Ester 4:1-17

4  Soubo Mardoqueo canto se fixera e rachou os seus vestidos, vestiuse de saco, cubriuse de borralla e saíu ó medio da cidade dando laios e dicindo: -“Desaparece un pobo inocente”.  Chegou ata a porta do pazo, pois ninguén pode entrar da porta para adentro vestido de saco.  En cada provincia, onde ía chegando a orde do rei, o seu decreto, os xudeus facían pranto, xexún, dó e loito; e o saco e a cinsa eran o leito para moitos.  As doncelas e os eunucos de Ester entraron onda ela e contáronlle todo. A raíña quedou abraiada, e mandoulle roupa a Mardoqueo para que se vestise e quitase o saco, pero el non quixo.  Chamou Ester a Hatak, un dos eunucos do rei, que el puxera ó servicio dela, e mandouno onda Mardoqueo para informarse de que era aquilo e a que se debía.  Saíu Hatak e foi onda Mardoqueo, que estaba na praza que hai diante da porta do pazo,  e Mardoqueo contoulle todo o que acontecera e a cantidade de diñeiro que Hamán prometera botar nas arcas do tesouro de rei polo exterminio dos xudeus.  Deulle unha copia escrita do decreto publicado en Xuxán para destruílos, para que llo mostrase a Ester e que ela o coñecese; e mandouna que se presentase ó rei para lle rogar e suplicarlle que se considerase do seu pobo.  Entrou Hatak e transmitiulle a Ester as verbas de Mardoqueo. 10  Ester mandou a Hatak que lle dixese a Mardoqueo: 11  -“Tódolos funcionarios do rei e tódolos habitantes das provincias saben que calquera home ou muller, que se presente diante do rei no patio interior sen ser chamado, é condenado a morte pola lei, agás aquel a quen o rei toque coa punta do cetro de ouro; e eu xa hai trinta días que non fun chamada para entrar onda o rei”. 12  Comunicáronlle a Mardoqueo as verbas de Ester, 13  e Mardoqueo mandoulle dicir: -“Non vaias imaxinar que, por estares na casa do rei, só ti de entre tódolos xudeus te vas salvar, 14  porque se neste intre ti calas, doutra parte virá a axuda e a liberación dos xudeus, mentres ti e maila casa do teu pai pereceredes. ¿Quen sabe se para un momento coma este chegaches a ser raíña?”. 15  Ester mandoulle dicir a Mardoqueo: 16  -“Vai e xunta a tódolos xudeus que hai en Xuxán e xexuade por min, sen comer nin beber nada en tres días e tres noites. Eu e mailas miñas doncelas tamén xexuaremos. Despois entrarei onda o rei, aínda que teña que morrer por culpa do decreto real”. 17  Mardoqueo foise e fixo todo o que lle mandara Ester.

Notas ó pé