Ezequiel 2:1-10
2 Díxome:
-Fillo de Adam, ponte de pé, que che vou falar.
2 Entón, mentres me estaba a falar, entrou en min un espírito que me puxo de pé, e escoitei o que estaba a falar.
3 Díxome:
-Fillo de Adam, eu voute mandar onda os fillos de Israel, onda un pobo de rebeldes que se reviraron contra min -eles e mailos seus pais-, que pecaron contra min, ata o mesmo día de hoxe.
4 Estes fillos, ¡que duros son de cara! ¡Que obstinados de corazón! Voute mandar onda eles, e vaslles dicir: “Así fala o Señor, Iavé”.
5 Deste xeito, eles -escóitente ou rexéitente, pois son casa rebelde- han saber de certo que hai un profeta no medio deles.
6 E ti, fillo de Adam, non teñas medo nin a eles nin ó que eles che digan. Certo que se reviraron contra ti e que te rexeitaron, pero aínda que sentes sobre alacráns, non teñas medo ó que che digan, nin te sintas acovardado ante eles, pois son casa rebelde.
7 Diráslle-las miñas palabras, escóitente ou rexéitente, pois son rebeldes.
8 E ti, fillo de Adam, escoita o que eu che digo: “¡Non sexas rebelde coma a casa rebelde! Abre a túa boca e come o que eu che dou”.
9 Entón tiven unha visión, e velaí unha man estendida cara a min, e, na man, un libro en forma de rolo.
10 Estaba escrito por unha cara e mais pola outra; estaban escritas nel elexías, prantos e mais lamentacións.