Evanxeo segundo San Mateo 21:1-46
21 E cando se aproximaban a Xerusalén e chegaron a Betfagué, ó pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos,
2 dicíndolles:
-Ide á aldea que tendes aí de fronte, e de seguida atoparedes unha burra atada e un burriño con ela; ceibádeos e traédeos.
3 Se alguén vos pregunta algo, respondédeslle que lle fan falta ó Señor, e que de seguida llos mandará de volta.
4 Isto sucedeu para que se cumprise o que fora dito polo profeta:
5 Dicídelle á filla de Sión:
Velaí o teu Rei que vén onda ti,humilde e montado nunha burra,nun burro, fillo de animal de carga.
6 Foron os discípulos, e fixeron o que Xesús lles mandara.
7 Trouxeron a burra e mailo burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou.
8 Moita xente estendeu os mantos no camiño; outros cortaron ponlas das árbores, e estendéronas tamén no camiño.
9 E a xente que ía diante e mailos que o seguían gritaban:
-¡Hosanna ó Fillo de David! ¡Bendito o que vén no nome do Señor! ¡Hosanna nas alturas!
10 E ó entrar en Xerusalén, toda a cidade conmovida preguntaba:
-¿Quen é este?
11 A xente respondía:
-Este é o profeta Xesús, o de Nazaret de Galilea.
12 Entrou Xesús no templo, e botou fóra os tendeiros e compradores do templo, derrubando as mesas dos cambistas e os postos dos vendedores de pombas.
13 E díxolles:
-Está escrito: A miña casa será casa de oración; pero vós convertédela en cova de bandidos.
14 No templo rodeárono cegos e coxos, e curounos.
15 Pero os sumos sacerdotes e os letrados, vendo os milagres que facía e os nenos que exclamaban no templo: “Hosanna ó Fillo de David!”, indignáronse;
16 e dixéronlle:
-¿Seica non óe-lo que estes nenos din?
Xesús respondeulles:
-Si, ¿e logo nunca lestes aquilo: Da boca dos meniños de peito fixeches saír unha louvanza?
17 E deixándoos, saíu da cidade cara a Betania, onde pasou a noite.
18 Pola mañá cedo, cando regresaba á cidade, sentiu fame.
19 Vendo unha figueira ó pé do camiño, achegouse a ela; pero nada atopou, fóra de follas. Entón dixo:
-Nunca mais darás froito.
E, de súpeto, secou a figueira.
20 Vendo aquilo os discípulos, preguntaron abraiados:
-¿Por que secou de súpeto a figueira?
21 Xesús respondeu:
-Eu asegúrovos que se tendes fe, e non dubidades, non faredes soamente o da figueira, senón que se lle dixerdes a este monte: “arríncate de aí, e bótate no mar”, mesmo iso se faría.
22 Todo canto pidades con fe na oración, recibirédelo.
23 Entrou no templo e mentres ensinaba, acercáronselle os sumos sacerdotes e mailos senadores do pobo, para lle preguntaren:
-¿Con que autoridade fas esas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade?
24 Xesús respondeulles:
-Vouvos facer tamén eu a vós unha pregunta; e se respondedes, dígovos eu tamén con que autoridade fago estas cousas:
25 o bautismo de Xoán, ¿de onde era? ¿Era cousa de Deus ou dos homes?
Eles razoaban entre si dicindo: “se respondemos de Deus, preguntaranos: ¿entón por que non crestes nel?
26 Pero se respondemos dos homes, temémoslle ó pobo, porque todos teñen a Xoán por profeta”.
27 E contestáronlle a Xesús:
-Non sabemos.
Xesús replicou:
-Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.
28 -Pero, ¿que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro, e díxolle: “Meu fillo, vai traballar hoxe na viña”.
29 El respondeu:
“Non quero”; pero despois, arrepentido, foi.
30 Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: “Vou, señor”; pero non foi.
31 -¿Quen dos dous fixo a vontade do pai?
Respondéronlle:
-O primeiro.
Entón díxolles Xesús:
-Asegúrovos que os recadadores e mailas prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós.
32 Porque veu Xoán para vos ensina-lo camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mailas prostitutas, si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.
33 -Escoitade outra parábola:
Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns viñadores e marchou para lonxe.
34 Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados ós viñadores, para cobra-las rendas.
35 Pero os viñadores agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono.
36 De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.
37 Por último, mandóulle-lo seu propio fillo, dicindo para si: “Ó meu fillo hano respectar”.
38 Pero os viñadores, ó veren o fillo, comentaron: “Este é o herdeiro: veña, matémolo, e a herdanza será nosa”.
39 E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono.
40 -Ben, ¿e cando veña o señor da viña, que fará cos viñadores aqueles?
41 Respondéronlle:
-A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendarálle-la viña a outros viñadores, que lle paguen as rendas no seu tempo.
42 Díxolles entón Xesús:
-¿Seica non lestes nunca na Escritura:A pedra que desbotaron os canteirosé agora o esquinal:
esa pedra colocouna o Señor,¡que regalía para nós!?
43 Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que produza bos froitos.
44 Quen caia enriba desa pedra, esnaquizarase; pero aquel sobre quen ela caia, ficará esmagado.
45 Oíndo as súas parábolas, os sumos sacerdotes e mailos fariseos decatáronse de que ían por eles.
46 Quixérono prender, pero tivéronlle medo á xente, que o tiña por profeta.