Os Feitos dos Apóstolos 21:1-40

21  Despois de nos serpararmos deles, embarcamos e fomos dereitos cara a Cos; ó día seguinte, a Rodas; e de alí, a Pátara.  Encontramos un barco que ía face-la travesía a Fenicia, embarcamos nel e seguímo-la viaxe.  Chegando a dexergar Chipre, que deixamos á esquerda, navegamos para Siria e chegamos a Tiro, pois alí tiña que descarga-lo barco.  Atopámo-los discípulos e paramos alí sete días. Eles, movidos polo Espírito, dicíanlle a Paulo que non subise a Xerusalén.  Pasados aqueles días, partimos. Todos, xunto coas mulleres e mailos fillos, nos acompañaron ata as aforas da cidade e, postos de xeonllos na praia, rezamos.  Despois de nos despedirmos uns dos outros, nosoutros embarcamos e eles volveron para as súas casas.  Nós, rematando a travesía, fomos de Tiro a Tolemaida, saudámo-los irmáns e quedamos un día con eles.  Marchamos para o outro día. Chegamos a Cesarea e, entrando na casa do evanxelista Felipe, un dos Sete, paranos onda el.  Felipe tiña catro fillas virxes, que falaban inspiradas. 10  Botamos alí bastantes días e baixou de Xudea un profeta, chamado Ágabo, 11  que nos veu ver e, tomando o cinto de Paulo, atouse de pés e mans, dicindo: -Isto di o Espírito Santo: así atarán os xudeus en Xerusalén ó dono deste cinto e entregarano nas mans dos pagáns. 12  Ó sentirmos isto, nós e os do lugar insistiámoslle a Paulo que non subise a Xerusalén. 13  Daquela respondeu Paulo: -¿A que vén tanto pranto? ¿Seica me queredes desmoralizar? Eu estou disposto non só a deixarme atar, senón tamén a morrer en Xerusalén polo nome do Señor Xesús. 14  E, como non se deixaba convencer, desistimos, dicindo: “que se faga a vontade do Señor”. 15  Pasados aqueles días e feitos os preparativos, subimos a Xerusalén. 16  Viñeron connosco algúns discípulos de Cesarea, e leváronnos a pousar á casa dun certo Nasón, chipriota, discípulo desde o comezo. 17  Chegados a Xerusalén, os irmáns recibíronnos con alegría. 18  Para o outro día, foi Paulo connosco cabo de Santiago, e estaban presentes tódolos responsables. 19  Logo de os saudar, contoulles unha por unha as cousas que Deus fixera entre os pagáns polo seu ministerio. 20  Ó sentilo, glorificaron a Deus pero dixéronlle. -Xa ves, irmán, os milleiros de xudeus que abrazaron a fe; e todos son celosos defensores da Lei; 21  pero de ti sentiron dicir que ensinas a tódolos xudeus que están entre os pagáns a se apartaren de Moisés, dicindo que non circunciden os seus fillos nin sigan as tradicións. 22  ¿Que imos facer agora? Todos saberán que chegaches. 23  Fai logo o que che dicimos: hai aquí catro homes que están ofrecidos: 24  lévaos canda ti, purifícate con eles e paga por eles para que rapen a cabeza e que todos saiban que non hai nada do que se di, senón que ti mesmo es un practicante da Lei. 25  No que toca ós pagáns que abrazaron a fe, mandámoslles por escrito a nosa decisión: que se garden das carnes sacrificadas ós ídolos, do sangue, das carnes sen desangrar e das unións deshonestas. 26  Entón Paulo, para o outro día, levou consigo aqueles catro homes, purificouse xunto con eles e entrou no templo para avisar cando acababan os días da purificación e tocaba presenta-la ofrenda por cada un deles. 27  Cando estaban para se cumpri-los sete días, os xudeus da Asia, que o viran no templo, encirraron a todo o persoal e botáronlle as mans, 28  berrando: -¡Israelitas, axudádenos! Este é o home que por tódolos sitios anda ensinando a todos en contra do pobo, da Lei e deste lugar; e para máis meteu uns gregos no templo, profanando este lugar santo. 29  (Vírano antes pola cidade co efesio Trófimo e coidaban que Paulo o metera no templo). 30  O boureo correuse por toda a cidade, e apareceu xente por tódalas partes. Agarraron a Paulo, arrastrárono fóra do templo e pecharon as portas. 31  Estaban para o mataren, cando lle chegou a noticia ó xefe da garnición militar de que toda Xerusalén estaba en revolta. 32  De contado colleu soldados e oficiais e baixou correndo cara a eles. Estes, ó velos, deixaron de mallar en Paulo. 33  Cando chegou, o tribuno colleuno, mandouno prender con dúas cadeas e preguntoulles quen era e o que fixera. 34  Pero de entre a xente cada un berraba súa cousa. Non podendo saber nada seguro, debido ó balbordo, mandouno levar para o cuartel. 35  Ó chegaren ás escadas, era tal a violencia da xente, que o tiveron que levar en peso os soldados, 36  pois a xente seguía a berrar: “¡que morra!”. 37  Cando o ían meter no cuartel, díxolle Paulo ó tribuno: -¿Podo falarche unhas palabras? El preguntoulle: -¿Sabes grego? 38  Entón ¿ti non e-lo exipcio que hai pouco sublevou e levou ó deserto catro mil guerrilleiros? 39  Respondeulle Paulo: -Eu son un xudeu de Tarso, cidadán dunha coñecida cidade de Cilicia. Rógoche que me permitas falarlle á xente. 40  Deulle permiso, e Paulo, de pé nas escadas, acenou coa man pedíndolle silencio á xente. Fíxose un gran silencio e díxolles isto en lingua hebrea.

Notas ó pé