Ir ó contido

Instrucións para a reunión Vida e Actividades Cristiás

Instrucións para a reunión Vida e Actividades Cristiás

Índice

1. A reunión Vida e Actividades Cristiás celebrarase seguindo os contidos do Caderno de Estudo Vida e Actividades Cristiás e mailas seguintes instrucións. Débese invitar a tódolos publicadores a participar mediante presentar as súas intervencións estudantís. Aqueles que se relacionen activamente coa congregación tamén poden participar se aceptan as ensinanzas da Biblia e viven de acordo cos principios cristiáns (be-S páx. 282).

COMENTARIOS DE INTRODUCIÓN

 2. (1 minuto). Tódalas semanas, despois da canción e a oración de apertura, o presidente da reunión Vida e Actividades comentará o programa para espertar o interese dos presentes. Debe centrarse naquelas ideas que sexan especialmente beneficiosas para a congregación.

TESOUROS DA BIBLIA

  3. Discurso (10 minutos). No Caderno de Estudo aparecen o título e dous ou tres puntos principais para considerar. Este discurso estará a cargo dun ancián ou dun servo ministerial cualificado. Cando se comece un novo libro da Biblia na lectura semanal, poñerase o vídeo correspondente  a modo de introdución. A continuación, o orador resaltará as ideas do vídeo relacionadas co tema do discurso. Non obstante, debe asegurarse de considerar tódolos puntos que aparecen no Caderno de Estudo. Ademais, segundo o tempo o permita, debe aproveitar o material gráfico, o cal está pensado para complementar a información que se debe presentar. Tamén pode incluír información adicional sempre que esta axude a explicar os puntos principais.

 4. Xoias espirituais (10 minutos). Esta intervención levarase a cabo por preguntas e respostas, sen introdución nin conclusión. Estará a cargo dun ancián ou dun servo ministerial cualificado. O orador debe facer as dúas preguntas que aparecen. Tamén debe decidir se se van ler as citas bíblicas. Os comentarios do auditorio deben durar 30 segundos ou menos.

  5. Lectura da Biblia (4 minutos). Intervención estudantil a cargo dun irmán. Debe ler sen facer introdución nin conclusión. O presidente da reunión deberá centrarse especialmente en axudar ós estudantes a que lean con precisión, fluidez, modulación, naturalidade, bo uso de pausas, énfase axeitado, e que a súa lectura mostre que entenden o que len. Debido a que algunhas lecturas da Biblia son máis longas ca outras, o superintendente da reunión Vida e Actividades debe ter en conta as habilidades dos estudantes á hora de encargarlles a lectura.

SEXAMOS MELLORES MESTRES

 6. (15 minutos). Esta sección da reunión está deseñada para darlles a todos a oportunidade de practicar para a predicación e mellorar as súas habilidades de predicar e ensinar. Aínda que non se especifique nas instrucións para a intervención, os publicadores poden escoller se utilizarán algunha das publicacións ou vídeos que forman parte das nosas ferramentas básicas de ensino. Como axuda para a predicación, as conversas de mostra do Caderno de Estudo inclúen o apartado “Onde aparece este texto nas ferramentas básicas de ensino?”. Os estudantes decidirán se van empregalo nas intervencións. O Caderno de Estudo especifica a duración de cada intervención estudantil e, ás veces, incluirá instrucións concretas que os estudantes deberán seguir. Non é necesario que os estudantes inclúan información adicional simplemente para encher o tempo. Algunhas intervencións ben preparadas poden terminar un minuto antes ou máis. Se é necesario, tamén se lles poden asignar intervencións estudantís ós anciáns. Ás veces haberá un discurso con comentarios do auditorio a cargo dun ancián ou dun servo ministerial cualificado no que se analizará un vídeo distinto ós das conversas de mostra.

 7. Vídeos das conversas de mostra. Cada certo tempo poñeranse e analizaranse coa axuda do auditorio os vídeos das conversas de mostra. Estes vídeos mostrarán a primeira e a segunda visita. Esta intervención estará a cargo do presidente da reunión Vida e Actividades.

 8. Primeira visita. Intervención estudantil a cargo dun irmán ou dunha irmá. O axudante debe ser unha persoa do mesmo sexo, ou ben un membro da súa familia. Poden estar sentados ou de pé. O irmán debe usar un saúdo habitual na zona. Para esta intervención, debe usarse como base a conversa de mostra que aparece no Caderno de Estudo Vida e Actividades.

 9. Segunda visita. Intervención estudantil a cargo dun irmán ou dunha irmá. O axudante debe ser unha persoa do mesmo sexo (km-S 5/97 páx. 2). Poden estar sentados ou de pé. O estudante demostrará que dicir cando visitamos alguén que mostrou interese na primeira visita. Para esta intervención, debe usarse como base a conversa de mostra que aparece no Caderno de Estudo Vida e Actividades.

 10. Curso da Biblia. Intervención estudantil a cargo dun irmán ou dunha irmá. O axudante debe ser unha persoa do mesmo sexo (km-S 5/97 páx. 2). Poden estar sentados ou de pé. Nesta intervención debe demostrarse unha clase da Biblia que xa está empezada. Non fai falta introdución nin conclusión, a non ser que o estudante estea traballando nalgún destes aspectos da oratoria. Tampouco é necesario ler toda a información asignada, aínda que se pode facer. Deben utilizarse boas técnicas de ensinanza.

  11. Discurso. Intervención estudantil a cargo dun irmán en forma de discurso á congregación.

A NOSA VIDA CRISTIÁ

 12. Despois da canción, os primeiros 15 minutos desta sección constarán dunha ou de dúas partes. O obxectivo é axudarlles ós presentes a aplicar as ensinanzas da Palabra de Deus. A menos que se indique o contrario, cada parte desta sección asignarase a un ancián ou a un servo ministerial cualificado, a excepción dos “Asuntos locais”, que deberán estar a cargo dun ancián.

  13. Estudo bíblico de congregación (30 minutos). Intervención a cargo dun ancián cualificado (en congregacións con poucos anciáns, pode usarse un servo ministerial cualificado, se é necesario). O corpo de anciáns da congregación decidirá quen está cualificado para dirixir este estudo. Os irmáns que se aproben deben poder manterse dentro do tempo, resaltar os textos bíblicos importantes e axudarlles ós presentes a ver o valor práctico das ideas analizadas. Poden atopar principios útiles nas pautas publicadas sobre como dirixir o Estudo de A Atalaia. Unha vez que se analizou todo o material preparado para a semana, non é preciso prolongar o estudo para encher o tempo. Sempre que sexa posible, débense asignar diferentes condutores e lectores cada semana. Se o presidente da reunión Vida e Actividades indica que a duración do estudo debe acurtarse, o irmán que o dirixe debe decidir como facelo. Unha opción é deixar algúns parágrafos sen ler.

COMENTARIOS DE CONCLUSIÓN

  14. (3 minutos). O presidente da reunión Vida e Actividades repasará as ideas da reunión que sexan especialmente útiles. Tamén comentará os contidos da semana seguinte. Ademais, se queda tempo, pode mencionar os nomes dos estudantes que terán intervencións na seguinte reunión. A menos que se indique o contrario, cando sexa necesario dar un anuncio ou ler algunha carta, o presidente debe facelo durante as súas palabras de conclusión. Dende a plataforma non se farán anuncios que conteñan información rutineira da congregación, como os horarios das reunións para predicar ou a limpeza; este tipo de información debe poñerse no taboleiro de anuncios. Se o tempo asignado para esta intervención non dá para facer tódolos anuncios e ler tódalas cartas, o presidente deberá pedirlles ós irmáns que participen na sección “A nosa vida cristiá” que reduzan as súas intervencións se é necesario (ver os  parágrafos 13 17). A reunión concluirá cunha canción e unha oración.

MELLOREMOS NA LECTURA E NO ENSINO

 15. Os estudantes deben levar á reunión o folleto Melloremos, xa sexa en formato impreso ou dixital. O presidente da reunión Vida e Actividades baseará os seus consellos e recomendacións neste folleto. Cada estudante deberá traballar no aspecto da oratoria que aparece especificado entre parénteses no Caderno de Estudo para a súa intervención. A sección “Rexistro persoal” deste folleto é para uso do estudante e non para que o presidente da reunión faga anotacións.

ENCOMIO E CONSELLO

  16. Despois de cada unha das intervencións dos estudantes, o presidente da reunión Vida e Actividades terá aproximadamente un minuto para destacar puntos positivos das mesmas, ademais de ofrecer algún consello baseado no folleto Melloremos. Ó presentar cada intervención, o presidente non mencionará por adiantado o aspecto da oratoria correspondente. Non obstante, cando o estudante remate a súa intervención, e despois de agradecer e destacar aspectos positivos da mesma, o presidente mencionará o aspecto da oratoria no que traballaba. Explicará por que o fixo ben, ou por que debe tratar de seguir mellorando nese aspecto, sempre de xeito amable. O presidente tamén pode comentar outros detalles da intervención se pensa que serán de proveito para o estudante ou para o auditorio. Despois da reunión ou noutro momento, poden darse en privado outros consellos construtivos baseados no folleto Melloremos ou no libro Benefíciese, xa sexa sobre o aspecto da oratoria que tiña para traballar ou sobre calquera  outro (para máis información, ver os  parágrafos 17,  22 24 sobre as funcións do presidente da reunión Vida e Actividades e do conselleiro auxiliar).

TEMPO

     17. Ningunha intervención debe excederse do tempo asignado, incluídos os comentarios do presidente da reunión Vida e Actividades. Aínda que non se especifique coa palabra “máximo” a duración de cada intervención, non é necesario prolongala simplemente para encher o tempo se xa se analizou ben a información. As intervencións estudantís interromperanse con discreción cando se pasen de tempo. Se outros participantes se exceden no seu tempo asignado, o conselleiro auxiliar deberá aconsellalos a este respecto en privado (ver o  parágrafo 24). A duración total da reunión, con cancións e oracións incluídas, será de unha hora e corenta e cinco minutos.

VISITA DO SUPERINTENDENTE DE CIRCUÍTO

 18. Cando o superintendente de circuíto visite a congregación, a reunión celebrarase seguindo o programa do Caderno de Estudo coas excepcións descritas a continuación. En vez do “Estudo bíblico de congregación” da sección “A nosa vida cristiá”, o superintendente de circuíto presentará un discurso de trinta minutos. Antes de dar paso a este discurso, o presidente da reunión Vida e Actividades fará o repaso da reunión, un avance do programa da semana seguinte e calquera anuncio que sexa preciso. Ademais, lerá as cartas que sexan necesarias. Despois do seu discurso, o superintendente de circuíto concluirá a reunión cunha canción que el mesmo escolla. Pode pedirlle a outro irmán que faga a oración de conclusión. Non haberá intervencións estudantís no idioma da congregación nas salas adicionais durante a súa visita. Os grupos de lingua estranxeira poden facer as súas reunións incluso cando o superintendente de circuíto está visitando a congregación anfitrioa. Non obstante, os seus integrantes deben volver á sala principal para escoitar o discurso do superintendente de circuíto á congregación.

SEMANA DO CONGRESO REXIONAL OU DE CIRCUÍTO

 19. Durante a semana do congreso, a congregación non celebrará ningunha reunión. A información programada para esa semana deberá ser considerada persoalmente ou en familia.

SEMANA DA CONMEMORACIÓN

 20. Cando a Conmemoración coincida entre luns e venres, esa semana non haberá reunión Vida e Actividades. Non obstante, manteranse tódalas reunións para predicar desa semana, incluída a do día da Conmemoración.

SUPERINTENDENTE DA REUNIÓN VIDA E ACTIVIDADES

 21. O corpo de anciáns designará un ancián para que sexa o superintendente da reunión Vida e Actividades. Este será o responsable de asegurarse de que a reunión estea ben organizada e de que se leve a cabo segundo estas instrucións. Tamén debe manter boa comunicación co conselleiro auxiliar. Tan pronto como estea dispoñible un novo Caderno de Estudo, o superintendente da reunión asignará tódalas intervencións dos estudantes para os dous meses (ver os  parágrafos 5-11). Débese notificar a tódolos estudantes a súa intervención polo menos con tres semanas de antelación, usando o formulario Asignación para la reunión Vida y Ministerio Cristianos (S-89-S).

PRESIDENTE DA REUNIÓN VIDA E ACTIVIDADES

  22. Cada semana, un ancián será o presidente da reunión Vida e Actividades (en congregacións con poucos anciáns, se é necesario pódese asignar esta intervención a un servo ministerial cualificado). El será o encargado de preparar e presentar os comentarios de apertura e conclusión da reunión, e de analizar co auditorio os vídeos das conversas de mostra. Tamén dará paso a cada unha das intervencións da reunión. Dependendo da cantidade de anciáns, poderá ter outras intervencións na reunión. Os comentarios entre intervencións deben ser moi breves. O corpo de  anciáns da congregación determinará que anciáns están cualificados para ser presidentes da reunión, e estes serán designados para facelo de maneira periódica. Dependendo das circunstancias, poida que o superintendente da reunión Vida e Actividades sexa o presidente da reunión máis a miúdo que os demais anciáns cualificados. En xeral, se un ancián é apto para dirixir o “Estudo bíblico de congregación”, probablemente tamén o sexa para ser o presidente da reunión Vida e Actividades. Agora ben, débese ter en conta que o ancián que sexa o presidente da reunión terá que destacar puntos positivos das intervencións dos estudantes ademais de ofrecer consellos útiles, sempre de maneira agarimosa. O presidente tamén é o responsable de que a reunión conclúa a tempo (ver os  parágrafos 14 17). Se o presidente o desexa e hai espazo abondo, pódese colocar un pé de micrófono na plataforma dende o cal poida dar paso á seguinte intervención, mentres o irmán que a vai presentar se coloca no atril. Ademais, se o presidente o desexa, poderá estar sentado nunha mesa na plataforma durante a “Lectura da Biblia” e a sección “Sexamos mellores mestres”. Facer isto pode aforrar tempo.

COORDINADOR DO CORPO DE ANCIÁNS

 23. O coordinador do corpo de anciáns ou outro ancián que o axude, asignará as intervencións de toda a reunión, exceptuando as dos estudantes. Isto inclúe designar que ancián dos que estean aprobados polo corpo de anciáns será o presidente da reunión cada semana. Xunto co superintendente da reunión Vida e Actividades, o coordinador do corpo de anciáns asegurarase de que se coloque o programa con tódalas intervencións da reunión no taboleiro de anuncios.

CONSELLEIRO AUXILIAR

   24. Sempre que sexa posible, o conselleiro auxiliar deberá ser un ancián con experiencia como orador. A súa tarefa será a de ofrecer, se fose necesario, algúns consellos en privado a anciáns e servos ministeriais. Estes consellos estarán relacionados coas súas intervencións na reunión Vida e Actividades, discursos públicos, ou coa súa participación como condutor ou lector no Estudo de A Atalaia ou no “Estudo bíblico de congregación” (ver o  parágrafo 17). Se hai varios anciáns que sexan bos oradores e mestres, cada ano pódese asignar un deles como conselleiro auxiliar. Non é necesario que ofreza consellos despois de cada unha das intervencións.

SALAS ADICIONAIS

 25. Segundo o número de estudantes que haxa, as congregacións poden ter salas adicionais para as intervencións dos estudantes. En cada sala adicional debe haber un conselleiro cualificado, preferiblemente un ancián. Se non é posible, pódese asignar un servo ministerial cualificado. O corpo de anciáns decidirá quen pode cumprir con esta función e se esta responsabilidade debería rotarse. O conselleiro debe seguir as instrucións que aparecen no  parágrafo 16. Despois da intervención “Xoias espirituais” da sección “Tesouros da Biblia”, pediráselles ós estudantes que se dirixan ás salas adicionais, se as hai, e uniranse á sala principal co resto da congregación despois da sección “Sexamos mellores mestres”. Cando se analice un vídeo, os que estean nas salas adicionais poden ver o vídeo e escoitar os comentarios posteriores dende a sala adicional se é posible. Se non é posible, o conselleiro desta sala poñerá o vídeo nun dispositivo móbil e analizarao coa axuda dos presentes.

VÍDEOS

 26. Durante a reunión poñeranse algúns vídeos. Estarán dispoñibles na aplicación JW Library®, accesible dende diferentes dispositivos. Os vídeos das conversas de mostra poden usarse de vez en cando nas reunións para predicar se xa se viron na reunión Vida e Actividades.