Evanxeo segundo San Mateo 28:1-20

28  Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Magdalena e maila outra María foron visita-lo sepulcro.  Entón produciuse un grande terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do ceo, removeu a lousa e sentou enriba dela.  Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve.  Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos.  Mais o anxo díxolles ás mulleres: -Non teñades medo, ben sei que buscades a Xesús o crucificado.  Non está aquí, resucitou tal como dixera. Vinde ve-lo sitio onde estaba.  E ide axiña dicirlles ós seus discípulos: “Resucitou de entre os mortos e vai diante de vós para Galilea: alí o veredes”. Iso é o que vos tiña que dicir.  Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren ós seus discípulos.  Entón Xesús saíulles ó encontro dicindo: -Alegrádevos. Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e postráronse ante el. 10  Xesús díxolles: -Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán. 11  Mentres elas ían, algúns da garda foran á cidade para informaren ós sumos sacerdotes de canto acontecera. 12  Eles, reuníndose cos senadores, acordaron darlles unha boa presa de cartos ós soldados, 13  encargándolles: -Vós dicide: “os seus discípulos fórono roubar de noite, mentres nós durmiamos”. 14  E, se o gobernador chega a saber algo, xa o convenceremos nós, sacándovos do apuro. 15  Eles, collendo os cartos, fixeron tal como lles mandaran. E así correu este rumor entre os xudeus ata o día de hoxe. 16  Os once discípulos fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. 17  E véndoo, postráronse ante el, anque algúns dubidaban. 18  Xesús, achegándose, díxolles: -Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. 19  Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; 20  ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.

Notas ó pé