pero Xehová é moito máis poderoso que a morte. Como nos quere, desexa rescatarnos deste inimigo e, de feito, xa demostrou que pode facelo. Promete que vai destruír a morte dunha vez por todas. A Biblia ensina: “A morte será o derradeiro inimigo destruído” (1Corintios 15:26). Que boa noticia!

 3 Consideremos brevemente como nos afecta a morte dun dos nosos. Deste xeito, valoraremos algo que nos fará moi felices: a promesa de Xehová de que os mortos han volver vivir (Isaías 26:19). Esta é a esperanza da resurrección.

CANDO UN DOS NOSOS MORRE

4. a) Por que nos axudará a coñecer máis a Xehová ver como Xesús reaccionou ante a morte de alguén a quen quería? b) Con quen tiña Xesús unha moi boa amizade?

4 Perdiches na morte a alguén a quen querías? A dor e o sentimento de impotencia parecen insoportables. Neses momentos, necesitamos acudir á Palabra de Deus en busca de consolo (le 2Corintios 1:3, 4). A Biblia axúdanos a entender como se senten Xehová e Xesús respecto á morte. Xesús, que é o reflexo perfecto de seu Pai, experimentou a dor de perder a alguén na morte (Xoán 14:9). Cando estaba en Xerusalén, Xesús tiña o costume de visitar a Lázaro e ás súas irmás, María e Marta. Os tres vivían moi preto de alí, nun pobo chamado Betania. Chegaron a ser tan bos amigos, que a Biblia di de Xesús: “Queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro” (Xoán 11:5). Pero, como vimos no capítulo anterior, Lázaro morreu.

5, 6. a) Como reaccionou Xesús ante o sufrimento dos familiares e amigos de Lázaro? b) Por que nos anima a dor que sentiu Xesús?

5 Como se sentiu Xesús cando perdeu o seu amigo? O relato conta que Xesús foi visitar os familiares e amigos de Lázaro cando estaban a chorar a súa morte. Cando os viu, Xesús conmoveuse profundamente. O relato di: “Apretóuselle o corazón e [...] botouse a chorar” (Xoán 11:33, 35). Significaba a súa reacción ante a morte que non tiña esperanza ningunha? Nada diso. De feito, Xesús sabía que algo marabilloso estaba a piques de ocorrer (Xoán 11:3, 4). Pero aínda así, sentiu a dor e a tristeza que trae a morte.

 6 En certo modo, a aflición que Xesús mostrou anímanos porque nos ensina que Xesús e seu Pai, Xehová, odian a morte. Ademais, Xehová ten o poder de combater a este inimigo e vencelo. Vexamos o que fixo Xesús co poder que Deus lle deu.

“¡LÁZARO, VEN PARA FÓRA!”

7, 8. Por que é probable que algúns pensasen que non había ningunha esperanza para Lázaro, pero que fixo Xesús?

7 Xesús pediu que arredaran a pedra da entrada da cova onde enterraran a Lázaro. Marta replicou, porque xa había catro días que o enterraran, e o corpo de Lázaro xa debía estar a descompoñerse (Xoán 11:39). Desde un punto de vista humano, habería algunha esperanza?

A resurrección de Lázaro resultou en moita ledicia (Xoán 11:38-44)

8 Quitaron a pedra, e Xesús gritou con voz forte: “¡Lázaro, ven para fóra!”. Que ocorreu? Lázaro saíu! (Xoán 11:43, 44) Podes imaxinar a ledicia da xente que estaba alí? As súas irmás, familiares, amigos e veciños ben sabían que Lázaro morrera. Pero alí estaba de novo, xunto a eles. Seguro que pensaron que era demasiado bo para ser certo. Sen dúbida, moitos abrazaron a Lázaro con gran alegría. Que gran vitoria sobre a morte!

Elías resucitou o fillo dunha viúva (1Reis 17:17-24)

9, 10. a) Como deixou claro Xesús de quen recibira o poder para resucitar a Lázaro? b) Cales son algúns dos beneficios de ler na Biblia os relatos das resurreccións?

9 Xesús non dixo en ningún momento que o mérito deste milagre fose seu. Na oración que fixo antes de chamar por Lázaro, deixou moi claro que Xehová era quen faría posible a resurrección (le Xoán 11:41, 42). E esta non foi a única vez na que Xehová utilizou deste xeito o Seu poder. A resurrección de Lázaro foi un dos nove milagres desta clase que están rexistrados na Palabra de Deus. * Verdade que desfrutamos de ler e estudar estes  relatos? Aprendemos que Deus non é parcial, xa que resucitou a vellos e novos, homes e mulleres, israelitas e estranxeiros. Canta felicidade vemos nestes relatos, verdade? Por exemplo, cando Xesús resucitou unha moza, os seu pais estaban extasiados e quedaron “coa boca aberta” (Marcos 5:42). Xehová deulles unha alegría que nunca esquecerían.

O apóstolo Pedro resucitou a cristiá Tabita (Feitos 9:36-42)

10 Claro está que as persoas resucitadas por Xesús acabaron morrendo outra vez. Entón, pagou a pena resucitalos? Claro que si. Estes relatos bíblicos confirman verdades importantes e dannos esperanza.

QUE APRENDEMOS DOS RELATOS DAS RESURRECCIÓNS?

11. Como confirma o relato de Lázaro o que di Eclesiastés 9:5?

11 A Biblia ensina que “os mortos non saben xa máis nada” (Eclesiastés 9:5). Nin están vivos nalgún sitio, nin son conscientes de nada. O relato de Lázaro confirma esta ensinanza. Cando volveu á vida, emocionou Lázaro a xente describíndolles o ceo? Asustounos contándolles cousas terribles do inferno? Non. A Biblia non di que Lázaro dixese ningunha destas cousas. Nos catro días que estivo morto non foi consciente de nada, simplemente estivo durmindo na morte (Xoán 11:11).

12. Por que podemos estar seguros de que a resurrección de Lázaro ocorreu de verdade?

12 Do relato de Lázaro tamén aprendemos que a resurrección non é un conto, senón unha realidade. Xesús resucitou a Lázaro diante de moitas persoas. Nin sequera os líderes relixiosos que odiaban a Xesús negaron este milagre. Ó contrario, dixeron: “¿Que imos facer? Porque este home fai moitos signos” (Xoán 11:47). Moita xente foi ver o home que resucitara. Como resultado, moitas máis persoas puxeron fe en Xesús. Vían en Lázaro unha proba viva  de que Deus enviara a Xesús. Era unha proba tan abraiante, que algúns dos insensibles líderes relixiosos planearon matar tanto a Xesús coma a Lázaro (Xoán 11:53; 12:9-11).

13. Que base temos para crer que Xehová pode resucitar os mortos?

13 Será de inxenuos crer na resurrección? Non, xa que o mesmo Xesús ensinou que “tódolos que están nos sepulcros” resucitarán (Xoán 5:28). Se Xehová creou toda a vida, verdade que podemos confiar en que pode volver creala? Está claro que depende da memoria que Xehová teña. Poderá recordar os nosos seres queridos? Pensa que Deus lles deu nome a cada unha dos miles de millóns de estrelas que hai no Universo (Isaías 40:26). Por iso, podemos estar seguros de que Deus pode recordar ata o máis mínimo detalle dos nosos seres queridos que morreron. Xehová está disposto a devolverlles a vida.

14, 15. Segundo aprendemos das palabras de Xob, canto interese ten Xehová en resucitar os mortos?

14 Canto interese ten Xehová en resucitar os mortos? A Biblia ensina que devece por facelo. O fiel Xob preguntou: “Se morre o home, ¿volverá a vivir?”. Xob estaba a falar do tempo que pasaría na tumba ata que Deus se acordase del. Díxolle a Xehová: “Chamaríasme entón e eu respondería; terías saudade da obra das túas mans” (Xob 14:13-15).

15 Pénsao! Xehová está desexando que chegue o momento de devolverlles a vida a aqueles que morreron. Verdade que é reconfortante saber que Deus quere facelo? Pero, como será a resurrección? Quen resucitará, e onde?

“TÓDOLOS QUE ESTÁN NOS SEPULCROS”

16. Como será o mundo no que resucitarán os mortos?

16 Cando lemos os relatos bíblicos das resurreccións, aprendemos moito acerca da que ocorrerá no futuro. As  persoas que volveron a vivir na Terra reuníronse cos seus seres queridos. A futura resurrección vai ser parecida, aínda que moito mellor. Como aprendemos no capítulo 3, Deus ten o propósito de que toda a Terra sexa un paraíso. Por iso, os mortos non resucitarán nun mundo cheo de guerras, crimes e enfermidades. Terán a marabillosa oportunidade de ser felices e vivir en paz para sempre na Terra.

17. Quen resucitará?

17 Quen resucitará? Xesús dixo que resucitarán tódolos mortos que estean na memoria de Deus (Xoán 5:28, 29). De maneira similar, Apocalipse 20:13 di: “O mar entregou os mortos que nel había; e a Morte e o Hades entregaron os mortos que neles había”. (Se desexas máis información, podes consultar o apéndice titulado “Que significan os termos Xeol e Hades?”.) Esta tumba colectiva vai quedar baleira. Miles de millóns que agora descansan nese lugar vivirán de novo, tal e como o apóstolo Paulo afirmou: “Haberá resurrección de xustos e inxustos” (Feitos 24:15). Que significan estas palabras?

No Paraíso, os mortos resucitarán e hanse xuntar cos seus seres queridos

18. Quen está incluído entre os “xustos” que resucitarán, e como te pode beneficiar esta esperanza?

18 Entre os “xustos” atópanse moitas persoas que lemos na Biblia que viviron antes de que Xesús viñese á Terra. Algúns deles foron Noé, Abraham, Sara, Moisés, Rut, Ester, e moitos máis. Fálase dalgúns destes homes e mulleres fieis no capítulo 11 de Hebreos. Pero o termo “xustos” tamén inclúe os servos de Deus que morran nos nosos días. Grazas á esperanza da resurrección non temos por que lle ter medo á morte (Hebreos 2:15).

19. Quen son os “inxustos”, e que bondadosa oportunidade lles dará Xehová?

19 Que vai pasar con toda a xente que non obedeceu a Deus porque non tivo a oportunidade de coñecelo?  Estes miles de millóns de “inxustos” non van ser esquecidos. Resucitarán e terán tempo para aprender de Deus e servilo. Durante un período de mil anos, os mortos resucitarán e terán a oportunidade de unirse ás persoas fieis que sirvan a Xehová na Terra. Vai ser unha época marabillosa. A este tempo chámaselle na Biblia o Día do Xuízo. *

20. Que é o Guehenna, e quen vai parar aló?

20 Quere dicir isto que van resucitar tódolos que algún día viviron? Non. A Biblia afirma que algúns que morreron están no Guehenna. Nalgunhas Biblias o termo Guehenna tradúcese como “inferno” (Lucas 12:5; Mateo 5:22, nota). Guehenna toma o seu nome dun vertedoiro que se atopaba fóra de Xerusalén. Neste lugar queimábanse os cadáveres e mailo lixo. Os corpos daqueles que os xudeus consideraban indignos dun enterro e da resurrección, botábanse alí. Así que o Guehenna é un símbolo axeitado de destrución eterna. Aínda que Xesús vai tomar parte no xuízo dos vivos e dos mortos, Xehová é o Xuíz Supremo (Feitos 10:42). Deus nunca vai resucitar a aqueles que xulgue como malvados e non queiran cambiar.

A RESURRECCIÓN CELESTIAL

21, 22. a) Que outro tipo de resurrección hai? b) Quen foi o primeiro en ser resucitado como ser espiritual?

21 A Biblia tamén fala doutra resurrección, unha para vivir como seres espirituais no ceo. Na Biblia só aparece un exemplo deste tipo de resurrección: a de Xesucristo.

22 Despois de que Xesús morrese como humano, Xehová non permitiu que o seu Fillo fiel quedase na tumba (Salmo 16:10; Feitos 13:34, 35). Resucitouno, pero non como humano. O apóstolo Pedro explica que Cristo “sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito”  (1Pedro 3:18). Isto foi un gran milagre. Xesús volvía estar vivo, pero como unha poderosa criatura espiritual (le 1Corintios 15:3-6). El foi o primeiro en recibir este glorioso tipo de resurrección, pero non sería o último (Xoán 3:13).

23, 24. Quen compón a “grea pequena” de Xesús, e cantos son?

23 Xesús sabía que axiña volvería ó ceo, e díxolles ós seus seguidores fieis que lles ía “arranxar un lugar” (Xoán 14:2). Xesús referiuse ós que van a ir ó ceo como a súa “grea pequena” (Lucas 12:32). Cantas persoas forman parte deste pequeno grupo de cristiáns fieis? En Apocalipse 14:1 o apóstolo Xoán escribiu: “Logo tiven unha visión. O Año estaba de pé no monte de Sión e con el cento corenta e catro mil, que tiñan escrito nas súas frontes o nome do Año e mailo nome do seu Pai”.

24 Estes 144.000 cristiáns, entre os que se contan os apóstolos fieis de Xesús, resucitarían no ceo. Cando tería lugar esta resurrección? O apóstolo Paulo escribiu que sucedería durante a vinda de Xesús (1Corintios 15:23). Coa expresión en grego “Día da súa Vinda”, Paulo referiuse ó tempo no que Xesús estaría a reinar. Como veremos no capítulo 9, agora estamos vivindo nese tempo. Así que os poucos que quedan deses 144.000, e que morren nos nosos días, resucitan instantaneamente no ceo (1Corintios 15:51-55). Agora ben, a gran maioría da humanidade ten a perspectiva de resucitar no futuro Paraíso na Terra.

25. Que analizaremos no próximo capítulo?

25 Xehová vai vencer o noso inimigo, a morte, e vai facer que desapareza para sempre (le Isaías 25:8). Pero, poida que te preguntes: “Que van facer no ceo os que resuciten alí?”. Van formar parte dun marabilloso Reino celestial. Aprenderemos máis deste goberno no próximo capítulo.

^ par.19 No apéndice titulado “Que é o Día do Xuízo?” atoparás máis información sobre o Día do Xuízo e como se xulgará as persoas.