Ezequiel 14:1-23
14 Viñeron onda min uns homes de entre os anciáns de Israel,
que sentaron en fronte de min.
2 Entón veume a palabra do Señor nestes termos:
3 -Fillo de Adam, estes homes traen os ídolos no corazón, poñen diante deles o que os fai caer nas súas iniquidades, ¿voume deixar consultar?, ¿voume deixar consultar por eles?
4 Por isto fálalles e dilles: así fala o Señor, Iavé:
-Calquera home da casa de Israel que traia os seus ídolos no corazón, e que traia diante del o que o fai caer nas súas iniquidades, se vén onda o profeta, eu, Iavé, virareime contra o profeta por culpa del, por culpa da multitude dos seus ídolos.
5 Deste xeito, sorprenderei á casa de Israel nos seus pensamentos, pois apartáronse de min por culpa de tódolos seus ídolos.
6 Por isto, dille á casa de Israel: así fala o Señor, Iavé. Arrepentídevos e convertédevos das vosas idolatrías, e retirade a cara de tódalas vosas abominacións,
7 pois, se un calquera da casa de Israel ou dos forasteiros que residen en Israel se aparta de min e trae os seus ídolos no corazón e pon diante de si o que o fai caer nas súas abominacións, e logo vén a xunto do profeta consultarme por medio del, eu, Iavé, virareime contra o profeta por culpa súa.
8 Encarareime con el, convertereino nun escarmento proverbial e arrincareino do medio do meu pobo. Deste xeito vós recoñeceredes que eu son o Señor.
9 En canto a ese profeta, se se deixa seducir e pronuncia un oráculo, eu, o Señor, seducirei a ese profeta, estenderei a miña man contra el e extirpareino do medio do meu pobo, Israel.
10 Os dous cargarán coa súa culpa, pois a culpa do profeta é a mesma cá culpa do que fai a consulta.
11 Deste xeito a casa de Israel non volverá apartarse de min, nin volverá profanarse con tódalas súas infidelidades, senón que serán o meu pobo e eu serei o seu Deus -é o Señor, Iavé, quen fala-.
12 Veume a palabra do Señor nestes termos:
13 -Fillo de Adam, poñámo-lo caso dunha cidade: se peca contra min e comete un sacrilexio, entón eu estendo a miña man contra ela, córtolle as provisións de pan, mando contra ela a fame e retiro dela homes e animais.
14 Se estivesen no medio da cidade estes tres homes, Noé, Daniel e Xob, eles salvarían a vida por mor da súa xustiza.
15 Ou se non, se eu soltase feras salvaxes nesa cidade deixándoa sen fillos, volveríase unha desolación por falta de quen pasase por ela a causa das feras;
16 aínda que estes tres homes estivesen no medio dela, xúroo pola miña vida -é o Señor, Iavé, quen fala- que nin salvarían os seus fillos nin as súas fillas, senón que soamente eles se salvarían e a cidade quedaría feita unha desolación.
17 Ou se non, se mandase a espada contra esa cidade e dese ordes de que a espada atravesase a cidade, e deste xeito eu eliminase dela homes e animais,
18 aínda que estivesen dentro da cidade estes tres homes, ¡xúroo pola miña vida! -quen fala é o Señor, Iavé- que non salvarían os seus fillos nin as súas fillas, senón que se salvarían eles sós.
19 Ou se non, se eu mandase peste a ese país e contra el vertese o meu noxo en sangue, eliminando dese país homes e animais,
20 aínda que Noé, Daniel e Xob estivesen no país, ¡xúroo pola miña vida! -quen fala é o Señor, Iavé- que non salvarían nin fillo nin filla, aínda que por mor da súa xustiza eles salvarían a vida.
21 Velaí o Señor Iavé, que fala así: -Aínda que eu mande contra Xerusalén os meus catro terribles castigos: a espada, a fame, as feras salvaxes e maila peste para eliminar dela homes e animais,
22 dela quedarán só os fuxidos, os fillos e mailas fillas que puideron escapar. Ollade que virán onda vós, e vós comprobaréde-lo seu comportamento e os seus feitos; deste xeito consolarédesvos da desgracia que eu trouxen contra Xerusalén, de todo o que trouxen contra ela.
23 Os mesmos fuxidos vos consolarán, pois comprobaréde-lo seu comportamento e mailos seus feitos. Vós recoñeceredes que non sen razón fixen eu todo o que fixen nela -quen fala é o Señor Iavé-.