Evanxeo segundo San Lucas 5:1-39
5 Estando el á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ó seu arredor, escoitando a Palabra de Deus,
2 viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban o aparello.
3 Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e desde a barca, sentado, ensinaba á xente.
4 Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
-Voga lago adentro, e larga o aparello para pescar.
5 Respondeu Simón:
-Mestre, pasámo-la noite faenando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.
6 Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba.
7 Fixéronlles entón acenos ós compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique.
8 Vendo isto, Simón Pedro botóuselle ós pés a Xesús, dicindo:
-Señor, arreda de min, que eu son un pecador.
9 Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos con tanto peixe como colleran naquel lance.
10 O mesmo lles pasaba a Santiago e mais a Xoán, fillos de Zebedeo, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:
-Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes.
11 Varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.
12 Dunha vez estaban nunha vila e un home todo cuberto de lepra, vendo a Xesús, botouse rostro en terra e rogoulle:
-Señor, ti, se queres, pódesme limpar.
13 El estendeu a man e tocouno, dicindo:
-Pois quero, queda limpo.
E no intre desapareceu a laceira.
14 Logo mandoulle que non lle dixese nada a ninguén, e engadiu:
-Vai, preséntate ó sacerdote e ofrece pola túa purificación o ordenado por Moisés, para que lles sirva de testemuño.
15 Pero a súa sona espallábase a cada paso máis, xuntándose moita xente para escoitalo e para que lles curase as súas doenzas.
16 Mais el retirábase ós lugares arredados para orar.
17 Un día que estaba ensinando, había sentados algúns fariseos e letrados que chegaran de tódalas aldeas de Galilea, de Xudea e tamén de Xerusalén. E, co poder do Señor, el facía curacións.
18 Nisto uns homes trouxeron nunha padiola a un tolleito, mirando como metelo dentro para poñelo diante del.
19 Pero, non atopando por onde o meteren, debido á moita xente que había, subiron ó tellado e baixárono co leito por entre as tellas, ata deixalo no medio, diante de Xesús.
20 Vendo a fe que tiñan, dixo:
-Home, quédanche perdoados os teus pecados.
21 Os letrados e mailos fariseos empezaron a razoar:
-¿Pero quen é este, que así blasfema? ¿Quen pode perdoa-los pecados, senón unicamente Deus?
22 Decatándose Xesús do que pensaban, díxolles:
-¿Que cavilades nos vosos adentros?
23 ¿Que é máis fácil dicir: “perdoados quedan os teus pecados”, ou dicir: “érguete e anda”.
24 Pois, para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados -díxolle ó tolleito-: érguete, colle a padiola e vaite para a casa.
25 E así foi: erguéndose no intre diante deles, colleu a padiola e foise para a súa casa, louvando a Deus.
26 Todos ficaron pasmados, e cheos de temor louvaban a Deus, dicindo:
-¡Hoxe si que vimos cousas nunca vistas!
27 Despois disto, cando saíu, viu un recadador de impostos chamado Leví, sentado ó mostrador da contribución, e díxolle:
-Sígueme.
28 El, deixando todo, levantouse e seguiuno.
29 Leví ofreceulle na súa casa un gran banquete, e había moitos recadadores e outra xente sentados á mesa con eles.
30 E os fariseos e os seus letrados refungaban, dicíndolles ós discípulos:
-¿Por que comedes e bebedes cos recadadores e pecadores?
31 Xesús respondeulles:
-Non son os sans, senón os enfermos, os que precisan médico.
32 Eu non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores, para que se convertan.
33 Mais eles replicáronlle:
-Os discípulos de Xoán xexúan e rezan a miúdo, como tamén fan os dos fariseos, pero os teus comen e beben.
34 Xesús contestoulles:
-¿E ides facer xexua-los convidados á voda, mentres está con eles o esposo?
35 Xa chegará o día no que lles leven o esposo; daquela si que xexuarán.
36 Tamén lles propuxo esta parábola:
-Ninguén racha un vestido novo para lle botar un remendo a un vestido vello, porque quedaría roto o novo, e no vello tampouco diría ben un remendo de pano novo.
37 E tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, deitarían o viño, e estragaríanse os pelellos.
38 Xa sabedes: viño novo quere pelellos novos.
39 E ninguén que proba o viño vello, quere o novo, pois dirá: é mellor o vello.