Carta de Santiago 5:1-20

5  E vós, os ricos, chorade e berrade polas desgracias que van vir enriba de vós.  A vosa riqueza está podrecida; a vosa roupa chea de couza;  o voso ouro e a vosa prata, enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for lume, comerá as vosas carnes. ¡Estades atesourando na fin dos tempos!  ¡Atención! O xornal que non lles pagastes ós obreiros que vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro chega ós oídos do Señor dos Exércitos.  Vivistes na terra cheos de fartura e cebáste-los vosos corazóns nos praceres para o día da matanza.  Condenáste-lo xusto e matástelo sen que el vos fixese fronte.  Tede, logo, paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o labrego coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra agarda con paciencia as augas temperás e as serodias.  Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará.  Non vos queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos sentencien; mirade que o xuíz está xa á porta. 10  No sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo dos profetas que falaron no nome do Señor. 11  Mirade que agora nós chamámoslles benaventurados ós que aturaron todo. Tedes oído falar da paciencia de Xob e xa véde-la fin que lle concedeu o Señor, porque o Señor é compasivo e misericordioso. 12  Sobre todo, irmáns, non xuredes: nin polo ceo nin pola terra, nin por cousa ningunha; que o voso si sexa si e que o voso non sexa non, para que non vos sometan a xuízo. 13  ¿Anda magoado algún de vós? Que rece. ¿Séntese alegre? Que cante salmos. 14  ¿Algún de vós ten unha doenza? Faga trae-los anciáns da comunidade, para que recen por el, unxíndoo con aceite no nome do Señor. 15  E a oración feita na fe salvará o enfermo; o Señor fará que se erga e, se tiver pecados, perdoaránselle. 16  Así que confesádevos mutuamente os vosos pecados e rezade uns polos outros para que teñades saúde. Moito pode a oración teimosa do xusto. 17  Elías era un home coma calquera de nós; pediu afervoadamente que non chovese e non choveu nada en tres anos e medio; 18  volveu pedir e o ceo mandou auga e a terra deu os seus froitos. 19  Meus irmáns, se algún de vós se arreda da verdade e outro o trae ó bo camiño, 20  tede seguro que quen fai que un pecador volva dos seus camiños trabucados, salvará a súa alma da morte e soterrará unha chea de pecados.

Notas ó pé