Libro de Rut 2:1-23

2  Tiña Noemí un parente por parte de seu marido, un home honorable, da familia de Elimélec; e chamábase Boaz.  E dixo Rut, a moabita, a Noemí: -“Déixame ir ó campo, apaña-las espigas detrás daquel en quen hei de atopar benquerencia”. E respondeulle ela: -“¡Vai, miña filla!”  Foi ela e, en chegando, púxose a respigar no agro detrás dos seitureiros. E levouna a súa fada a unha leira do agro de Boaz (o que era da familia de Elimélec).  E velaquí que Boaz chegou de Belén e díxolles ós xornaleiros: -“¡Que o Señor sexa convosco!” E respondéronlle: -“¡Que o Señor te bendiga!”  E dixo Boaz ó seu criado -o sobreposto ós seitureiros-: -“¿De quen é esa moza?”  E respondeu o criado, o capataz dos seitureiros: -“É unha moza moabita, que volveu con Noemí das chairas de Moab,  e dixo: ¿podo respigar e rebuscar entre as gavelas detrás dos seitureiros? E púxose, e estivo de pé desde esa -pola mañanciña-, ata agora, sen a penas repouso: o que descansou ela na casa foi ben pouco”.  E dixo Boaz a Rut: -“¿Óesme, miña filla? Non vaias respigar a outro agro, nin tampouco saias deste; máis ben xúntate coas miñas criadas;  fíxate ben no agro que ceifan e vaite detrás delas, que xa lles deixo eu dito ós mozos que non che rifen. E, cando teñas sede, vai ás olas e bebe do que sacan os xornaleiros”. 10  Entón ela abateuse, postrándose por terra, e díxolle a el: -“¿Por que atopei benquerencia ós teus ollos, para reparares en min, sendo como son unha estranxeira?” 11  E respondeulle Boaz: -“Quedoume ben claro todo o que fixeches coa túa sogra despois da morte do teu home, e como deixaches a teu pai, a túa nai, e a túa terra natal, para vires a un pobo que antes non coñecías. 12  Que o Señor bendiga o teu proceder e sexa completo o teu galardón da parte do Señor, Deus de Israel, xa que viñeches ampararte baixo as súas ás”. 13  E dixo ela: -“Atope eu benquerencia ós teus ollos, meu señor, pois me confortaches e porque falaches ó corazón da túa serva, sen ser eu sequera unha das túas criadas”. 14  E, ó tempo de xantar, díxolle Boaz: -“Achégate aquí e come do pan, molla o teu codelo no vinagre”. Entón ela sentouse a carón dos segadores; el ofreceulle unha espiga torrada, e comeu ela ata fartarse, e aínda lle sobrou. 15  Ergueuse ela para respigar e deu orde Boaz ós seus criados, dicindo: -“Que recolla tamén entre as gavelas sen que a rifedes; 16  e mesmo habédeslle deixar caer algo das gavelas e permitídelle recollelo, sen lle berrardes”. 17  Daquela apañou no campo ata o serán e desgranou o que recollera, que resultou ser coma un efah de cebada. 18  Ergueuno, e chegou á vila, amostroulle á súa sogra o que recollera; e, de seguido, sacou e deulle o que lle sobrara da súa fartura. 19  E díxolle a sogra: -“¿Onde apañaches hoxe e como fixeches? ¡Bendito sexa o que reparou en ti!” E contoulle á súa sogra de quen apañara, dicindo: -“O nome da persoa con quen traballei hoxe é Boaz”. 20  E díxolle Noemí á nora: -“Bendito sexa do Señor, pois non esqueceu a súa piedade cos vivos nin cos mortos”. E engadiu: -“Ese home é o noso parente, un dos nosos goeles”. 21  E dixo Rut, a moabita: -“Díxome tamén el: podes andar canda os meus criados, ata que rematen a miña seitura”. 22  E díxolle Noemí a Rut, súa nora: -“Mellor é, miña filla, que saias coas súas criadas, que non que che rifen noutro agro”. 23  E xuntouse coas criadas de Boaz para respigar ata o remate da seitura da cebada e da ceifa do trigo, pero moraba onda a súa sogra.

Notas ó pé