Ir ó contido

Ir ó índice

 CAPÍTULO 25

Un lugar onde adorar a Deus

Un lugar onde adorar a Deus

Cando Moisés estivo no monte Sinaí, Xehová mandoulle facer unha tenda especial que se chamaría tabernáculo. Alí os israelitas adorarían a Deus. Ademais, poderían levalo con eles dun sitio a outro.

Xehová díxolle: “Pídelle ó pobo que cada un dea o que poida para construír o tabernáculo”. Os israelitas levaron ouro, prata, pedras preciosas, xoias, la, liño, peles de animais e moitas outras cousas. Foron tan xenerosos que Moisés tivo que dicirlles: “Xa temos abondo! Non traiades nada máis”.

Moitos homes e mulleres hábiles traballaron na construción do tabernáculo. Xehová axudoulles a facer ben o seu traballo. Uns fiaban, tecían e bordaban. Outros colocaban pedras, traballaban co ouro e facían pezas de madeira.

Construíron o tabernáculo tal e como Xehová lles mandara. Fóra había un patio cunha pía e un altar moi grande. Dentro fixeron unha cortina moi bonita para dividir o tabernáculo en dúas partes: o Santo e o Santísimo. No Santo había un candelabro de ouro, unha mesa e un altar para queimar incenso. No Santísimo estaba a arca da alianza, que era de madeira de acacia e ouro. A arca da alianza servía para que os israelitas lembrasen a súa promesa de obedecer a Xehová. Sabes o que é unha alianza? É unha promesa especial.

 Xehová escolleu a Aharón e os seus fillos para que fosen sacerdotes no tabernáculo. Tiñan que atendelo e facerlle ofrendas a Xehová. Só Aharón, que era o sumo sacerdote, podía entrar no Santísimo. Entraba unha vez ó ano para presentar un sacrificio polos seus pecados, os da súa familia, e os de todo o pobo de Israel.

Os israelitas remataron o tabernáculo un ano despois de saír de Exipto. Agora xa tiñan un lugar onde adorar a Xehová.

Xehová demostroulles que lle gustaba o tabernáculo poñendo unha nube enriba del. Se a nube non se movía, os israelitas non levantaban o campamento. Pero se a nube se movía, eles poñíanse en marcha. Desmontaban o tabernáculo e seguían a nube.

“E sentín unha forte voz que desde o trono dicía: ‘Velaquí a tenda de Deus onda os homes. Acampará entre eles: eles serán o seu pobo e El será o seu Deus e compañeiro’” (Apocalipse 21:3)