Evanxeo segundo San Lucas 17:1-37

17  Díxolles ós seus discípulos: -É irremediable que haxa escándalos; pero ¡ai de quen os provoca!  Máis lle valía que lle colgasen unha pedra de muíño no pescozo e que o largasen ó mar antes que escandalizar a un destes pequeniños.  Andade con coidado. Se o teu irmán che fai mal, repréndeo; se se arrepinte, perdóao.  E se te ofende sete veces no día e sete veces volve a ti dicindo: “Síntoo moito”, perdóao.  Rogáronlle os apóstolos ó Señor: -¡Auméntano-la fe!  O Señor respondeulles: -Se tivesedes polo menos unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: “Arríncate e plántate no mar”, e seguro que vos obedecía.  E ¿quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da veiga: “Entra axiña e ponte á mesa”.  ¿Non lle dirá máis ben: “Prepara a cea, viste a roupa de traballo e ponme a comida; e cando eu remate de comer e beber, comerás e beberás ti?”  ¿Ou é que aínda lle vai ter que estar agradecido ó criado por face-lo que lle manda? 10  Así tamén vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: “Somos simples servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que facer”. 11  Indo camiño de Xerusalén, mentres pasaba entre Samaría e Galilea, 12  ó entrar nunha aldea, saíronlle ó paso dez gafos. Pararon ó lonxe, 13  e dando voces suplicáronlle: -Xesús, Mestre, ten dó de nós. 14  El, ó velos, díxolles: -Ídevos presentar ós sacerdotes. E aconteceu que cando ían para alá, quedaron limpos. 15  E un deles, ó se decatar de que estaba curado, volveu louvando a Deus con grandes voces. 16  E postrándose, rostro en terra, ós pés de Xesús, deulle as gracias. Era un samaritano. 17  Xesús dixo: -¿Non foron dez os que quedaron limpos? ¿Onde están os outros nove? 18  ¿Ninguén, fóra dun estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus? 19  E engadiu: -Érguete e vaite: salvoute a túa fe. 20  Preguntado polos fariseos cando chegaría o Reino de Deus, respondeulles: -O Reino de Deus chegará sen deixarse sentir. 21  De tal xeito, que non se dirá: “Velaquí, ou velaí está”; porque a verdade é que o Reino de Deus xa está entre vós. 22  E díxolles ós seus discípulos: -Virán tempos nos que arelaredes pasar un só día co Fillo do Home e non poderedes. 23  E diranvos: “Mirádeo aí, ou aquí”; pero vós non vaiades nin corrades detrás. 24  Porque coma o lóstrego brilla refulxente desde un extremo a outro do ceo, así será o Fillo do Home no seu día. 25  Pero antes é preciso que padeza moito e que esta xeración o rexeite. 26  O que pasou no tempo de Noé pasará tamén no tempo do Fillo do Home. 27  Comían e bebían e casaban eles e elas, ata o día no que Noé entrou na arca; logo veu o diluvio e acabou con todos. 28  O mesmo pasou no tempo de Lot: comían, bebían, mercaban, vendían, plantaban, construían. 29  Pero cando saíu Lot de Sodoma, choveu lume e xofre do ceo, e acabou con todos. 30  O mesmo pasará cando se manifeste o Fillo do Home. 31  Aquel día o que estea na azotea e teña as cousas dentro da casa que non baixe por elas; e o que estea na leira que tampouco non volva atrás. 32  Que vos acorde o caso da muller de Lot. 33  Quen intente salva-la súa vida perderaa; e quen a perda salvaraa. 34  Asegúrovolo: nesa noite estarán dous nunha mesma cama: levarán a un e deixarán ó outro. 35  Estarán dúas moendo xuntas; levarán a unha e deixarán a outra. 36  - 37  Eles preguntáronlle: -¿Onde Señor? Respondeulles: -Onde estea o cadáver xuntaranse os voitres.

Notas ó pé