Os Feitos dos Apóstolos 25:1-27

25  Ós tres días da súa chegada á provincia, subiu Festo de Cesarea a Xerusalén.  Os sumos sacerdotes e os principais dos xudeus presentáronse ante el acusando a Paulo e pedíanlle  de favor, con mala idea, que o fixese ir para Xerusalén, con mentes de prepararen eles unha trapela para o mataren no camiño.  Pero Festo respondeu que Paulo estaba preso en Cesarea e que el mesmo marcharía axiña.  E dixo: -Que os principais de entre vós veñan comigo e, se hai algúns delito nese home, que o acusen.  Logo de botar entre eles non máis de oito ou dez días, baixou a Cesarea e para o outro día sentou no tribunal e mandou traer a Paulo.  Cando chegou, rodeárono os xudeus que baixaran de Xerusalén, presentando contra el moitas e graves acusacións, que non eran capaces de probar.  Paulo, pola súa banda, defendíase dicindo: -Non faltei en nada nin contra a Lei dos xudeus, nin contra o Templo nin contra o César.  Entón Festo, querendo poñerse a ben cos xudeus, respondeulle a Paulo: -¿Queres subir a Xerusalén e que te xulguen alí sobre todo isto na miña presencia? 10  Pero Paulo respondeu: -Estou diante do tribunal do César e é aquí onde se me debe xulgar. Non lles fixen mal ningún ós xudeus, como ti mesmo sabes ben. 11  Se son culpable e cometín algunha cousa que mereza a morte, non me nego a morrer; pero, se non hai fundamento en ningunha das cousas de que eles me acusan, ninguén ten o dereito de me entregar a eles. ¡Apelo ó César! 12  Entón Festo, logo de consulta-los seus conselleiros, respondeu: -¡Xa que apelas ó César, irás ó César! 13  Pasados algúns días, o rei Agripa e Berenice chegaron a Cesarea, a saudar a Festo. 14  Como botaron alí días, Festo informou ó rei do caso de Paulo, dicíndolle: -Hai aquí un home que Fiz deixou preso, 15  a quen acusaron os sumos sacerdotes e os senadores dos xudeus, estando eu en Xerusalén e pediron a súa condena. 16  Respondinlles que non é costume romano entregar un home sen enfrontalo cos seus acusadores e dándolle a posibilidade de se defender da acusación. 17  Viñeron comigo ata aquí e, sen demorarme nada, sentei para o outro día no tribunal e mandei trae-lo home. 18  Os acusadores compareceron, pero non presentaron ningunha acusación dos delitos que eu sospeitaba; 19  só tiñan en contra del unhas cuestións acerca da súa relixión e dun certo Xesús defunto, de quen Paulo afirma que vive. 20  Sen saber que decidir nestas cuestións, pregunteille se quería ir a Xerusalén para xulgalo alí; 21  pero Paulo apelou, pedindo que o seu caso fose reservado ó xuízo do emperador e mandei que o gardasen ata mandarllo ó César. 22  Entón Agripa díxolle a Festo: -Gustaríame a min tamén escoitar a ese home. Respondeulle: -Mañá sentiralo. 23  Ó día seguinte, viñeron Agripa e Berenice con grande pompa, e entraron na sala da audiencia, rodeados dos tribunos e dos principais da cidade. A unha orde de Festo, levaron a Paulo. 24  Festo dixo: -Rei Agripa e tódolos que estades aquí presentes connosco: ese é o home contra quen tódolos xudeus viñeron onda min, tanto en Xerusalén coma aquí, berrando que non debería vivir máis. 25  Eu recoñecín que non fixera nada que mereza a morte; pero, como el apelou ó emperador, decidín mandarllo. 26  Pero non sei que lle hei de escribir en concreto do seu caso ó emperador. Por iso mandeino traer á vosa presencia, sobre todo á túa, rei Agripa, para que, feito o interrogatorio, teña algunha cousa que escribir, 27  pois paréceme que non ten xeito mandar un preso sen indica-los cargos que hai contra el.

Notas ó pé