Evanxeo segundo San Marcos 12:1-44
12 E comezou a falarlles en parábolas:
-Un home plantou unha viña, rodeouna cun valado, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo arrendóullela a uns viñadores, e marchou para lonxe.
2 No seu tempo, mandou un criado para cobrárlle-las rendas da viña ós viñadores.
3 Pero eles, botáronse enriba del, zorregáronlle duro, e despedírono coas mans baleiras.
4 Vaise el e mándalles outro criado, pero tamén mallaron nel e aldraxárono.
5 Mandoulles outro, e matárono; e a outros moitos bouraron neles e matáronos.
6 Pero aínda lle quedaba un a quen mandar, o seu fillo benquerido; e mandóullelo de último, dicindo para si: “El é fillo meu, e hano respectar”.
7 Pero os viñadores comentaron: “¡Oi! Este é o herdeiro: veña, matámolo e ¡herdanza para nós!”.
8 E agarrárono, matárono e botárono fóra da viña.
9 ¿Que fará o dono da viña? Voltará, acabará con estes viñadores e darálle-la viña a outros.
10 ¿Ou seica non lestes aquilo da Escritura:
A pedra que desbotaron os canteiros
é agora o esquinal;
11 esa colocouna o Señor;
¡que regalía para nós!?
12 Decatándose de que a parábola ía por eles, quixérono prender, pero por medo á xente, deixárono e fóronse.
13 Mandáronlle algúns fariseos e herodianos, para o pillaren nalgunha pregunta.
14 Ó que chegaron onda el, preguntáronlle:
-Mestre, sabemos que es sincero, e non andas con miramentos, porque ti non te deixas levar polos respectos humanos, senón que ensína-lo verdadeiro camiño de Deus. ¿Está permitido pagarlle a contribución ó Cesar, ou non? ¿Pagámoslla ou non lla pagamos?
15 Xesús, decatándose da súa hipocresía, contestoulles:
-¿E por que me queredes comprometer? A ver, traédeme un denario para que o vexa.
16 Eles leváronllo, e el preguntoulles:
-¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición?
Contestáronlle:
-É do César.
17 Xesús replicoulles:
-Pois logo dádelle ó César o do César, e a Deus o de Deus.
E ficaron pasmados.
18 Chegaron uns saduceos -deses que negan que haxa resurrección-, e preguntáronlle:
19 -Mestre, Moisés deixou escrito: Se lle morre a alguén o seu irmán, deixando muller sen fillos, case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia.
20 Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos;
21 o segundo casou coa viúva e morreu tamén sen deixar fillos; o mesmo lle pasou ó terceiro;
22 e ningún dos sete deixou descendencia. Ó cabo, morreu tamén a muller.
23 Ora, cando resuciten, ¿de cal deles vai se-la muller, se ela estivo casada cos sete?
24 Xesús contestoulles:
-¿Non será que andades descamiñados precisamente porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus?
25 Pois cando resuciten nin casarán eles nin elas, porque serán coma anxos do ceo.
26 E volvendo á resurrección dos mortos, ¿non tedes lido no Libro de Moisés, no episodio da silveira, como lle falou Deus dicindo: Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob?
27 Ben, pois El non é Deus de mortos, senón dos vivos. Así que ides moi descamiñados.
28 Un letrado, que oíra a discusión, decatándose do ben que lles respondera, preguntoulle:
-¿Cal é o mais importante de tódolos mandamentos?
29 Xesús respondeulle:
-O primeiro é: Escoita, Israel: o Señor é o noso Deus, o Señor é único,
30 e amara-lo Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con tódalas túas forzas.
31 O segundo é: Amara-lo teu próximo coma a ti mesmo. Non hai mandamentos máis importantes ca estes.
32 O letrado replicou:
-Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que El é único e non hai outro fóra del;
33 e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con tódalas forzas, e o próximo coma a un mesmo, é mais importante do que tódolos sacrificios e holocaustos.
34 Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:
-Non estás lonxe do Reino de Deus.
E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.
35 Ensinando no templo, preguntou:
-¿Como din os letrados que o Mesías é fillo de David?
36 O mesmo David dixo, inspirado polo Espírito Santo:Díxolle o Señor ó meu Señor:senta á miña dereita,que vou poñe-los teus inimigoscoma estrado dos teus pés.
37 Ora, se David o chama Señor, ¿como vai se-lo seu fillo?
E a numerosa multitude escoitaba engaiolada a Xesús.
38 El seguía ensinando:
-¡Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos, e que lles fagan reverencias polas rúas;
39 buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes.
40 E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.
41 Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura.
42 E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di.
43 Entón chamou ós seus discípulos, é díxolles:
-Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos.
44 Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.