Ester 8:1-17

8  Aquel mesmo día o rei Axuero deulle á raíña Ester a casa de Hamán, o perseguidor dos xudeus, e Mardoqueo foi presentado ó rei, que xa lle descubrira que era familiar da raíña.  E colleu o rei o anel que lle quitara a Hamán e deullo a Mardoqueo, e Ester púxoo á fronte da casa de Hamán.  Volveu Ester a falar diante do rei e prosternouse na súa presencia ata os seus pés, e chorando suplicoulle que mandara anular tódolos males que Hamán, o agaguita, decretara contra os xudeus, e tódalas maquinacións que intentara contra eles.  O rei estendeu o seu cetro de ouro de cara a Ester e fíxoa levantar diante súa.  Ester díxolle: —“Se ó rei lle prace e se atopei gracia ós seus ollos, e se xulga axeitada a miña palabra na súa presencia e me ten a min por boa á súa vista, que se escriba a revocación das cartas das maquinacións de Hamán, fillo de Amedata, agaguita, que el escribira para aniquila-los xudeus de tódalas provincias do rei.  Porque ¿como podería eu ve-la desventura do meu pobo e soporta-la desfeita da miña raza?”.  O rei Axuero respondeulle á raíña Ester e a Mardoqueo, o xudeu: —“Xa lle dei a Ester a casa de Hamán, e a el mandei que o pendurasen no madeiro que el mesmo fixera erguer para os xudeus.  Vós, pola vosa parte, no que se refire ós xudeus, escribide o que vos pareza ben a xuízo voso no nome do rei e seládeo co anel do rei, porque todo escrito feito no nome do rei e selado co seu anel non se pode revocar”.  Foron chamados os escribáns do rei naquel mesmo intre no terceiro mes, o de Siván, no día vintetrés, e escribiron todo o que lles mandaba Mardoqueo ós xudeus, ós sátrapas, ós inspectores e xefes das provincias desde a India ata Etiopía, cento vintesete provincias; a cada provincia segundo a súa escritura e a cada pobo de acordo coa súa lingua e ós xudeus tamén de acordo coa súa escritura e lingua. 10  Escribiron no nome do rei Axuero e selaron co anel do rei e mandaron os escritos por medio dos correos montados en cabalos das cortes do rei. 11  Nos escritos, o rei autorizaba ós xudeus que habitaban en tódalas cidades, a se poderen xuntar para defende-las súas vidas, para ferir, matar e exterminar a toda persoa dos pobos que os atacasen, sen lles perdoar ás mulleres nin ós nenos, e para lles saquea-los seus bens; 12  e todo isto no mesmo día en tódalas provincias do rei Axuero, o día trece do mes doce, o mes de Adar. 13  O texto deste documento debía ser publicado, coma lei, en todas e cada unha das provincias, e promulgado en tódolos pobos, para que os xudeus estivesen preparados naquel mesmo día para se vingaren dos seus inimigos. 14  Os correos, montados en cabalos da mellor caste, saíron correndo de présa, como ordenaba o decreto do rei; o edicto foi publicado tamén no castelo de Xuxán. 15  Mardoqueo saíu da presencia do rei vestido con roupas reais de púrpura, violeta e liño branco, cunha gran diadema de ouro e un manto de fino liño e púrpura; a cidade de Xuxán rebordaba de ledicia e gozo. 16  Para os xudeus foi todo luz, ledicia, triunfo e gloria. 17  En tódalas provincias e cidades, en tódolos lugares nos que se publicaba a orde e decreto do rei, entre os xudeus había ledicia triunfal, xantares e rexouba de festa. Moitos xentís daquelas terras se fixeron xudeus, porque un gran temor se apoderou deles con relación ós xudeus.

Notas ó pé